- O venres 8 de marzo cúmprese unha década da versión galega da Wikipedia, a enciclopedia libre dixital que revolucionou o coñecemento en Internet
- A Galipedia anda polos 98.000 artigos, froito do esforzo de milleiros de voluntarios que aportan textos, fotos e vídeos
- Será o sábado 9 de marzo cando se celebren estas charlas, no colexio Fonseca do Campus Sur da USC
Barbanza e Noia, 26 de febreiro de 2013. O vindeiro venres 8 de marzo de 2013 celébrase o décimo aniversario do nacemento da
Galipedia, a enciclopedia libre en galego. Transcorridos dez anos foron creados máis de 98.000 artigos e vaise achegando á cifra dos cen mil, aumentando cada vez máis a súa calidade grazas ó traballo de miles de voluntarios e ós mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.
Calquera pode mellorar a Galipedia se ve un erro ou se coñece un tema que aínda non estea desenvolvido. Os contidos desta obra colectiva publícanse baixo unha licenza libre, a Creative Commons - Recoñecemento - Compartir Igual, que permite o seu libre uso conservando esa licenza.
A Galipedia forma parte dun amplo movemento que empezou en xaneiro de 2001, cando se puxo en marcha a Wikipedia co obxectivo de que todo o coñecemento humano estea dispoñible para calquera persoa no seu idioma. A partir de aí fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas, habendo máis de 280 na actualidade.
O primeiro artigo da Galipedia, creado o 12 de marzo de 2003, foi "Ou". Esta entrada non se correspondía cunha entrada enciclopédica, polo que en 2008 trasladouse ó Galizionario, porque a Galipedia conta con varios proxectos irmáns, tamén libres e colaborativos, que complementan a enciclopedia como son Galilibros, Galifontes e Galicitas.
Wikimedia España, o capítulo español dese movemento, organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos. Unha oportunidade para atoparse galipedistas xunto a outras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas. Un encontro no que se combinará unha mesa redonda con charlas nas que se vai a profundar nalgunhas cuestións de común interese.
Os conferenciantes que participarán neste acto son os seguintes:
* José Manuel Abuín Mosquera, Técnico de Proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
* Antonio Gregorio Montes, administrador da Galipedia
* Manuel Gago Mariño, director do portal
culturagalega.org e profesor na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de divulgador gastro-arqueolóxico en
Capítulo 0 * Marcos Pérez Pena, director do xornal dixital Praza Pública
* Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora
* Óscar Otero, de A navalla suíza
* Javier de la Cueva, avogado, experto en propiedade intelectual
Esta actividade foi organizada coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o CESGA, e a entrada ó acto é libre até completar o aforamento. Todas estas presentacións realízanse no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca situado no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela, a partir das 10 da mañá.
Acerca de Wikipedia
Wikipedia é consultada actualmente por máis de 400 millóns de persoas todos os meses. Proporciona acceso inmediato a información de alta calidade, libre, gratis e sen publicidade. Na última década, unha vasta comunidade de voluntarios uniuse para crear máis de 22 millóns de artigos en 285 idiomas, aproximando a causa do coñecemento libre a cada persoa no planeta.
Acerca de Wikimedia España
Wikimedia España é unha asociación española sen ánimo de lucro que ten como fin favorecer o desenvolvemento do Coñecemento Libre promovendo proxectos relacionados, e en especial aqueles albergados por Wikimedia Foundation Inc. (listaxes en
www.wikimediafoundation.org), en todas as linguas que se falan en España.