9.7.12

A Pobra do Caramiñal: denuncian que o PP obrigou a menores a asistir a un acto partidista

  • O Bng acusa ao alcalde de non convidalos á inauguración da praza da Treixadura namentres se enganaba ao alumnado do colexio "Salustiano Rey" para que asistira como figurante
  • Houbo queixas de nais e pais dese colexio, que esixen unha explicación pública do acontecido, pois non deron autorización ningunha a que seus fillos fosen levados alí

 


O pasado mércores informamos desta reinauguración, aquí

 

 

A Pobra do Caramiñal, 9 de xullo de 2012.- O pasado mércores, 4 de xullo, tivo lugar no concello da Pobra a inauguración dunha obra longamente demandada polos veciños e veciñas da zona e realizada con case varios anos de retraso dende que se anunciou por primeira vez polo Goberno Municipal do PP: A remodelación da Praza da Treixadura, explica en nota de prensa o Bng pobrense.

 

"A esta inauguración, como vén sendo costume do Partido Popular, non foron convidados os/as membros da Corporación que non pertencen ao Grupo de Goberno, nomeadamente os concelleiros e concelleiras do BNG, nun intento, unha vez máis, do Executivo Local de presentarse como os únicos representantes da cidadanía pobrense e nun claro alarde da prepotencia e carácter antidemocrático do Grupo de Goberno e, nomeadamente, do alcalde que se di de todos e de todas. Non por ser habitual deixa de ser grave este feito pero, nesta ocasión, o que ten indignados/as a moitos e moitas veciñas da Pobra e a este Grupo Municipal é a manipulación que o Partido Popular fai xa non só dos feitos, senón tamén das persoas. É absolutamente incríbel e, dende logo, reprobábel e vergoñento que o alcalde e as autoridades presentes nesa inauguración estivesen “satisfeitos de que estén aquí hoxe todos os nenos e nenas disfrutándoo (o parque infantil)”, cando eses nenos e nenas foron levados alí enganados, sen coñecemento  nen ningunha clase de autorización paterna. Foron trasladados dende o colexio “Salustiano Rey Eiras”, a onde asisten a actividades municipais, e levados á Praza da Treixadura para ser “figurantes” dun acto político totalmente partidista", denuncia o Bloque da Pobra do Caramiñal.


Queixas deste "secuestro" por parte de nais e pais

 

Foron moitos pais e nais, dende o mércores pasado, os que se dirixiron ao BNG para trasladar as súas queixas e o seu malestar, entendendo que os/as menores foran pouco menos que “secuestrados” polo PP e levados, sen comunicación previa algunha aos seus proxenitores, a un acto político ao que non foran convidados, do que non tiñan coñecemento e ao que non tiveron a opción de elexir ir ou non.



Norberto Uzal e Alfonso Rueda, altos cargos da Xunta, foron comparsas desta manobra tipo "Potemkin" de Isaac Maceiras

 

"A irresponsabilidade, a falta de ética, a utilización e a manipulación do Sr. Maceiras e o seu Grupo de Goberno para o seu proveito partidista sobarda, con esta actuación, límites que cremos non se deben superar por parte dos representantes públicos e que deben ten consecuencias políticas", demandan os nacionalistas pobrenses, que consideran que "a cidadanía en xeral, os pais e nais dos menores enganados e manipulados e o BNG, esixen, cando menos, unha explicación e aclaración pública do ocorrido e, dende logo, condenan enérxicamente a actitude do PP do “todo vale”, do “faino que non pasa nada”, do pensar que todas e todos os veciños da Pobra temos a obriga de estar de acordo coas falcatruadas lamentábeis ás que o Goberno Municipal do PP nos ten habituados".


Outros escándalos do goberno Maceiras:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical