- Entre o prazo de presentación de ofertas para facer as obras (case un mes) e os tres meses da execución, o punto limpo podería estar rematado e posto en marcha a mediados de 2012
Cruceiro en Nebra
Porto do Son, 13 de Nadal de 2011. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, realizará un investimento de máis de 296.000 euros para o financiamento do 100% do punto limpo de Nebra. A resolución publicada hoxe contempla un prazo de execución de tres meses.
As obras obxecto da proposta corresponden a aquelas dirixidas á adecuada xestión dos residuos en Galicia, nos concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar estes proxectos. Esta actuación atópase a medio camiño entre Portosín e Porto do Son, na zona chamada Agra de Bustelo, na antiga estrada de Cans, na parroquia de Nebra.
O punto limpo é un recinto preparado para que que os cidadáns poidan depositar neles os residuos para os que é precisa unha xestión específica, polo seu tamaño ou pola súa composición. Os obxectivos principais desta instalación son recuperar os materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, evitar a vertedura incontrolada de entullos e voluminosos e separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente. As accións fundamentais centraranse na disposición das instalacións xerais, casetas e almacén, colectores e sinalización. Tamén se executará un peche da canteira, un peche perimetral e unha porta de acceso. O proxecto tamén considera a urbanización e o axardinamento do contorno.
O Goberno galego, mediante a execución desta infraestrutura, responde, asegura a Xunta, "á demanda dos habitantes de Porto do Son, xa que na actualidade existe un servizo de recollida que non cubre as necesidades dos veciños, cunha periodicidade dun día ao mes".
Coa posta en funcionamento deste servizo preténdese concienciar á poboación para tratar de erradicar as verteduras incontroladas e evitar a imaxe dos utensilios na metade da rúa durante varios días, nas zonas urbanas ata que se proceda á súa recollida.
A Consellería de Medio Ambiente lembra que, unha vez recibidas as obras, o concello debe asumir a súa explotación, mantemento e conservación.
As ofertas para a execución destas obras presentaranse no prazo máximo de 26 días naturais contados desde mañá.
Aposta polos puntos limpos
A Xunta de Galicia leva posto en funcionamento un total de 13 novos puntos limpos nas catro provincias no que vai de lexislatura. O novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos prevé, ademais, a creación de preto de 300 novas instalacións deste tipo ata o ano 2020.
Nestes últimos dous anos puxéronse en marcha os puntos limpos dos concellos da Peroxa, A Pobra de Trives, Terras de Celanova e Bande na provincia de Ourense; en Guntín e Quiroga, na provincia de Lugo; na provincia da Coruña están situados nos concellos das Somozas, Curtis, Melide e Sobrado dos Monxes e Negreira; e nos concellos de Covelo e Cangas en Pontevedra.
Ademais, licitáronse 5 novos puntos limpos nos concellos do Pereiro de Aguiar, O Carballiño, Castro Caldelas, Vilarmartín de Valdeorras e San Cibrao das Viñas.
PREVISIÓN DE PUNTOS LIMPOS |
Puntos limpos fixos | 228 |
Minipuntos | 40 |
Puntos limpos móbiles | 28 |
TOTAL | 296 |
Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos
Esta actuación está prevista no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos, aprobado de forma definitiva o pasado 13 de xaneiro no que se definen as estratexias en materia de RSU para a vixente década; dando resposta ás exixencias comunitarias sobre prevención da xeración de residuos e o fomento da reutilización, a reciclaxe e a recuperación.
Con este plan, que estará en vigor ata o ano 2020, o Goberno galego establece obxectivos ambiciosos e realistas para acadar un modelo de xestión sustentable e reducir as súas repercusións ambientais. A Xunta de Galicia mantén unha aposta clara e definitiva por unha adecuada valorización dos residuos sólidos urbanos (RUS) e traballa co fin de implicar neste propósito os concellos galegos.
O Executivo autonómico tamén trata de potenciar o principio de proximidade, para facilitar a xestión do sistema integral aos concellos, con todas aquelas medidas que lles permitan abaratar os seus custos de transporte.
Adega contradí estes datos da Xunta
Grazas a esta política de actuacións, di a Xunta que "Galicia sitúase na vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispoñer dunha sistemática xestión integral, consolidada e sustentable dentro do territorio nacional e comunitario que, coas infraestruturas dispostas nestes momentos, garante o peche do ciclo iniciado coa recollida fraccionada en orixe". Algo completamente diferente pensan en Adega, segundo podemos ler no artigo de hoxe mesmo en Galicia Confidencial de Fins Eirexas, aquí.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia