26.7.12

Deportes: vanlle dar a María Vilas e Ana Peleteiro a medalla de Ribeira tralos seus éxitos deportivos

  •  O acordo vaise ratificar no pleno do luns vindeiro cos votos a favor de todos os grupos
  • Ata agora, tan só os irmáns Fran e José Ramón (fútbol) tiñan esta distinción

María Vilas recibiu un premio na Gala dos Deportes de 2010 de Ribeira

 

Ribeira, 26 de xullo de 2012.- Os grupos que integran a Corporación Municipal decidiron propoñer ás deportistas locais Ana Peleteiro e María Vilas para recibir a Medalla de Ouro de Ribeira: unha condecoración que segundo consta no regulamento de honores e distincións do Concello se outorga a aquelas persoas ou entidades que teñan desenvolvido obras en favor da cidade que, por destacar notoriamente, as fan acredoras do seu recoñecemento.

 

Á hora de valorar a concesión desta medallas a estas dúas campioas, tense en conta o feito de que están a portar o nome de Ribeira por todo o mundo no marco dunha traxectoria deportiva excepcional, que constitúe ademais un exemplo a seguir para a xuventude do municipio.


María Vilas e Ana Peleteiro flanquean ao alcalde Rivas. Foto de hai un ano

 

Hai que recordar que Ana Peleteiroribeirense nacida en 1995- vén de proclamarse campioa do mundo junior de triple salto cun rexistro de 14,17 metros: mellor marca mundial do ano e récord nacional en categorías junior, xuvenil e sub 23.

 

Non menos significativa é a carreira de María Vilas, nacida en 1996, quen nos últimos Campionatos Europeos Júnior de Natación se alzou cunha medalla de ouro, outra de prata e dous bronces e onte mesmo venceu no Campionato de España Absoluto nos 800 metros.

 

Ambas galardoadas xa foran recibidas oficialmente hai un ano polo alcalde Manuel Ruiz co gallo doutros méritos logrados no curso pasado.

 

Está prevista a ratificación deste acordo na sesión plenaria da Corporación programada para o vindeiro luns, día 30 de xullo.

 

Ata o de agora, outras dúas persoas recibiran a Medalla de Ribeira: sucedeu hai unha década e os distinguidos foron os irmáns José Ramón e Fran González Pérez, xogadores do Deportivo de A Coruña nunha época en que este club conqueriu os primeiros títulos oficiais do fútbol galego.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o vindeiro martes, 31 de xullo, acto informativo a prol da sanidade pública

Rianxo: programación cultural do 27 e 28 de xullo e do 2 ao 4 de agosto

Rianxo, 26 de xullo de 2012.  Mañá venres 27 de xullo, as 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, inaugúrase a exposición “ACUARELAS do pintor madrileño JOSÉ ANTONIO JIMÉNEZ GOSÁLVEZ. A mostra, que inclúe numerosas paisaxes rianxeiras, permanecerá aberta ata o vindeiro 18 de agosto e poderá visitarse de luns a sábado de 08:00 h. a 13:45 h.

TODOS CON MANUEL ANTONIO

O sábado 28 de xullo, ás 17:00 h., na Praza de Manuel Antonio (Asados), iniciarase a acción poética POESÍA NA PESQUEIRA DE ASADOS, TODOS CON MANUEL ANTONIO, consistinte nunha andaina poética e musical organizado pola PLATAFORMA CULTURAL GALEGA coa colaboración do Concello de Rianxo e o Grupo de Teatro Airiños de Asados.

CICLO DE BANDAS

Por outra banda, ás 21:00 h., no Campo de Arriba, terá lugar un concerto a cargo da ORQUESTRA DE SOPROS DE OUREM (Portugal). Este concerto enmárcase no VIII Ciclo de Bandas, organizado pola Escola de Música de Rianxo, coa colaboración do Concello.

Finalmente, o mesmo sábado 28 terá lugar no Auditorio de Rianxo, ás 22:00 horas, a estrea da obra A FUNCIÓN DO TEQUILA, do dramaturgo e director teatral Manuel Guede, a cargo da Compañía TEATRO DO MORCEGO. Esta obra foi gañadora do Premio Rafael Dieste 2011 de Teatro, da Deputación Provincial da Coruña. As entradas dispoñibles para o público xeral, que serán gratuítas, poderán retirarse a partires das 20:30 horas do mesmo sábado, facilitándose un máximo de 2 por persoa e ata cubrir o aforo. Esta obra ten unha especial importancia para Rianxo, non só por realizarse a estrea no noso Concello, senón porque a súa temática está intimamente vencellada co ilustre Rianxeiro A.D.R.Castelao.

2 e 3 de agosto

O Xoves 2 de agosto, na Praza Rafael Dieste, ás 21:30 horas, terá lugar o CONCERTO DE PECHE DO I CURSO DE JAZZ DE RIANXO, organizado pola Escola de Música de Rianxo, coa colaboración do Concello.


O venres 3 e o sábado 4 de agosto, de 10:00 a 14:00 horas, no Auditorio, desenvolverase un OBRADOIRO DE CREACIÓN POÉTICA E SLAM A CARGO DA POETA MALLORQUINA IRENE LA SEN. Para participar no obradoiro, aberto a toda persoa interesada, haberá que inscribirse no email cultura@concelloderianxo.es ata as 12:00 horas do xoves 2 de agosto. Asemade, Irene La Sen desenvolverá un recital o vindeiro 16 de agosto, do que se informará puntualmente. Tanto o obradoiro como o recital é froito da colaboración entre o Concello de Rianxo e a editorial rianxeira Axóuxere Editora, no marco das residencias creativas que esta inaugura coa presencia da mencionada poeta.

E non se esquezan de:


Festival Antrospinos: o 27 e 28 de xullo, en Taragoña


Programación de verán: actividades deportivas



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a néboa, protagonista na homenaxe ao remeiro Ramón Blanco en Aguiño

  •  Houbo incluso que retrasar o Campionato Galego de Traíñas

 

Ribeira.- 25 de xullo de 2012.- O porto de Aguiño viviu onte ao mediodía un acto de homenaxe ao veterano remeiro natural desta parroquia Ramón Blanco Sánchez, quen recibiu un obsequio institucional de mans do alcalde Manuel Ruiz Rivas.

 

Equipado coa camiseta do Cabo de Cruz, club no que militou entre outros equipos, Ramón Blanco recolleu a distinción ante un nutrido público entre o cal se contaba o patrón maior José Manuel Oujo, distintos edís municipais, remeiros de distintas formacións e numerosos afeccionados.

 

Uns minutos antes, a Coral Polifónica Municipal de Ribeira entoou baixo a dirección de Enrique Paisal os tema “Meu amor é mariñeiro” e a “Salve mariñeira”, esta última peza cos remos en alto das embarcacións que ían participar a continuación no Campionato Galego de Traíñas.

 

Sen embargo, esta proba non puido ter lugar segundo o horario programado dadas as case nulas condicións de visibilidade pola néboa reinante.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: queixas veciñais pola falta de limpeza en rúas e calexóns peoniles


Hai uns días denunciou o Psoe o mal estado da rúa de Galicia

Ribeira, 26 de xullo de 2012. Algúns veciños da cidade están a queixarse ante a falta de limpeza habitual dalgúns calexóns que conflúen coa rúa peonir céntrica chamada Rúa de Galicia. Nesta época de verán e, en especial, os días de festexos, a empresa de limpeza disque debería ser un pouco máis eficiente e esmerarse na limpeza onde cidadáns sen educación nin complexos aproveitan para orinar co conseguinte cheiro que supón para vivendas e locais comerciais anexos.


A rúa de Galicia recén reformada

A veciña Mari Paz Gago quéixase da falta de seriedade da empresa de limpeza viaria pois leva varias queixas por teléfono e obtén como resposta que "posiblemente esas zonas no se cubren en la ruta del servicio de limpieza". Os veciños cualifican esta situación como vergoñenta.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical