9.7.12

Política: renovadas as executivas locais do Psoe en varios concellos destas bisbarras

Ribeira_psoe

Barbanza-Noia, 9 de xullo de 2012. O pasado sábado, día 7 de xullo, o PSdeG-PSOE de Ribeira renovou a súa executiva local en asemblea extraordinaria, na que José Manuel Vilas Alvarez foi reelexido no seu cargo cun 88% de votos a favor e un 12% de abstencións. Non aparece por ningún lado o último candidato a alcalde por esta formación, Andrés Fariña

O obxectivos expostos polo novo secretario xeral foron a mellora da implantación deste partido na sociedade ribeirense, detectar e coñecer mellor os problemas dos veciños e continuar na liña progresista comezada agora hai dous anos. Os compoñentes da lista quedaron así:

Executiva local
1. JOSÉ MANUEL VILAS ALVAREZ (SECRETARIO GENERAL)
2. RICARDO MANUEL FERNÁNDEZ MONTES (SECRETARIO ORGANIZACIÓN)
3. MANUEL ANTONIO GARCÍA PÉREZ (ACCIÓN POLÍTICA)
4. DAVID MOSQUERA PEREIRO (SECRETARÍA EJECUTIVA)
5. DOLORES AYASO SÁNCHEZ (SECREATARÍA EJECUTIVA)
6. DELI GARCÍA MOS (SECRETARIA DE XUVENTUDE)
7. FRANCISCO MAREQUE LEÓN (SECRETARIA EJECUTIVA)
8. CÉSAR GONZALEZ SARASQUETE (SECRETARIO ADMINISTRACIÓN)
9. PILAR DIOS ARESTÍN (SECRETARÍA EJECUTIVA)
10. FRANCISCO CADABAL REGUERIA (PRESIDENTE)
11. NARCISO COIRA PÉREZ (SECRETARÍA EJECUTIVA)
12. MARÍA TERESA PORRIT LUEIRO (SECRETARÍA IGUALDADE)
13. MARIA GUDE SAMPEDRO (SECRETARIA POLÍTICA MUNICIPAL)
Delegados en Comité Nacional
1. JOSÉ MANUEL VILAS ALVAREZ
2. MARIA GUDE SAMPEDRO

Delegados en Comité Provincial

1. RICARDO MANUEL FERNÁNDEZ MONTES
2. DELI GARCÍA MOS
3. DAVID MOSQUERA PEREIRO

Porto do Son

Na veciña localidade de Porto do Son, a asemblea do PSdeG escolleu como secretario xeral ao último alcalde socialista -tras moción de censura ao alcalde do PP que gobernaba en minoría-, Xoán Pastor Rodríguez.

Noia

Tras a decisión do actual alcalde socialista, Rafael García Guerrero, de deixar a política municipal tras este mandato, cedeu o seu posto como secretario xeral na executiva do Psoe de Noia. Presentouse a tal cargo o parlamentario José Manuel Lage, e foi escollido pola maioría dos integrantes da agrupación local. Polo visto, recupera para a política activa ao ex concelleiro de Cultura, Xosé Manuel González Canabal e ao antigo edil de Economía e Facenda, Lino García Novo.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: presentan "Pranto Matricial", de Valentín Paz Andrade, o xoves 12 de xullo

Invitacin_pranto_matricial

Rianxo, 9 de xullo de 2012. A presentación de Pranto Matricial na voz do seu autor de Valentín Paz-Andrade, editado polo Consello da Cultura Galega dentro da súa colección `As nosas voces´, terá lugar o vindeiro xoves, 12 de xullo de 2012 ás 20:30 horas no Auditorio de Rianxo, rúa Autores da Rianxeira, s/n (Parque Galicia).


No acto intervirán Afonso Vázquez Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro do CCG; Miguel Anxo Seixas Seoane da Fundación Castelao, Afonso Paz Andrade, fillo do autor; Adolfo Muíños Sánchez, alcalde de Rianxo e Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega. O acto concluirá cun recital de poemas incluídos no volume.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Rosol gañou a IV Liga de Fútbol 7 "Concello de Dodro"

Dodro, 9 de xullo de 2012. O pasado 6 de xullo rematou a IV Liga de Fútbol 7 Concello de Dodro que se disputou no Campo Municipal de Chenlo. Esta competición reuniu a 13 equipos que levan xogando dende o 11 de xuño. Este venres pasado disputouse a final na que resultou vencedor o Rosol. O segundo clasificado foi o Carcacía, e o terceiro clasificado foi o Carnicería O Couso. Foi designado mellor xogador da final Pablo Tourís. Asístiu á entrega de premios o alcalde Valentín Alfonsín e o concelleiro de Deportes José Núñez.

 

Illas Cíes

 

Por outra banda, o sábado 7 de xullo tivo lugar a excursión ás Illas Cíes organizada polo Concello de Dodro. O grupo, formado por 110 persoas, saiu de Dodro ás 08:00 da mañá rumbo a Moaña para poder coller o barco que o levase á illa. O tempo foi mellorando a medida que avanzaba o día e finalmente puido disfrutarse dunha tarde soleada. Aproveitouse tamén a visita ao Arquipelago de Cíes para realizar as rutas de sendeirismo do Faro e do Alto do Príncinpe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Soño Olímpico" acubilla xa a máis de 200 deportistas

  •  Vinte nacionalidades distintas conviven no cámping Ría de Arousa 2
  • Entre as nacionalidades representadas figuran Italia, Suíza, Colombia, República Dominicana, México, Chile, Ecuador, Luxemburgo, Bélxica, Portugal, Marrocos, Papúa Nova Guinea, Holanda e Arxentina

  • Os rapaces teñen a oportunidade de adestrarse con campións de taekwondo que participan este verán nos Xogos Olímpicos de Londres

 

Ribeira, 9 de xullo de 2012.- O IV Campamento de Verán Internacional Soño Olímpico arrancou esta mañá con máis de 200 participantes procedentes de 20 países.

 

Ao acto inaugural, celebrado no cámping Ría de Arosa 2, acudiron o alcalde Manuel Ruiz; o presidente da Deputación, Diego Calvo (quen tamén aceptou ser presidente de honra deste campamento); o xefe provincial de Deportes da Xunta, Roberto García (estaba prevista en principio a presenza do secretario xeral, quen por razóns de axenda de última hora non puido asistir) e a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Mercé Barrientos.

 

Tras unha espectacular e acrobática exhibición de taekwondo efectuada polo club Mace Sport, as distintas autoridades comparecentes quixeron felicitar ao Natural Sport, club riveirense promotor do campamento, por esta iniciativa que combina acción deportiva e solidaria.

 

Ruiz Rivas deu a benvida a todos os asistentes e en especial a aqueles de nacionalidades que visitan este campus por primeira vez: Marrocos, Papúa Nova Guinea e Luxemburgo.

 

Ao longo de sete días, os 200 rapaces participantes poderán interactuar con combatentes e adestradores do máis alto nivel, algúns dos cales participarán nos xogos londinenses.






 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: denuncian que o PP obrigou a menores a asistir a un acto partidista

  • O Bng acusa ao alcalde de non convidalos á inauguración da praza da Treixadura namentres se enganaba ao alumnado do colexio "Salustiano Rey" para que asistira como figurante
  • Houbo queixas de nais e pais dese colexio, que esixen unha explicación pública do acontecido, pois non deron autorización ningunha a que seus fillos fosen levados alí

 


O pasado mércores informamos desta reinauguración, aquí

 

 

A Pobra do Caramiñal, 9 de xullo de 2012.- O pasado mércores, 4 de xullo, tivo lugar no concello da Pobra a inauguración dunha obra longamente demandada polos veciños e veciñas da zona e realizada con case varios anos de retraso dende que se anunciou por primeira vez polo Goberno Municipal do PP: A remodelación da Praza da Treixadura, explica en nota de prensa o Bng pobrense.

 

"A esta inauguración, como vén sendo costume do Partido Popular, non foron convidados os/as membros da Corporación que non pertencen ao Grupo de Goberno, nomeadamente os concelleiros e concelleiras do BNG, nun intento, unha vez máis, do Executivo Local de presentarse como os únicos representantes da cidadanía pobrense e nun claro alarde da prepotencia e carácter antidemocrático do Grupo de Goberno e, nomeadamente, do alcalde que se di de todos e de todas. Non por ser habitual deixa de ser grave este feito pero, nesta ocasión, o que ten indignados/as a moitos e moitas veciñas da Pobra e a este Grupo Municipal é a manipulación que o Partido Popular fai xa non só dos feitos, senón tamén das persoas. É absolutamente incríbel e, dende logo, reprobábel e vergoñento que o alcalde e as autoridades presentes nesa inauguración estivesen “satisfeitos de que estén aquí hoxe todos os nenos e nenas disfrutándoo (o parque infantil)”, cando eses nenos e nenas foron levados alí enganados, sen coñecemento  nen ningunha clase de autorización paterna. Foron trasladados dende o colexio “Salustiano Rey Eiras”, a onde asisten a actividades municipais, e levados á Praza da Treixadura para ser “figurantes” dun acto político totalmente partidista", denuncia o Bloque da Pobra do Caramiñal.


Queixas deste "secuestro" por parte de nais e pais

 

Foron moitos pais e nais, dende o mércores pasado, os que se dirixiron ao BNG para trasladar as súas queixas e o seu malestar, entendendo que os/as menores foran pouco menos que “secuestrados” polo PP e levados, sen comunicación previa algunha aos seus proxenitores, a un acto político ao que non foran convidados, do que non tiñan coñecemento e ao que non tiveron a opción de elexir ir ou non.



Norberto Uzal e Alfonso Rueda, altos cargos da Xunta, foron comparsas desta manobra tipo "Potemkin" de Isaac Maceiras

 

"A irresponsabilidade, a falta de ética, a utilización e a manipulación do Sr. Maceiras e o seu Grupo de Goberno para o seu proveito partidista sobarda, con esta actuación, límites que cremos non se deben superar por parte dos representantes públicos e que deben ten consecuencias políticas", demandan os nacionalistas pobrenses, que consideran que "a cidadanía en xeral, os pais e nais dos menores enganados e manipulados e o BNG, esixen, cando menos, unha explicación e aclaración pública do ocorrido e, dende logo, condenan enérxicamente a actitude do PP do “todo vale”, do “faino que non pasa nada”, do pensar que todas e todos os veciños da Pobra temos a obriga de estar de acordo coas falcatruadas lamentábeis ás que o Goberno Municipal do PP nos ten habituados".


Outros escándalos do goberno Maceiras:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentada a plantilla da promoción 2012 da Policía Infantil, con 22 rapazas e rapaces

  •  Xa é un costume case histórico: van pola promoción número 17
  • Desta volta hai trece nenas e nove nenos


Ribeira, 9 de xullo de 2012.- Un total de 22 rapaces (nove nenos e trece nenas) integran a 17ª promoción da Policía Infantil, que foi presentada hoxe no Salón de Plenos da Casa Consistorial nun acto que estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruiz Rivas, quen estivo acompañado da concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso, e do concelleiro de Seguridade e Mobilidade Cidadá, Víctor Ruíz Lampón, así como polo coordinador da patrulla, o oficial da Policía Local José Andrés Alonso Paz.

 

Entre as funcións da Policía Infantil, figuran –tal e como recordou Elvira Pisos- orientar e facilitar información aos visitantes sobre a cidade ou desfilar en distintos actos como festas e procesións. Repartidos por parellas (formadas por un veterano e un principiante, patrullan as rúas en quendas de dúas horas. A súa sede está centralizada no CEIP O Grupo.

 

Anteriormente, os cativos estiveron a recibir dende o mes de febreiro unha formación específica sobre o seu labor (memorización do rueiro de Santa Uxía; localización das farmacias, bancos e praias, interpretación dos mapas,…) e tiveron que superar un exame.

 

O rexedor municipal salientou o labor que prestan os rapaces que integran este servizo e animou aos pais e nais a que sigan insuflándolles ilusión aos seus nenos co fin de que se sintan orgullosos dos seu pobo e fagan cousas por el.

 

Entrega de credenciais

Manuel Ruiz entregou as correspondentes credenciais tanto aos catro nenos que se incorporan á patrulla como aos dezanove que xa formaron parte da mesma en anteriores promocións.

 

Os catro novos axentes son Carlos Torres Paz, Álex Lages Brión, Kamal Chhain e Kevin Rodríguez Barreiro.

 

Tamén forman parte da policía infantil Lara Martínez Martínez, Ana Mayán Blanco, Jenny Tesón Pérez, Janire Suárez Rodríguez, Luis Enrique Suárez Rodríguez, Suliman Chhain, Yarinet Álvarez Zapata, María Elena Hermida Zapata, Alejandro Álvarez Vidal, Anxo Pena Blanco, Sharon Perez Gago, José María Maneiro Hermo, María Maceiras Pérez, Lara Santos Luengo e Ana Dios Pereira.

 

Exercen de monitoras Lucia Maggio Folgar, Cecilia Sosa Álvarez e Yara Fernández Villaverde.







 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: 3.000 euros do Concello para Cáritas e o seu labor social


Imaxe de presentación da web de Cáritas en http://www.caritas.es

Noia, 9 de xullo de 2012. O Concello de Noia, a través da concellería de Servizos Sociais Igualdade e Benestar, dirixida pola nacionalista Sofía Caamaño Lado, asinou a semana pasada un convenio coa entidade social Cáritas de Noia. O acordo asinado supón unha achega económica por parte do Concello a esta entidade de 3.000 euros.

A citada subvención concédese a dita entidade para o finanzamento da súa actividade social. Inclúe gastos en alimentación, transportes e outros gastos correntes. Deste xeito o beneficiario adquire as seguintes obrigas:
a) Realizar as actividades de carácter social que se financian.
b) Fican excluídos desta subvención os gastos financieiros (intereses e amortizacións de pasivos financieiros, como préstamos e outros análogos) e os gastos que teñan o carácter de gastos de investimento.

Os Servizos Sociais do  concello de Noia colaboran dende sempre con Cáritas Parroquial, facendo derivación de persoas e familias ós seus programas:


-Banco de Alimentos
-Roupeiro infantil e de persoas maiores
-Axudas económicas  a familias que presentan demandas urxentes ou que polas caracteristicas da propia axuda, non poden ser asumidas polo concello,  exemplo (débedas de taxas municipais)

Asimesmo as/os distintos profesionais  dos Servizos Sociais municipais  veñen colaborando  en celebración de xornadas de formación ás familias e de información sobre recursos existentes nas distintas administracións.
 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: abren ao público o antigo cemiterio parroquial de Barro, onde se pode visitar a capela románica de San Antón e un peto de ánimas restaurados

Noia, 9 de xullo de 2012. O Concello de Noia, a través da Concellería de Casco Histórico e Patrimonio, que dirixe o nacionalista Bieito González, e en colaboración coa Asociación de  Veciños de Sta. Cristina de Barro, vén de articular un xeito de manter aberto ao público, durante todo o ano, en horario de mañá e tarde, o recinto do antigo cemiterio parroquial. Neste espazo arquitectónico pódese visitar a capela románica de San Antón e o peto de ánimas, un conxunto restaurado pola Consellería de Cultura no pasado mandato municipal.


Peto de ánimas restaurado

Detalle de fiestra interior da capela, con policromías

Capitel románico interior da capela de San Antón

Logo dunha entrevista mantida o mes de setembro do pasado ano co Vicario Xeral da Curia, o Arcebispado de Santiago de Compostela, otorgou autorización ao Concello para a apertura do citado recinto, a fin de que o mesmo fose susceptible de ser visitado.

A capela de San Antón, de estilo románico, data dos séculos XI-XII, con canzorros, arco e columnas de entrada ao primitivo presbiterio e bóveda de canón, aínda que tamén conta con engadidos moi posteriores, como a torre campanario, pináculos rematados con bolas, porta e ventá adinteladas na fachada oeste. Presenta planta rectangular e cuberta a dúas augas, sendo todo o conxunto de fábrica de cantería.


Canzorro da capela de San Antón

Canzorros situados na fachada da mesma capela

Na parte exterior do recinto, e incorporado ao muro perimetral de peche tamén destaca o peto de ánimas. Trátase dunha construción de pedra de máis de tres metros de alto por dous de ancho. Consta dunha mesa de altar, rectangular e con molduras. A parte superior está formada por unha gran fornela, adaptada ao arco de medio punto sobre esteos na que había unha representación pictórica das almas do purgatorio. A súa construción pode datar de finais do século XIX ou principios do XX.

Compromiso veciñal

A comunidade veciñal de Santa Cristina de Barro, representada pola súa Asociación de Veciños, levaba anos demandando a posibilidade de que o recinto (onde non se producen enterramentos desde o ano 1961, data de apertura do novo cemiterio) puidese estar aberto de xeito permanente para uso e disfrute de veciños e visitantes, cuestión á que agora se chega co compromiso, por parte dos mesmos, de atender á apertura e peche do recinto todos os días do ano.

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: recepción no concello ao alumnado da gardería, cuxa ampliación acaba de ser adxudicada

  • A firma Jesús Martínez será a encargada de ampliar o recinto por 548.666 euros. Presentáronse 39 empresas. 
  • En dous meses fará os traballos da planta baixa e en catro a totalidade da obra

Ribeira, 3 de xullo de 2012.- Reunida a mesa de contratación, vén de ser adxudicada esta mesma mañá as obras de ampliación e reforma da Escola Infantil Municipal de Ribeira: unha actuación que recaeu na empresa Jesús Martínez Construcciones.

Así o deu a coñecer o alcalde no transcurso dunha recepción moi especial acontecida no día de hoxe no salón de plenos da Casa do Concello de Riveira: a dos alumnos e alumnas que están asistir á gardería municipal e que, nun número aproximado de corenta, acudiron ao solemne estancia do Consistorio.

Rebaixa de prazos

A adxudicación a Jesús Martínez Construcións (de entre as 39 empresas que se presentaron) ten lugar por un importe de 548.666 euros. Hai que destacar a substancial rebaixa en canto aos prazos de execución das obras que, se no pliego de condicións estaban establecidos nun máximo de catro meses para a planta baixa e seis para o global da actuación, quedan finalmente fixados de acordo coa oferta da empresa en dous meses para a planta baixa e catro para a totalidade da obra.

Deste xeito, e tendo en conta a inmediatez con que se iniciarán os traballos de ampliación, as estimacións que manexa o Executivo é as de que a primeira planta quede lista para recibir aos rapaces o 15 de setembro e o conxunto da obra remate no mes de novembro.

Profesións

Polo que respecta ao acto de recepción dos nenos, que estiveron acompañados polas súas profesoras e pola dirección do centro, conformada por María José e Elena García Escurís, esta visita á Casa do Concello adscríbese a un programa de visitas organizadas co obxectivo de que os cativos podan coñecer de preto distintas profesións como as de cociñeiro, policía, profesor de música ou, no caso que nos ocupa, político.

Tanto a concelleira de Educación Mª Carmen Vizcaya como o alcalde Manuel Ruiz procuraron que os pequenos entendesen como é o día a día dun político e cal é o seu labor no seo da sociedade.

Ambos foron obsequiados como representantes da Corporación con sendos murais elaborados polos alumnos, un de agradecemento pola ampliación da gardería e o outro para lembrar a importancia que ten o oficio de mestre para a formación da infancia.

O especial do acto deu pé incluso a que dous dos nenos –Pepe e Uxía- sentáranse na cadeira de alcalde e exercesen como tales.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical