- Fran Godón, da Pobra; Xoán Pastor Rodríguez e Blanca Ana Roig, de Porto do Son, serán os outros tres autores da bisbarra que pronunciarán as conferencias
Ribeira, 2 de abril de 2013.- Por segundo ano consecutivo, e de xeito simultáneo á programación do Abril Mes dos Libros, o Concello vén de poñer en marcha os chamados “Xoves Literarios”: catro conferencias que se desenvolverán cada xoves do presente mes, impartidas por unha selección de recoñecidos autores nacidos ou moi vinculados coa comarca de Barbanza.
A concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, foi a encargada de presentar este ciclo literario que se celebrará na Biblioteca Municipal, situado na rúa Manuel Lustres Rivas. Estivo acompañada no acto de hoxe do arquiveiro municipal, José Manuel Otero, e da responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín.
Mª Carmen Vizcaya destacou o prestixio e traxectoria dos catro autores que quixeron implicarse no evento: os creadores Antón Riveiro Coello e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, a investigadora Blanca Ana Roig e o especialista en arte dramática Fran Godón.
A programación está formada polas seguintes charlas:
Xoves, 4 de abril, ás 20 horas
“As razóns da escrita. Un país sen límites”
Antón Riveiro Coello
Xoves, 11 de abril, ás 20 horas
“O teatro galego: circunstancias e antecedentes”
Francisco Godón Davila
Xoves, 18 de abril, ás 20 horas
"Cervantes e o Quixote en Galicia"
Xoán Pastor Rodríguez Santamaría
Xoves, 25 de abril, ás 20 horas
"Educación literaria, saberes e enciclopedia do mediador "
Blanca Ana Roig Rechou
CURRICULA DOS CONFERENCIANTES:
Antón Riveiro Coello. Naceu en Xinzo de Limia en 1964. Cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente é funcionario da Administración Autonómica. A súa obra, traducida a varios idiomas, ten sido galardoada con diversos premios entre os que salienta o Premio da Crítica Española, o premio de Narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Manuel García Barros de Novela, o Torrente Ballester de Narrativa (finalista), o Camilo José Cela de Narrativa, o Manuel Murguía, o Modesto R. Figueiredo, o Café Dublín, o Castelao de Narrativa, o Ourense de Contos, o Breogán de Contos, etc. Ademais de participar en medio cento de colectivas, é autor dos seguintes libros: Valquiria, (Ed.Novo Século.1994), Parque Central e outros relatos (Ed. Espiral Maior 1996), A historia de Chicho Antela (Espiral Maior,1997), A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Animalia (Galaxia, 1999), As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Homónima (Galaxia, 2001), Cartafol do Barbanza (A Nosa Terra, 2002), A canción de Sálvora (A Nosa Terra, 2003), A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003), Limaiaé (Centro de Cultura Popular do Limia, 2005), Casas Baratas (Galaxia, 2005), A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia 2007), As pantasmas de auga (Bourel, 2010), O paso do esquecemento (Centro de Cultura Popular do Limia, 2011) e Laura no deserto (Galaxia, 2011).
Fran Godón Davila. Naceu en A Pobra do Caramiñal. É o director de UT·Tópico Teatro, compañía teatral propia da Asociación Cultural Turbina, da Pobra do Caramiñal. Licenciado en Filoloxía na Universidade de Santiago e posgraduado Especialista en Arte Dramática na mesma universidade. Traballou teatro universitario en varias compañías, e na propia Aula de Teatro da USC, desenvolvendo a súa maior labor no grupo Teatro no Aramio de Santiago, do que é responsable máximo dende hai catro anos. No 2011 crea a súa propia compañía e a súa primeira montaxe: Baile de sombras; a obra estreouse en novembro do 2011 en Berlín, ao ser seleccionada a obra para participar no certame 3 Noches Españolas, unha iniciativa da compañía madrileña Theatreuropa que conta co apoio do Ministerio de Cultura, e galardoada co premio Xuventude Crea 2012, organizado pola Xunta de Galicia e que procura a mellor obra, feita por xente nova, do ano. Neste ano 2013 estrea Faust-Box coa súa compañía, obra da súa autoría na que ademais é intérprete. Mentres traballa na creación de novos produtos desenvolve na Pobra o obradoiro P-12, lugar de formación teatral para adolescentes e en Riveira colabora tamén con persoas afeccionadas ao teatro no seu interese de convertérense en actores e actrices.
Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. Naceu en Xuño (Porto do Son) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa responsabilidade pública é moi extensa, e exerceu como alcalde de Porto do Son na pasada lexislatura. É home interesado pola cultura e polo que ela produce, autor de varias publicacións, entre as que destacan Escritores da Barbanza, Dicionario de escritores ribeirenses, Dicionario Ramón Piñeiro ou Cervantes e o Quixote en Galicia. Profesor en diferentes colexios, activo membro de varias asociacións culturais, entre as que destaca o seu enorme traballo na Asociación Cultural Barbantia.
Blanca Ana Roig Rechou. Naceu en Portosín (Porto do Son). É profesora de Literatura galega e Literatura Infantil e Xuvenil nas Facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela onde coordina o Grupo de Investigación LITER21 “Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas” (GI-1839). Investigadora no “Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades”, onde dirixe dous proxectos de Investigación "Informes de Literatura" e "Literatura Infantil e Xuvenil". Presidenta da Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e membro das Asociación de investigadores de Literatura infantil e J/Xuvenil galegos e portugueses (ELOS), da que foi presidenta. Tamén membro da asociación de investigadores galegos de Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia. Investigadora principal da Red temática de investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI). Autora de monografías e diferentes traballos sobre Literatura galega e literatura infantil e xuvenil, como se pode consultar en webspersoais.usc.es/persoais/blanca.roig/
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario