1.3.11

Ribeira: Concello e Museos colaboran na promoción turística do municipio con catro roteiros temáticos

Ribeira, 1 de marzo de 2011. Os concelleiros de Cultura e Turismo  Luciano Fernández e Vicente García, presentaron hoxe na Casa Museo Municipal de Ribeira un novo proxecto de dinamización e promoción turística titulado 3 Horas coa Cultura e o Turismo de Ribeira”. 

Baixo a coordinación das dúas Concellerías citadas, esta campaña foi deseñada a través da celebración de distintas mesas de traballo formadas por ambos edís e polos directores de catro museos e centros de interpretación do Concello: Sandra Fernández, polo Centro de Interpretación Arqueolóxica do Parque de San Roque; Pilar Casas pola Sala - Museo Municipal de Ribeira; Santiago Caeiro, por parte do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e María Fernández, por parte do Museo Etnográfico de Artes.


Museo Etnográfico de Artes

Con esta acción preténdese ofrecer a quen visite o municipio ata catro rutas distintas nas que se recollen os puntos de interese turístico do municipio, itinerarios que foron deseñados en función das seguintes temáticas: arqueolóxica e paisaxística; museos e centros de interpretación; de patrimonio natural e de patrimonio etnográfico. 


Museo do Gravado de Artes

O Concello pretende con esta acción que os visitantes que se acheguen a Ribeira teñan varias alternativas de gozar da súa visita ao concello en función dos seus gustos e intereses. Quéreselle ofrecer así alicientes para que os visitantes repitan a súa estancia e mesmo descubran a riqueza deste municipio noutras facetas, como a súa gastronomía e hostalería.


Museo municipal de Ribeira

En breve a campaña cristalizará por medio da distribución de abundante material incardinado no proxecto, entre o que se inclúen planos coas catro rutas, fichas específicas de cada unha delas, e documentación dirixida a poñer en valor os recursos gastronómicos do municipio.  

Este material será  repartido non só nos centros culturais e puntos de información turística da comarca do Barbanza, senón que se pretende chegar tamén ao resto de Galicia, a Asturias e ao norte de Portugal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical