Pastor Rodríguez, ademais de intelectual, milita no Psoe e foi alcalde da Porto do Son
Ribeira, 19 de abril de 2013.- Os Xoves Literarios de Riveira chegaron onte á súa terceira xornada cunha conferencia na que Xoán Pastor Rodríguez Santamaría desvelou moitos dos vínculos que Miguel de Cervantes Saavedra e a súa opus magnum, o Quixote, gardan con Galicia, así como a influencia que o escritor de Alcalá de Henares tivo ao longo dos séculos na cultura galega.
Pastor Rodríguez demostrou a súa erudición e profundo coñecemento desta temática, sobre a cal ten publicado un libro titulado “Cervantes e o Quixote en Galicia”.
Ademais de incidir na cuestión das orixes galegas de Miguel de Cervantes, o estudoso nacido en Porto do Son abordou outros aspectos como o tratamento que fai o autor dos galegos, respecto do cal afirmou que en liñas xerais non os degradou, a diferenza doutros autores clásicos da súa época. Tamén recordou que tanto a segunda parte do Quixote como outras das súas obras (“Novelas Ejemplares”, “Comedias y Entremeses”, “Trabajos de Persiles e Segismunda”) está dedicado ao sétimo conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, do cal traza un esbozo biográfico.
Fernández Varela, pobrense que pagou a estatua de Cervantes nas Cortes de Madrid
A conferencia celebrada na Biblioteca Municipal deu pé tamén a que se desvelasen numerosos detalles e curiosidades, como que a famosa estatua de Cervantes situada na praza das Cortes de Madrid foi costeada polo pobrense Manuel Fernández Varela, que naquel entón (mediados do século XIX) ostentaba o cargo de comisario de Cruzada.
Asemade, salientou a influencia que Cervantes tivo na obra de Rosalía de Castro (en especial, na súa novela “El caballero de las botas azules”), así como en autores tan importantes como Castelao, Laxeiro ou Francisco Llorens.
Rodríguez Santamaría fora presentado pola concelleira de Educación –a área municipal promotora destes Xoves Literarios-, Maricarmen Vizcaya Sampedro, e pola responsable do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín Otero.
O xoves 25 clausura os Xoves Literarios a noiesa Blanca Ana Roig
O próximo xoves 25 a programación alcanza a súa xornada de clausura coa intervención da noiesa Blanca Ana Roig Rechou, que disertará sobre "Educación literaria, saberes e enciclopedia do mediador ".
DATOS BIOGRÁFICOS DO CONFERENCIANTE: Naceu en Santa Mariña de Xuño, municipio de Porto do Son, o 6 de febreiro de 1973. Cursa os estudos de Bacharelato no Instituto de Ribeira ata 1991, ano no que pasou a cursar os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1996. Ao ano seguinte acadou a licenciatura de Filoloxía Hispánica na mesma universidade. En 1999 publicou o volume Escritores da Barbanza, editado polo Concello da Pobra do Caramiñal, onde recolle un dicionario de autores naturais do Barbanza, aos que engade un catálogo de autores e obras relacionadas coa mesma. Neste labor divulgador dos autores barbanzáns colaborou no xornal La Voz de Galicia con artigos sobre Gerardo Gasset Neyra, Valle-Inclán, Caramiñas e Carlos Montenegro, entre outros. Con posterioridade editou as obras Diccionario de Escritores Ribeirenses (2001), A Pobra do Caramiñal. Cronoloxía histórica (2002), “Ramón Fernández Mato, narrador de fútbol” (2004), Cervantes e o Quixote en Galicia (2005), Un río de sangue e tinta (2006), Dicionario Ramón Piñeiro (2009) e A Pobra do Caramiñal. Cronoloxía histórica (2ª ed. aumentada, 2013). En volumes colectivos e revistas publicou ensaios como “A mirada do alquimista. Cunqueiro e o Barbanza” (2011), “Seoane. Vangarda e compromiso. Galeguismo e universalidade” (2011), “A Xeración de Avilés no Barbanza” (2008), “Un cervantista pobrense: Victoriano García Martí” (2006), “Música dos galegos para don Quixote” (2007), Penélopes de tinta: as mulleres na poesía galega. Da guerra civil a Palabra no tempo” (2007), “Cervantes nos provincialistas galegos” (2008), “Xosé Agrelo Hermo. Vida e obra” (2011) e “As letras de Porto do Son (2012), entre outros. É coordinador da A. C. Barbantia, colaborando no suplemento A Voz de Barbantia, así como no seu anuario.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia