1.3.11
Mar: o Psoe reclama a comparecencia da Conselleira Quintana polo caso do mexillón chileno
A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, quere saber que medidas e accións pensa adoptar, e que adoptou no pasado, diante das graves denuncias que acaba de facer públicas o Consello Regulador do Mexillón de Galicia
Galego, chileno? Ao natural adoita ser galego, pero en conserva parece que...
Rianxo, 1 de marzo de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou hoxe que rexistrou na Cámara Autonómica unha petición de comparecencia da Conselleira do Mar, tras coñecer a denuncia interposta a firma conserveira de Rianxo, por vender presuntamente mexillón chileno con etiqueta galega.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Rianxo: Taragoña celebra o Entroido cunha parodia de Eurovisión este venres 4 de marzo
Parece que do que se trata é de "esnaquizar" a clásicos tan grandes como Demis
Despois do éxito acadado na pasada edición do Entroido da FAP coa temática dos Superheroes, este ano decidiuse repetir a idea de festa temática, e desta volta a escolla foi o popular (de pobo, non de partido) festival de Eurovisión. "Pareceunos unha celebración que dá pe ao disfrace e á broma por iso puxemos en marcha o plan ‘EUROVISIÓN. BITUIN DE TRIS!’. En que consiste?: Os concursantes, como grupo ou solista, irán subindo ao escenario para interpretar en play-back a canción escollida. Todos aqueles que queiran participar aínda están a tempo de se anotar mandando un correo ao noso enderezo do Facebook http://www.facebook.com/home.php#!/asociacionFAP ou unha SMS ao número 693778470, dándonos o nome completo dun dos participantes, nome do artista a imitar e canción", explican.
Datos:
Festa de Entroido da FAP (Asociación Festival AntrosPinos)
EUROVISIÓN. BITUIN DE TRIS!
Cando: Venres, 4 de marzo 2011
Onde: Centro Cultural e Deportivo de Taragoña (Campos de Pazos, Taragoña - Rianxo)
Hora: A partir das 22:00 h.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: Concello e Museos colaboran na promoción turística do municipio con catro roteiros temáticos
Ribeira, 1 de marzo de 2011. Os concelleiros de Cultura e Turismo Luciano Fernández e Vicente García, presentaron hoxe na Casa Museo Municipal de Ribeira un novo proxecto de dinamización e promoción turística titulado “3 Horas coa Cultura e o Turismo de Ribeira”.
Baixo a coordinación das dúas Concellerías citadas, esta campaña foi deseñada a través da celebración de distintas mesas de traballo formadas por ambos edís e polos directores de catro museos e centros de interpretación do Concello: Sandra Fernández, polo Centro de Interpretación Arqueolóxica do Parque de San Roque; Pilar Casas pola Sala - Museo Municipal de Ribeira; Santiago Caeiro, por parte do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e María Fernández, por parte do Museo Etnográfico de Artes.
Con esta acción preténdese ofrecer a quen visite o municipio ata catro rutas distintas nas que se recollen os puntos de interese turístico do municipio, itinerarios que foron deseñados en función das seguintes temáticas: arqueolóxica e paisaxística; museos e centros de interpretación; de patrimonio natural e de patrimonio etnográfico.
Museo do Gravado de Artes
O Concello pretende con esta acción que os visitantes que se acheguen a Ribeira teñan varias alternativas de gozar da súa visita ao concello en función dos seus gustos e intereses. Quéreselle ofrecer así alicientes para que os visitantes repitan a súa estancia e mesmo descubran a riqueza deste municipio noutras facetas, como a súa gastronomía e hostalería.
Museo municipal de Ribeira
En breve a campaña cristalizará por medio da distribución de abundante material incardinado no proxecto, entre o que se inclúen planos coas catro rutas, fichas específicas de cada unha delas, e documentación dirixida a poñer en valor os recursos gastronómicos do municipio.
Este material será repartido non só nos centros culturais e puntos de información turística da comarca do Barbanza, senón que se pretende chegar tamén ao resto de Galicia, a Asturias e ao norte de Portugal.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: o curso de escultura de Carreira xa ten 14 alumnos e este venres inaugúrase mostra escultórica en Porto do Son
O vindeiro venres dia 4 de marzo, ás 19:30 horas, inaugúrase no centro de Interpretación do Castro de Baroña unha exposición retrospectiva da obra de Argibay, titulada "Jontxu Argibay: Arteleira", na que se poderán ver as obras escultóricas máis aprezadas polo público dende hai case 11 anos e que saíron deste obradoiro "que segue tendo que dicir no mundo do arte, e que intenta demostrar que é posible seguir loitando e intentando educar no mundo da escultura coa ampliación como centro de clases de escultura", explicou o artista ribeirense.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
A Pobra do Caramiñal: nova vertedura da estación depuradora, denuncia o Psoe
Os socialistas pobrenses non paran de denunciar verteduras no municipio
Pobra do Caramiñal, 1 de marzo de 2011. Os socialistas da Pobra denunciaron onte en nota de prensa novos cheiros e mal funcionamento da estación depuradora , que verte augas de cor marrón, o que indica que están mal depuradas.
Nota íntegra:
"Os socialistas non paramos de asombrarnos cas falacias cas que pretende enganar o Sr. Maceiras á opinión pública en xeral. Recoñecer que as augas do emisario da depuradora son de cor marrón, e quedarse tan tranquilo, nos parece dunha enorme irresponsabilidade ou dunha manipulación extraordinaria. Agora resulta que unha fuga na tubaxe que leva a auga teoricamente “depurada” a Ría descubrimos que non é transparente. ¿Desde hai canto tempo está ocorrendo isto? O resultado é que a EDAR da Pobra depurar non depura a xulgar polas evidencias.
Meses atrás as Xuventudes Socialistas da Pobra denunciaban que o funcionamento da edar non era o correcto. Os cheiros que desprende son un claro sinal do mal funcionamento de esta. Aínda que está pensada para uns 30.000 habitantes está mal concibida pois un dos tratamentos mais importantes non está presente, trátase da decantación primaria.
Un auga depurada cos seus correspondentes pasos pola EDAR, nunca pode saír doutro cor que non sexa o da auga, é dicir incolora. Todo fai indicar que unha vez que a auga sae do tratamento biolóxico, non é tratada con tratamento de cloro para eliminar as bacterias do anterior tratamento nin algúns residuos que levan as augas residuais como patóxenos, sales disoltas ou afino.
Un auga marrón, aínda que o Sr. Alcalde diga que non é un vertido, é un auga que o saír contaminada ten efectos nocivos sobre todo na riqueza marisqueira, acuicultura e pesca.
Por outra banda sorpréndenos que se declare como algo normal que sigan chegando as augas do polígono industrial a unha EDAR deseñada exclusivamente para depurar augas residuais urbanas. Non nos cansaremos de repetir que estas augas ó ser moito más ricas en determinados nutrientes, e que existen distintos procesos de elaboración, polo tanto se xeran distintos produtos de desfeito, cuestión pola cal non se poden tratar nin mezclar na mesma depuradora.
Esta edar, esta deseñada para eliminar a auga residual dos veciños, non das industrias sen pre depuración. Parecerá que isto é unha nimiedade pero a realidade é que os vertidos e desfeitos que verten as empresas non son nin o mesmo nin na mesma cantidade que os usos domésticos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Boiro: corenta mozos participaron na segunda viaxe á neve organizada por Borobó
Boiro, 1 de marzo de 2011. A Asociación Cultural Borobó ven de celebrar unha nova viaxe á neve, concretamente á estación invernal de San Isidro (León) durante a pasada fin de semana, á que asistiron un total de corenta mozos e mozas de diferentes puntos de Galicia. Nesta ocasión, contouse cun grupo de persoas procedentes non só dos municipios do Barbanza, senón tamén de Vilagarcía, Cerceda, Santiago ou A Coruña. O presidente da entidade, Jorge Campaña, tamén presidente de Xuventudes Socialistas de Boiro, afirmou sentirse “moi satisfeito porque asemade axudamos a que a nosa vila se coñeza en Galicia ao traverso da labor realizada polas asociacións locais”. Dacordo cos datos ofrecidos, tan só oito persoas se mantiveron no listado de asistentes ás dúas viaxes, co cal un total de 70 persoas pudieron disfrutar deste tipo de iniciativas levadas a cabo pola entidade.
Campaña tamén incidiu nos beneficios destas actividades nas que os mozos e mozas poden aprender e divertirse coa práctica de deportes de inverno ao mesmo tempo que disfrutan da Natureza e da convivencia con outros mozos. Por outra banda, tamén sinalou que “estas actuacións van na liña da entidade de ofertar distintos servizos á sociedade, de diversidade cultural e de ocio”. A saída realizouse o venres ás 24:00 horas e o regreso levouse a cabo o domingo, aproximadamente ás 23:00 horas. Desta forma permitiuse quecalquera persoa, estudante ou traballador, non tivera problemas de incompatibilidade de horarios para poder asistir.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia