17.2.11

Lousame: clausurado o obradoiro de emprego, que axudou en parte a rehabilitar as minas de San Finx

Os alumnos, 23, formáronse nas especialidades de albanelería e cantería nunha acción que costou medio millón de euros

Lousame, 17 de febreiro de 2011.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, clausurou hoxe o obradoiro de emprego de Lousame, concello no que goberna o Partido Popular. Esta acción serviu para formar a 23 alumnos en albanelería e cantería. Para a súa posta en marcha, o Goberno galego investiu preto de 500.000 euros.

Calvo entregou hoxe os diplomas aos participantes e aproveitou tamén para visitar o poboado mineiro de San Finx, que foi rehabilitado e urbanizado en parte grazas ao labor desenvolvido por estes alumnos. O delegado sinalou esta mellora das dotacións públicas como unha das “vantaxes” desta iniciativas, que están baseadas na colaboración entre os concellos e a Xunta de Galicia.

Diego Calvo apuntou tamén que todos os participantes tiveron acceso a unha “formación de calidade”, que lles permitiu, ao tempo, acceder a un contrato de traballo durante un ano. Tras esta experiencia, “estas 23 persoas están hoxe en mellores condicións para acceder a un emprego, posto que poden acreditar cualificación e experiencia en profesións con boas perspectivas no mercado de traballo actual”, asegurou.

Por último, Calvo lembrou na súa intervención que a Xunta concedeu en 2010 dous cursos de formación a Lousame, que beneficiaron a 30 desempregados do Concello, e que contaron cun financiamento de ao redor de 60.000 euros. As especialidades impartidas foron as de acondicionamento de montes e a de coidador de persoas con discapacidade.

VISITAS GUIADAS ÁS MINAS DE SAN FINX

- Para facer visitas guiadas ao Centro de Interpretación e edificios do poboado das Minas de San Finx hai que chamar ao teléfono do concello de Lousame 981 820 494. Preguntade por Mª José.

Relacionada:

Onde vai o obradoiro de emprego de Rianxo?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentan o boceto dun proxecto para unha área de servizo en Oleiros

Nunha leira de 2.500 metros cadrados, mercada á Igrexa por 375.000 euros, xuntaranse pista polideportiva, parque infantil, zona de aparcamento e edificio multiusos


Ribeira, 17 de febreiro de 2011.- Unha finca de 2.500 metros cadrados que pertencía á Reitoral de Oleiros, e que foi adquirida recentemente polo Concello, albergará unha Área de Servizo co fin de ser posta a disposición dos veciños da parroquia para as súas actividades de carácter social, cultural, festivo, recreativo e deportivas. Así o explicou hoxe o alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado da concelleira Herminia Pouso Maneiro.

O alcalde explicou que a compra dos terreos no que se encravará esta Área respondeu á inquietude dos propios veciños de Oleiros, que demandaban un espazo así. José Luis Torres declarou que o acordo coa Igrexa “tardou o seu tempo” pois houbo que facer unha segregación da finca e xestionar o permiso de Patrimonio. Por fin, a compravenda púidose escriturar ante notario o 28 de outubro de 2010, cun importe de 375.000 euros.

O rexedor riveirense mostrou ante os medios de comunicación un boceto da Área de Servizo e informou de que en breve se comezará coa redacción do proxecto. Esta Área disporá dunha pista polideportiva descuberta regulamentaria que poderá ser empregada tamén para dar cabida ás festas da parroquia, un parque infantil, unha zona de aparcamentos dotada de árbores ornamentais e un edificio singular que estará dotado dos seguintes espazos: unha aula de informática, un auditorio/sala de xuntas con capacidade para 60 persoas, unha cafetería, e vestiarios, duchas e aseos pensados especialmente para dar servizo aos usuarios da pista deportiva.

Campo de fútbol de Oleiros, do Concello

Por outra parte, José  Luis Torres aproveitou o acto para informar de que o Concello chegou a un acordo co Club de Fútbol de Oleiros para incorporar á propiedade municipal o seu campo de fútbol, de tal xeito que a partir de agora será a propia Administración Local quen xestione este espazo, outorgándolle preferencia de uso ao citado club deportivo.

Tamén adiantou que se está en negociacións para adquirir un terreo de 16.000 metros cadrados situado a carón do campo de fútbol de Oleiros co obxectivo de que sirva no futuro como unha gran área deportiva.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a biblioteca do instituto abre sección en lingua portuguesa

<div><div style="width:500px;text-align:left;"> </div></div>

Porto do Son, 17 de febreiroo de 2011. Nos andeis de novidades da biblioteca do instituto de Porto do Son atópase xa unha nova sección: a literatura portuguesa. "Vén sendo o inicio dun camiño que tiñamos interese en compartir con vós e que o ano pasado comezamos coa visita do club de lectura a Viana do Castelo e á súa biblioteca municipal, nunha viaxe compartida cos clubs do CPI de Cuntis e o IES de Caldas de Reis. Nesta viaxe quedou patente o preto e o lonxe que estamos", explican na bitácora LinguaSon, onde se narran as actividades do club de Lingua deste centro.


Estatua de Otero Pedrayo en Ourense

"Para nós, ler en portugués é ler en galego. É recuperar un código que nos uniu e que se mantén o suficientemente cercanos como para permitirnos enxergar o mundo cunha mesma mirada. Somos conscientes da proxección máis alá das nosas fronteiras, da universalidade que o mantemento desta irmandade aporta á lingua galega. Ás veces andamos como o Adrián Solovio de Otero Pedrayo, arredor de nós mesmos, en crise co propio, na procura do afastado. Vemos a necesidade, a utilidade de ler en inglés ou en francés, mesmo no necesario que hoxe sería dominar o alemán, pero demostramos escaso interese polo portugués, ou polo menos, de todo o que vai máis alá do bacallao e as feiras", argumentan.

A Biblioteca Municipal de Viana do Castelo ofreceulles un listado de recomendacións para dar os primeiros pasos nesta andaina. Entre eles están os títulos que se poden ver na presentación que abre esta nova, "que están agardando por vós na biblioteca".

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: cuberto o cupo do curso de monitores de tempo libre, que comeza este sábado 19

Presentáronse 36 solicitudes para un máximo de 25 prazas


Técnicas de acampada é unha das materias a aprender

Ribeira, 17 de febreiro de 2011.- Este sábado dará comezo a primeira das actividades incluídas no Plan de Formación para mozos e mozas que a Concellería de Xuventude organiza para o ano 2011: trátase do Curso Oficial de Monitores en Actividades de Tempo Libre que na súa fase de inscrición rebasou con creces o número máximo de prazas existentes: 36 solicitudes para un tope de 25 prazas, que foron cubertas por orde de preferencia.  

Así e logo, un total de 25 rapaces comezarán este sábado 19 no colexio O Grupo a primeira das clases de que consta a actividade, que serán impartidas por persoal docente da Escola Galega de Tempo Libre. O horario será intensivo: de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.  

En total, o ciclo formativo constará de 200 horas lectivas nas que se abordarán temas como a psicosocioloxía, a lexislación, as técnicas de acampada, unha área de educación ambiental e natureza, unha área de animación e xogos e outra área de saúde. 

Cabe recordar que a iniciativa terá lugar fundamentalmente os sábados e tamén algún domingo ou festivo entre febreiro e xuño, conforme á seguinte planificación:

  • Febreiro: días 19, 26 e 27
  • Marzo: 12, 19, 26 e 27
  • Abril: 2, 9, 16, 17, 23 e 30
  • Xuño: 4 e 11

Outras accións programadas para este primeiro semestre pola Concellería de Xuventude que dirixe Vicente García Rivas son un curso monográfico de globoflexia, outro de manexo de equipos de son e gravación de maquetas, un curso web 2.0, un curso de aspirante a instrutor de vela lixeira e un curso de iniciación ao clown.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical