2.4.13

Porto do Son: ata o 21 de abril, "Vai de mar e o álbum ilustrado", na casa da cultura

Porto_do_son_expo_libro

  • Actividade para a promoción da lectura en colaboración cos centros de ensino do Concello de Porto do Son, a Biblioteca Pública Municipal “Xerardo Díaz” e o Ies de Porto do Son con motivo da celebración do Mes do Libro
  • Recolle escolma de traballos dalgúns dos ilustradores máis destacados do panorama galego, cedida por GALIX -Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil-, os fondos das bibliotecas e traballos do alumnado
  • Busca achegar á comunidade educativa e ao público en xeral un xénero que engaiola e vai más alá do ámbito infantil

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: rematado outro cursiño para coidar a persoas dependentes

Media_httpfarm9static_bnatr

O pasado 28 de marzo rematou o segundo curso para coidadores/as de persoas dependentes organizado pola concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro “Interrelación e comunicación coa persoa dependente e o seu entorno” de 40 horas de duración.

Á clausura do curso asistiu a concelleira da área, Marisol Boga Grela, quen fixo entrega do diploma acreditativo a cada unha das 30 persoas que o realizaron.

Este é  o segundo dos cursos gratuítos que este ano organiza esta concellería para coidadores/as de persoas dependentes. É de destacar que cada vez máis xente moza se inscribe nestes cursos e vai aumentando progresivamente a participación e o interese dos homes neste tipo de cursos que ata agora era practicamente exclusivo de mulleres.


Antes, en Certo:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a rúa Padre Sarmiento estará arranxada en xuño

Media_httpfarm9static_cuykr

Ribeira, 2 de abril de 2013.- O Concello de Riveira informa do inicio das obras de renovación da pavimentación e servizos da rúa Padre Sarmiento, no barrio de Abesadas. A empresa Lisardo Inversiones, S.L. é a encargada de executar a actuación, que ten un prazo de execución de tres meses. O seu importe ascende a 119.613,64 euros.

Actualmente a rúa Padre Sarmiento atópase moi deteriorada. O seu firme de formigón está moi danado e polo que respecta aos seus servizos, as tubaxes de abastecemento son de fibrocemento, o colector de saneamento é de formigón e non existe rede separativa de augas pluviais e fecais.

Co fin de renovar estes servizos, o proxecto recolle as seguintes actuacións:

  • Auga: substituirase a tubaxe existente por outra de polietileno de alta densidade de 90 milímetros de diámetro. Realizaranse acometidas ás vivendas.
  • Saneamento de fecais: colorase polo centro da calzada un colector de PVC liso de 315 milímetros de diámetro. Construiranse arquetas de rexistro cada 30 ou 35 metros.
  • Saneamento de pluviais: disporanse polo centro da rúa un colector de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro. Colocaranse arquetas sumidoiro e realizaranse acometidas ás vivendas.

Adoquín de formigón

En canto á pavimentación, empregarase adoquín de formigón prefabricado en cores gris e vermello. O firme actual será  demolido antes de compactar a esplanada resultante e colocar o novo.

Esta nova actuación súmase a outras iniciativas acometidas durante os últimos meses co fin de proseguir coa mellora e posta en valor do barrio de Abesadas. Entre elas, cabe destacar a construción da pista multideporte Irmáns Parada Alvite, a renovación do alumeado público no parque público de Abesadas e no seu entorno, a humanización da travesía que descorre entre o colexio Galaxia e a Casa da Xuventude ou a reordenación do tráfico de vehículos, sen esquecer a configuración dunha área de ocio, cun parque canino, unha pista de skate e outra de BMX (bicicleta acrobática), na zona veciña do Centenario.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: dúas artistas ribeirenses e unha sonense colgan "A paisaxe encontrada" no centro social de Cabo de Cruz en abril

  • A paixase encontrada é o título da exposición de pintura colectiva de Inés Parada, Loli Regueira e Pili Sampedro
  • Pódese ollar de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00h e de martes a xoves de 16:00 a 19:00 horas
  • Inés Parada (1993, Ribeira), Pili Sampedro (1987, Porto do Son) e Loli Regueira (1987, Ribeira) recollen nesta exposición obras de carácter abstracto baseadas na paisaxe. 

Media_httpfarm9static_jvkjt

  • Como explica Pili Sampedro, estas pezas constrúen a interrelación existente entre os elementos que conforman o cadro: a cor, a liña, o material o formato ou o entorno en retratos introspectivos que mostran o estado anímico en relación do autor co espazo no que se desenvolve a súa experiencia vivencial e materializándose en formas dun tratamento controlado, similar á escritura automática.
  • Ou unha abstracción dos elementos esenciais, que se envolven e acarician xogando coa materia, no caso das pezas de Inés Parada, inspiradas nas estacións.
  • Como un conxunto de “achados creativos” define Loli Regueira esta mostra; a pintura como creación de novas e persoais paisaxes do mundo que nos acercan a encontrar un lugar propio produto da espontaneidade do maxín.
  • A mostra achega a actividade artística mais pura e procesual vivida no taller do artista, lugar onde se pensa e traballa, e onde se da ese instante de falar con un mesmo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este xoves 4, na biblioteca, comezan os "Xoves Literarios", con Antón Riveiro Coello

  • Fran Godón, da Pobra; Xoán Pastor Rodríguez e Blanca Ana Roig, de Porto do Son, serán os outros tres autores da bisbarra que pronunciarán as conferencias

Ribeira, 2 de abril de 2013.- Por segundo ano consecutivo, e de xeito simultáneo á programación do Abril Mes dos Libros, o Concello vén de poñer en marcha os chamados “Xoves Literarios”: catro conferencias que se desenvolverán cada xoves do presente mes, impartidas por unha selección de recoñecidos autores nacidos ou moi vinculados coa comarca de Barbanza.

Media_httpfarm9static_shwdy

A concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, foi a encargada de presentar este ciclo literario que se celebrará na Biblioteca Municipal, situado na rúa Manuel Lustres Rivas. Estivo acompañada no acto de hoxe do arquiveiro municipal, José Manuel Otero, e da responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín.

Mª Carmen Vizcaya destacou o prestixio e traxectoria dos catro autores que quixeron implicarse no evento: os creadores Antón Riveiro Coello e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, a investigadora Blanca Ana Roig e o especialista en arte dramática Fran Godón.

A programación está formada polas seguintes charlas:

Xoves, 4 de abril, ás 20 horas

“As razóns da escrita. Un país sen límites”

Antón Riveiro Coello

 

Xoves, 11 de abril, ás 20 horas

“O teatro galego: circunstancias e antecedentes”

Francisco Godón Davila

 

Xoves, 18 de abril, ás 20 horas

"Cervantes e o Quixote en Galicia"

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría

 

Xoves, 25 de abril, ás 20 horas

"Educación literaria, saberes e enciclopedia do mediador "

Blanca Ana Roig Rechou

CURRICULA DOS CONFERENCIANTES:

Antón Riveiro Coello. Naceu en Xinzo de Limia en 1964. Cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente é funcionario da Administración Autonómica. A súa obra, traducida a varios idiomas, ten sido galardoada con diversos premios entre os que salienta o Premio da Crítica Española, o premio de Narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Manuel García Barros de Novela, o Torrente Ballester de Narrativa (finalista), o Camilo José Cela de Narrativa, o Manuel Murguía, o Modesto R. Figueiredo, o Café Dublín, o Castelao de Narrativa, o Ourense de Contos, o Breogán de Contos, etc. Ademais de participar en medio cento de colectivas, é autor dos seguintes libros: Valquiria, (Ed.Novo Século.1994), Parque Central e outros relatos (Ed. Espiral Maior 1996), A historia de Chicho Antela (Espiral Maior,1997), A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Animalia (Galaxia, 1999), As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Homónima (Galaxia, 2001), Cartafol do Barbanza (A Nosa Terra, 2002), A canción de Sálvora (A Nosa Terra, 2003), A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003), Limaiaé (Centro de Cultura Popular do Limia, 2005), Casas Baratas (Galaxia, 2005), A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia 2007), As pantasmas de auga (Bourel, 2010), O paso do esquecemento (Centro de Cultura Popular do Limia, 2011) e Laura no deserto (Galaxia, 2011).

 

Fran Godón Davila. Naceu en A Pobra do Caramiñal. É o director de UT·Tópico Teatro, compañía teatral propia da Asociación Cultural Turbina, da Pobra do Caramiñal. Licenciado en Filoloxía na Universidade de Santiago e posgraduado Especialista en Arte Dramática  na mesma universidade. Traballou teatro universitario en varias compañías, e na propia Aula de Teatro da USC, desenvolvendo a súa maior labor no grupo Teatro no Aramio de Santiago, do que é responsable máximo dende hai catro anos. No 2011 crea a súa propia compañía e a súa primeira montaxe: Baile de sombras; a obra estreouse en novembro do 2011 en Berlín, ao ser seleccionada a obra para participar no certame 3 Noches Españolas, unha iniciativa da compañía madrileña Theatreuropa que conta co apoio do Ministerio de Cultura, e galardoada co premio Xuventude Crea 2012, organizado pola Xunta de Galicia e que procura a mellor obra, feita por xente nova, do ano. Neste ano 2013 estrea Faust-Box coa súa compañía, obra da súa autoría na que ademais é intérprete. Mentres traballa na creación de novos produtos desenvolve na Pobra o obradoiro P-12, lugar de formación teatral para adolescentes e en Riveira colabora tamén con persoas afeccionadas ao teatro no seu interese de convertérense en actores e actrices.

 

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. Naceu en Xuño (Porto do Son) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa responsabilidade pública é moi extensa, e exerceu como alcalde de Porto do Son na pasada lexislatura. É home interesado pola cultura e polo que ela produce, autor de varias publicacións, entre as que destacan Escritores da Barbanza, Dicionario de escritores ribeirenses, Dicionario Ramón Piñeiro ou Cervantes e o Quixote en Galicia. Profesor en diferentes colexios, activo membro de varias asociacións culturais, entre as que destaca o seu enorme traballo na Asociación Cultural Barbantia.

 

Blanca Ana Roig Rechou. Naceu en Portosín (Porto do Son). É profesora de Literatura galega e Literatura Infantil e Xuvenil nas Facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela onde coordina o Grupo de Investigación LITER21 “Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas” (GI-1839). Investigadora no “Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades”, onde dirixe dous proxectos de Investigación "Informes de Literatura" e "Literatura Infantil e Xuvenil".  Presidenta da Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e membro das Asociación de investigadores de Literatura infantil e J/Xuvenil galegos e portugueses (ELOS), da que foi presidenta. Tamén membro da asociación de investigadores galegos de Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia. Investigadora principal da Red temática de investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI). Autora de monografías e diferentes traballos sobre Literatura galega e literatura infantil e xuvenil, como se pode consultar en webspersoais.usc.es/persoais/blanca.roig/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical