13.2.12

Boiro: corenta e cinco mozos foron á estación invernal leonesa de San Isidro coa asociación cultural "Borobó"

  • Recuncarán en marzo, pois xa hai nova viaxe prevista na primeira fin de semana
Boiro, 13 de febreiro de 2012. A asociación cultural "Borobó" vén de organizar unha viaxe á estación invernal de San Isidro (León) durante a pasada fin de semana, á que asistiron corenta e cinco mozas e mozos, a práctica totalidade menores de 25 anos, para disfrutar de dous días de práctica de esquí ou snowboard e unha experiencia de convivencia con outros xoves.

Puideron gozar dunha boa climatoloxía ao longo dos trinta quilómetros esquiables nas pistas da estación leonesa. A saída realizouse o venres á unha e media da madrugada e o regreso levouse a cabo na noite do domingo. Desta forma permitiuse que calquera persoa interesada en asistir, estudante ou traballador, non tivera problemas coa incompatibilidade de horarios.

A experiencia repítese trala boa aceptación que tivo no pasado ano, sendo
xa ésta a terceira ocasión na que se organiza esta viaxe, aínda que desta vez a
meirande parte dos asistentes pertencían ao municipio boirense, salvo seis persoas. O presidente da asociación, Jorge Campaña, quixo incidir nos beneficios destas actividades nas que os mozos e mozas poden aprender e divertirse coa práctica de deportes de inverno, e destacou especialmente “o ambiente de respeto e educación entre tódolos integrantes así como o feito de que cada vez resulta menos complexa a planificación pois a xente colabora nas distintas labores, como o reparto de forfaits, o reconto da xente, a organización das comidas ou o aluguer de equipos”. Como consecuencia da boa acollida da actividade, Borobó xa ten cerrada unha nova data, a fin de semana do tres e catro de marzo, pois xa comezan a contar cun grupo fidelizado dunhas vinte persoas a estas actividades, que agradeceron á entidade a oferta deste tipo de servizos e iniciativas para a xente nova.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o martes 28 de febreiro, charla sobre Marilyn Monroe. "Ni rubia ni tonta"

Boiro: o IES A Cachada presenta o 14 de febreiro "Amores prohibidos 2.0", un repaso aos clásicos a través do teatro e as redes sociais

DOSSIER AMORES PROHIBIDOS.doc Download this file


Boiro, 13 de febreiro de 2012. Mañá, Día dos Namorados, é a data escollida -non por casualidade, como indica Mariano Muñiz Blanco, director do IES A Cachada- para a presentación do proxecto "Amores prohibidos 2.0".

Como se explica no dossier adxunto a esta información, Amores Prohibidos 2.0 é teatro en tempo real difundido a través das redes sociais. Segundo a compañía de teatro promotora e responsable desta actividade, Chévere, "é a primeira vez que se fai algo así en España. En Inglaterra fíxoo a The Royal Shakespeare Company con http://suchtweetsorrow.com".

http://www.slideboom.com/presentations/488420/Amores-Prohibidos-2.0

Para acubillar a presentación, que será no hall do instituto dende as 12:15, no recreo, o instituto estará profusamente decorado co logotipo do proxecto e traballos artísticos feitos polos escolares con alusións á tematica do día, o amor. Con ese telón de fondo, os de Chévere poranse a facer a súa especialidade: unha performance na que buscarán promover o proxecto, animar a todo o mundo a participar, a difundilo e a comentalo nas diferentes redes sociais (Facebook, Twitter e Tuenti sobre todo. Algún día alguén se lembrará de Cabozo.com, a rede social con código bravú integramente en galego).

En breve haberá máis información na web http://redenasa.tv

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: febreiro tamén é boa época para visitar o Museo Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal, 13 de febreiro de 2012. O frío poderá ser siberiano pero non arredra, neste mes de febreiro, ás primeiras visitas do ano que xa se deixan sentir nas instalacións do Museo Valle-Inclán. O pasado sábado 11 de febreiro, un grupo de 35  asturianos incluíron como parte do seu itinerario por terras galegas un percorrido polos dominios pobrenses e unha visita ao Museo Valle-Inclán, onde se deixaron guiar a través das súas salas pola técnica do centro, Begoña Olveira, coa fin de coñecer un pouco máis sobre o escritor.

A súa visita continuou logo polas rúas máis céntricas da Pobra para coñecer os lugares máis emblemáticos da vila, dende o seu patrimonio eclesiástico ata o civil.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical