- A cargo do dúo ourensán Dedosd2
Ribeira, 24 de abril de 2012.- O Conservatorio Profesional de Música vai dar cabida este venres, día 27 de abril, a partir das 18.30 horas, a un concerto de piano a catro mans ofrecido polo dúo Dedosd2, que deleitará aos asistentes con creacións de Mozart, Dvórak e Barber. A entrada é libre e gratuíta.
Dedosd2 está composto polos pianistas Marta Blanco Pascual e Xoán Iglesias Losada. O Concerto constará do seguinte programa:
I.- Sonata en Do mayor KV 521 de Wolfgang Amadeus Mozart: Allegro, Andante e Allegretto
II.- Leyendas op. 59 de Antonin Dvórak: nº1, en Re menor: Allegretto non troppo, quasi Andantino; nº3, en Sol menor: Allegro giusto; e nº4, en Do mayor: Molto maestoso
III.- Suite de ballet: Souvenirs op. 28 de Samuel Barber: Waltz, Schottische, Pas de deux, Two-Step, Hesitation-Tango e Galop.
CurrículosMarta Blanco Pascual naceu en Ourense no ano 1984. Ingresou no Conservatorio Profesional de Música da súa cidade natal, onde recibiu clases de Xoán Iglesias Losada e rematou os estudos de Grao Medio coas máximas cualificacións. Finalizou o Grao Superior no Conservatorio de Música de Vigo da man de Josefa Estarque Vila, onde obtivo Matrícula de Honra, por unanimidade do tribunal, no proxecto final de carreira. Acto seguido rematou a súa formación en Barcelona coa catedrática María Jesús Crespo.
Entre os premios que ten logrado ao longo da súa carreira figuran diferentes concursos nacionais e internacionais: Real Club Náutico de Vigo (2003, 1º Premio Categoría Xuvenil), ASGAIM (2006, 1º Premio Categoría Senior), segundo premio no XI Concurso Peninsular celebrado en 2008 nos salóns do Real Club Náutico de Vigo e Teatro García Barbón; resultou semifinalista no Concurso Internacional de piano “Ciutat de Carlet” (Valencia, 2010) e foi seleccionada para participar no I Premio Internacional Pianístico de Paterna ( Valencia, 2011).
Xoán M. Iglesias Losada naceu en Seixalbo (Ourense) no ano 1974. Iniciouse no mundo da música da man do seu pai e posteriormente comezou os seus estudios de piano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde foi alumno de Carlos Iglesias Borrajo. Rematou a súa formación académica no Conservatorio Superior de Música de Vigo onde recibiu clases de Josefa Estarque Vila. Actualmente continúa a súa formación con Mª Jesús Crespo coa que realizou entre 2008 e 2010 o Curso de Formación Continuada para instrumentos de música clásica e contemporánea na Escola Superior de Música de Cataluña. Desde o ano 2000 é profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, centro do que, actualmente, é director.
Funda en 1992 o Coro de Cámara Harmonia Auriensis e dirixe a Coral Ansuíña de Baños de Molgas e, entre os anos 1995 e 2003, a Coral Agromadas de Seixalbo coa que consegue distintos premios e un grande éxito de crítica e de público. Durante a temporada 2002-2003 forma parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia dirixido por Joan Company. Interesado pola composición de música coral participa nos anos 1997 e 1999 na primeira e segunda edicións do Concurso de Composición Coral Galega “Cidade de Vigo”, nas que consegue o 2º (Todas as noites, 1997) e 1º (Sentimentos amorosos, 1999) premios respectivamente.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario