24.4.12

Medio Ambiente: Adega asegura que os recortes da Rede Natura da Xunta en Barbanza son para agasallar ás empresas eólicas

Barbanzadef

  • O goberno de Feijóo fomenta eólicos sobre hábitats prioritarios e especies ameazadas


24 de abril de 2012. Segundo informa hoxe Adega, "a cativa ampliación da Rede Natura 2000 que hai uns meses presentou a Xunta contrastaba coa proposta que a administración tiña lista en 2008. As razóns dos "recortes": Deseñar uns espazos protexidos a medida dos intrereses amigos. Agora as probas desta "doma e castración" da Rede Natura galega abrollan: o que ía ser un dos LICs máis extensos na prevista ampliación de 2008, a Serra do Barbanza, caeuse da proposta do PP para deixar sitio á cobiza da patronal eólica. Nada menos que 3 hábitats cuxa conservación é prioritaria para a UE e ducias de especies ameazadas e endemismos sufrirán os efectos dos recortes de Feijóo e o seu conselleiro de Infraestruturas Hernández. Até cando imos consentir esta aldraxe?".

As instalacións do parque eólico “O Barbanza”, promovidas por Norvento, sitúanse sobre unha área proposta pola Xunta en 2008 (bipartito) para formar parte da Rede Natura 2000 e designada como “LIC Serra do Barbanza” (cód. ES1110019), cunha extensión de 4.711,15 hectáreas. Este novo LIC respostaba á necesidade de aumentar a representatividade dos hábitats húmidos da rexión bioxeográfica atlántica. Casualmente, este espazo "caeuse" recente proposta de ampliación presentada polo PP, malia a contar cunha serie de valores naturais sobre cuxa insuficiente representación en Galicia, a UE apercibíu en repetidas ocasións a España:

Na Decisión da CE, 2004/813/CEE, do 7 de decembro de 2004, pola que se adopta a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L 387, 29/12/2004), formúlase para o estado español a necesidade de mellorar a representatividade de determinados hábitats, contando en Galiza cos tipos prioritarios Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix (4020*) e as Turbeiras altas activas (7110*), entre outros. Transcorridos 7 anos dende esta Decisión, e perante a renuencia do estado español e da Xunta a ampliar a representividade destes hábitats, a Comisión voltou a lembrar, en resposta a unha nova pregunta escrita do grupo Verdes-ALE (E-000364/2011) que “os hábitats de interese comunitario 7110 «Turbeira alta activa» e 7140 «Turbeiras de transición e flotantes» non están suficientemente representados na rexión de Galicia” polo que o “Reino de España debería designar como LCI [LIC] varias zonas máis para cubrir as insuficiencias observadas en Galicia”.

Este parque eólico “O Barbanza” ocupará áreas con presenza non de un, senón nada menos que 3 hábitats prioritarios: Breixais húmidos atlánticos, cód. 4020*; Turbeiras altas activas (7110*) e Formacións herbosas con Nardus (6230*), para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Alén disto, as pistas, gabias, subestacións, muíños, etc. van ocupar un humidal incluido no Inventario dos Humidais de Galiza, concretamente as “Brañas da Serra do Barbanza” (código 1110118). E a respeito das especies protexidas, ducias de taxóns vexetais e animais incluidos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, moitos deles endémicos, van verse "afectados" por estas obras. Resulta patético que a empresa (Norvento) diga no seu Estudo de Impacto que "No referente ás medidas preventivas e correctoras nos Planos de Conservación das especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, [...] presentes na zona de afección, [...] solicitouse á documentación pertinente a administración, sen recibir resposta". Como van recibir resposta se a Xunta só presentou en 5 anos 4 planos de Conservación das máis de 200 especies ameazadas galegas?

"Este é outro exemplo da demolición controlada que a Xunta está a perpetrar na Rede Natura 2000. Tanto ten que perdamos o millor do noso patrimonio natural; tanto ten que a UE ameace con fortes multas (que pagarermos todos/as) para castigar a preguiza da administración e que as leis ambientais sexan sistemáticamente violadas: o que importa é que uns poucos poidan seguir chuchando do teto eólico mentres a nosa natureza convírtese nun inmenso polígono industrial en ruinas", rematan os de Adega.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o SÁLVORA CF, campión de liga de Terceira Autonómica, grupo 6, ascende a Segunda Autonómica

Slvora_senior_campeon_de_liga

  • Ascende de categoría, á Segunda Autonómica, tras gañarlle o pasado domingo ao Trócolo Noia por un contundente 1-6
  • É a primeira vez que consegue un campionato de Liga. Ademais, foi o equipo máis goleador (108 tantos) e o segundo que menos encaixou

Ribeira, 24 de abril de 2012. O pasado domingo o Sálvora CF acadou o título de liga de 3ª Autonómica-Grupo 6, acadando o ascenso de categoría.
 
Tras derrotar ó Trócolo Noia por 1-6 e coa derrota da SD Xuño en Palmeira por 1-3 o equipo adestrado por Alberto Campaña proclamouse por primeira vez na súa historia Campión de Liga e xogará a vindeira temporada na 2ª Autonómica.
 
Con 78 puntos logrados, 108 goles a favor (máximo goleador) e con 35 en contra (2 equipo menos goleado) culminaron unha gran temporada na que estiveron todo ano nos postos altos da tabla, liderando a mesma na súa maior parte.
 
Este éxito súmase o traballo realizado nos últimos anos nas categorías base do clube, as cales iniciaron as consecucións dos títulos de liga e de ascensos deste clube e que agora o equipo senior imita.
 
O plantilla do equipo senior do Sálvora CF estivo composta por: Juan, Javi, Vaamonde, Coira, Hector, Pardavila, Suso, Boo, Anxo, Barrosa, Siño, Marcos, Orlando, Moisés, Cánive, Toño, Leyra, Container, Chapi, Jesús, Luis, Pichichi, Isi, Damián e Rey.

Relacionada:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: concerto de piano a catro mans este venres 27 de abril no Conservatorio

  • A cargo do dúo ourensán Dedosd2

Ribeira, 24 de abril de 2012.- O Conservatorio Profesional de Música vai dar cabida este venres, día 27 de abril, a partir das 18.30 horas, a un concerto de piano a catro mans ofrecido polo dúo Dedosd2, que deleitará aos asistentes con creacións de Mozart, Dvórak e Barber. A entrada é libre e gratuíta.

Dedosd2 está composto polos pianistas Marta Blanco Pascual e Xoán Iglesias Losada. O Concerto constará do seguinte programa:

I.- Sonata en Do mayor KV 521              de Wolfgang Amadeus Mozart: Allegro, Andante e Allegretto

II.- Leyendas op. 59 de Antonin Dvórak: nº1, en Re menor: Allegretto non troppo, quasi Andantino; nº3, en Sol menor: Allegro giusto; e nº4, en Do mayor: Molto maestoso

III.- Suite de ballet: Souvenirs op. 28              de Samuel Barber: Waltz, Schottische, Pas de deux, Two-Step, Hesitation-Tango e Galop.

Currículos

Marta Blanco Pascual naceu en Ourense no ano 1984. Ingresou no Conservatorio Profesional de Música da súa cidade natal, onde recibiu clases de Xoán Iglesias Losada e rematou os estudos de Grao Medio coas máximas cualificacións. Finalizou o Grao Superior no Conservatorio de Música de Vigo da man de Josefa Estarque Vila, onde obtivo Matrícula de Honra, por unanimidade do tribunal,  no proxecto final de carreira. Acto seguido rematou a súa formación en Barcelona coa catedrática María Jesús Crespo.

Entre os premios que ten logrado ao longo da súa carreira figuran diferentes concursos nacionais e internacionais: Real Club Náutico de Vigo (2003, 1º Premio Categoría Xuvenil), ASGAIM (2006, 1º Premio Categoría Senior), segundo premio no  XI Concurso Peninsular celebrado en 2008  nos salóns do Real Club Náutico de Vigo e Teatro García Barbón; resultou semifinalista no Concurso Internacional de piano “Ciutat de Carlet” (Valencia, 2010) e foi seleccionada para participar no I Premio Internacional Pianístico de Paterna ( Valencia, 2011).

Xoán M. Iglesias Losada naceu en Seixalbo (Ourense) no ano 1974. Iniciouse no mundo da música da man do seu pai e posteriormente comezou os seus estudios de piano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde foi alumno de Carlos Iglesias Borrajo. Rematou a súa formación académica no Conservatorio Superior de Música de Vigo onde recibiu clases de Josefa Estarque Vila.  Actualmente continúa a súa formación con Mª Jesús Crespo coa que realizou entre 2008 e 2010 o Curso de Formación Continuada para instrumentos de música clásica e contemporánea na Escola Superior de Música de Cataluña. Desde o ano 2000 é profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, centro do que, actualmente, é director.

Funda en 1992 o Coro de Cámara Harmonia Auriensis e dirixe a Coral Ansuíña de Baños de Molgas e, entre os anos 1995 e 2003,  a Coral Agromadas de Seixalbo coa que consegue distintos premios e un grande éxito de crítica e de público. Durante a temporada 2002-2003 forma parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia dirixido por Joan Company. Interesado pola composición de música coral participa nos anos 1997 e 1999 na primeira e segunda edicións do Concurso de Composición Coral Galega “Cidade de Vigo”, nas que consegue o 2º (Todas as noites, 1997) e 1º (Sentimentos amorosos, 1999) premios respectivamente.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello asinou convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para manter a Oficina de Rehabilitación

Noia, 24 de abril -Festas do San Marcos- de 2012. O concelleiro delegado da área do Plan Especial do Casco Histórico e Patrimonio do Concello de Noia, Bieito González Domínguez, participou na mañá de hoxe, en representación do ente municipal, na sinatura do convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo para a tramitación de expedientes de rehabilitación e financiamento dos gastos de mantemento das oficinas municipais de rehabilitación, así como dos portelos únicos de información e xestión do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, e doutras actuacións vencelladas ás políticas de vivenda.

 

Mediante a sinatura do citado convenio, o Concello de Noia vai percibir durante o presente ano 2012 a cantidade de 50.749,85 euros.

 

As tarefas que desenvolve a Oficina de Rehabilitación Municipal van desde a propia de aplicación da normativa correspondente ao Plan Especial de Protección do Casco Antigo, ata a de información, asesoramento e tramitación de diversos plans como o do programa ALUGA, programa RENOVE do Plan de Vivenda 2009-2012 así como o programa de axudas da administración galega destinadas ao remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución no ámbito rural.

 

O gasto previsto polo Concello de Noia para o mantemento da Oficina de Rehabilitación durante o presente ano 2012 ascende á cantidade de 84.583,08 euros do que a cantidade a percibir do IGVS mediante o asinamento do presente convenio, representa o 60% do custe do citado servizo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: Verdegaia tamén rexeita a matanza de lubicáns na Barbanza


Imaxe do blog de Axena, onde tratan polo miúdo o asunto (de feito, eles foron os primeiros en dar a voz de alarma):

1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril

Barbanza, 24 de abril de 2012. A asociación ecoloxista Verdegaia apoia o escrito do colectivo "Matar por Matar Non" a respecto da solicitude de paralización de autorizacións de batidas de lobos híbridos na comarca do Barbanza.

"Estas batidas son especialmente graves por varios motivos: hai outras alternativas menos crueis, non se están supervisando as batidas, estanse matando lobos, híbricos e cans; vanse facer os trampeos en época de cría, están aparecendo animais mortos con lazos ilegais…etc", explica este colectivo defensor da Natureza.


Sr. DIRECTOR XERAL PARA A CONSERVACION DA NATUREZA

Xunta de Galicia

Santiago de Compostela – CORUÑA.

 

As asociacións ecoloxistas, animalistas e protectoras que asinan o presente escrito e que indican como enderezo de contacto a Rúa da Concordia, 29 – 3ºA‐ 32003 ‐ Ourense,

MANIFESTAN:

 

Que, segundo informacións aportadas por esa Consellería, están sendo autorizadas, por parte desa Dirección Xeral, batidas, agardos e trampeos contra supostos lobos híbridos na comarca do Barbanza.

Que estamos en total desacordo con esta medida, porque consideramos que hai outras alternativas máis éticas coma capturar aos animais vivos e esterilizalos. Que, segundo noticias de prensa e observacións particulares e de grupos ecoloxistas, parecer ser que se están realizando batidas sen supervisión algunha, nas que se lle dou morte a diferentes animais (incluídos lobos, híbridos e cans) por parte dos cazadores.

Que os agardos e trampeos vánse a facer en plena época de cría o cal supón que a captura ou morte da nai vai supoñer a morte de tódolos cachorros por inanición.

Que varios animais, incluidos lobos, están aparecendo mortos a causa da utilización de lazos ilegais.

Que na observación dos animais abatidos parece que se atoparon cánidos con sinais de manipulación por parte do home, concretamente animais que tiñan as orellas recortadas.

Que eses indicios poderían ser unha proba de que se están soltando cans asilvestrados ou híbridos de lobo no monte, co obxecto de confundir e enganar a esa Dirección Xeral, e así poder matar lobos que supostamente atacan ao gando.

Á vista do exposto

SOLICITAMOS:

Que se deteñan de inmediato as batidas autorizadas, así como os agardos e trampeos,estudando outro tipo de medidas alternativas e buscando solucións máis éticas e contemporáneas.

Que de continuar con esta matanza se nos autorice a participar coma observadores, así coma que se nos informe de tódolos análises realizados ata o momento e dos que se realicen a partires de agora.

Que se investigue, chegado o caso, a relación que podería haber entre os denunciantes da existencia de lobos híbridos e a aparición de lazos que ocasionan vítimas de maneira indiscriminada.

Por último, demandamos tamén, que non olviden que o crecemento da poboación de cans no monte se debe ao abandono destes animais por parte dos responsables e os poucos que chegan a sobrevivir non teñen máis opción que adaptarse ao medio para permanecer con vida. Polo que a solución para evitar posibles hibridacións no futuro pasa por poñer en práctica medidas que eviten os abandonos: controis exhaustivos dos cans de caza, revisións rutinarias de microchips, rexistro municipal deste animais, compromiso de esterilización, infraccións por abandono, e, en definitiva un interese por parte da Administración en educar á sociedade no respeto pola vida dos animais. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical