26.7.12

Rianxo: programación cultural do 27 e 28 de xullo e do 2 ao 4 de agosto

Rianxo, 26 de xullo de 2012.  Mañá venres 27 de xullo, as 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, inaugúrase a exposición “ACUARELAS do pintor madrileño JOSÉ ANTONIO JIMÉNEZ GOSÁLVEZ. A mostra, que inclúe numerosas paisaxes rianxeiras, permanecerá aberta ata o vindeiro 18 de agosto e poderá visitarse de luns a sábado de 08:00 h. a 13:45 h.

TODOS CON MANUEL ANTONIO

O sábado 28 de xullo, ás 17:00 h., na Praza de Manuel Antonio (Asados), iniciarase a acción poética POESÍA NA PESQUEIRA DE ASADOS, TODOS CON MANUEL ANTONIO, consistinte nunha andaina poética e musical organizado pola PLATAFORMA CULTURAL GALEGA coa colaboración do Concello de Rianxo e o Grupo de Teatro Airiños de Asados.

CICLO DE BANDAS

Por outra banda, ás 21:00 h., no Campo de Arriba, terá lugar un concerto a cargo da ORQUESTRA DE SOPROS DE OUREM (Portugal). Este concerto enmárcase no VIII Ciclo de Bandas, organizado pola Escola de Música de Rianxo, coa colaboración do Concello.

Finalmente, o mesmo sábado 28 terá lugar no Auditorio de Rianxo, ás 22:00 horas, a estrea da obra A FUNCIÓN DO TEQUILA, do dramaturgo e director teatral Manuel Guede, a cargo da Compañía TEATRO DO MORCEGO. Esta obra foi gañadora do Premio Rafael Dieste 2011 de Teatro, da Deputación Provincial da Coruña. As entradas dispoñibles para o público xeral, que serán gratuítas, poderán retirarse a partires das 20:30 horas do mesmo sábado, facilitándose un máximo de 2 por persoa e ata cubrir o aforo. Esta obra ten unha especial importancia para Rianxo, non só por realizarse a estrea no noso Concello, senón porque a súa temática está intimamente vencellada co ilustre Rianxeiro A.D.R.Castelao.

2 e 3 de agosto

O Xoves 2 de agosto, na Praza Rafael Dieste, ás 21:30 horas, terá lugar o CONCERTO DE PECHE DO I CURSO DE JAZZ DE RIANXO, organizado pola Escola de Música de Rianxo, coa colaboración do Concello.


O venres 3 e o sábado 4 de agosto, de 10:00 a 14:00 horas, no Auditorio, desenvolverase un OBRADOIRO DE CREACIÓN POÉTICA E SLAM A CARGO DA POETA MALLORQUINA IRENE LA SEN. Para participar no obradoiro, aberto a toda persoa interesada, haberá que inscribirse no email cultura@concelloderianxo.es ata as 12:00 horas do xoves 2 de agosto. Asemade, Irene La Sen desenvolverá un recital o vindeiro 16 de agosto, do que se informará puntualmente. Tanto o obradoiro como o recital é froito da colaboración entre o Concello de Rianxo e a editorial rianxeira Axóuxere Editora, no marco das residencias creativas que esta inaugura coa presencia da mencionada poeta.

E non se esquezan de:


Festival Antrospinos: o 27 e 28 de xullo, en Taragoña


Programación de verán: actividades deportivas



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical