13.1.12

Sociedade: Equanimal protesta fronte á Xunta contra a caza e a súa nova lei

Santiago, 13 de xaneiro de 2012. Ao longo do mes de xaneiro van ter lugar en Galicia nada menos que seis campionatos de caza do raposo, nos que van caer grande número destes animais. Os campionatos, segundo denuncia Equanimal, asociación defensora dos dereitos dos animais, "lévanse a cabo coa total permisividade, cando non co apoio, da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia".

Por este motivo protestaron hoxe varios integrantes de Equanimal fronte á sede central da Xunta de Galicia, en San Caetano, e tamén aproveitaron para entregar unha carta dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, no que o apremian a non apoiar a caza nin manter unha posición contraria aos dereitos dos animais e non permitir que se aprobe o anteproxecto da nova Lei de Caza na que se permitirá que nenos de 14 anos participen en cacerías.

Equanimal considera que a ética "debe avanzar e nunca retroceder, e que unha práctica como a caza consiste en provocar sofremento a un animal ata acabar coa súa vida, e por iso debe ser prohibida e nunca promovida xa que perpetúa valores carentes de respecto aos animais".

Equanimal anunciou que esta é a primeira dunha serie de protestas e accións reivindicativas que farán ao longo deste mes. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello creará un comité para promover o ocio nocturno libre e san e evitar accións destructivas

  • Por outra banda, tamén informou hoxe de que vai arranxar camiños no rural por importe de case 50.000 euros

Media_httpfarm3static_bfwlc

O novo comité que evitar as accións desbaratadoras no mobiliario urbano ribeirense

Ribeira, 13 de xaneiro de 2012- O Concello segue a dar pasos cara a que o ocio nocturno da cidade se desenvolva de xeito máis san e libre de accións destructivas. Neste sentido, e tal e como anunciara o pasado martes a voceira do Equipo de Goberno –Herminia Pouso-, vaise constituír un comité cuxa principal misión é a de redactar un plan dirixido a que a xuventude de Ribeira e, por extensión, todos aqueles que disfrutan da movida de Ribeira, se divirtan sen drogas e de forma respectuosa coas instalacións e o mobiliario urbano. 

Este comité manterá  a súa primeira reunión o próximo martes, día 17 de xaneiro, ás 12 horas, na Casa Consistorial. 

Á mesma están sendo convidados representantes tanto do sector hostaleiro como do educativo, asistencial e de orde público. A reunión estará presidida polo alcalde Manuel Ruiz e contará ademais coa presenza dos edís de Seguridade, Educación, Servizos Sociais e Atención Cidadá (Víctor Reiriz, María del Carmen Vizcaya, Vicente Mariño e Juan Luis Martínez) e con representación técnica das áreas municipais da UAD e dos Servizos Sociais.

Conservación de camiños no rural

Por outro lado, o Concello informou hoxe de que vén de recibir unha subvención de 48.193 euros que irá destinada á conservación de camiños do medio rural do municipio. 

O Concello pretende empregar esta contía económica para mellorar o estado dalgúns camiños rurais situados nas parroquias de Olveira, Oleiros, Artes e Corrubedo. 

A axuda foille notificada ao Concello pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia e correspóndese coa parte do Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM 2010) que lle toca asumir ao antes denominado Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Renacer láiase de que os gobernos e administracións usen a crise como escusa para deixar sen fondos asociacións adicadas á saúde e terapia

Media_httpfarm8static_ihlgb

Renacer está agora mesmo, entre outras iniciativas, cunha campaña de prevención do alcoholismo

Ribeira, 13 de xaneiro de 2012. Desde a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira, amósanse "totalmente de acordo coas manifestacións de Luciano Poyato, presidente da a Unión de Asociacións e Entidades de Atención ao Drogodependente (UNAD), quen recentemente denunciaba publicamente a situación na que nos atopamos as 255 asociacións sen ánimo de lucro que temos a función social de traballar no ámbito da prevención".

Segundo explican, "a nivel social estamos a vivir momentos difíciles nos que se está producindo un deterioro importante da rede de prevención e asistencia que este país tiña no ámbito dos consumos problemáticos de drogas. Nos últimos meses en España ao redor de 35.000 persoas deixaron xa de ser atendidas en diferentes programas, perdéronse 200 postos de traballo e pecháronse máis de 60 programas. Ao longo destes anos o traballo que as organizacións sociais levamos a cabo, coa colaboración das administracións públicas, permitiunos ir construíndo unha rede pública extensa e variada para estender a prevención a todos os colectivos e dar unha axeitada resposta terapéutica á cidadanía. Críamos que se trataba dunha rede consolidada, pero a crise económica está a ser a escusa empregada polas administracións públicas e os gobernos, para priorizar aspectos económicos sobre os de saúde ou os terapéuticos, e así estamos a asistir a un progresivo peche de centros e programas que están a deixar sen asistencia a moitas persoas, e isto é só o comezo".

Para Renacer, "defender as organizacións sen ánimo de lucro, os programas e os recursos de prevención, é defender a saúde da cidadanía e debería ser considerado unha prioridade".

Un investimento, non un gasto

A rede asistencial e os programas de prevención non deberían ser nunca considerados un gasto, senón un investimento, salvar vidas non debería por tanto ser considerado un tema de contía económica, aseguran, non sen razón, dende esta asociación. "Entendemos que a actual crise, que non provocamos nin a ONG nin as persoas con problemas de drogas, obriga a realizar axustes económicos e a mellorar a eficiencia, pero sabemos que o reparto de partidas orzamentarias non é un asunto económico senón político, no que son os/as gobernantes os que deciden en que se realizan os recortes. Nós temos claras cales son as prioridades e eles, téñeno tamén?", argumentan.

"Nos tempos que corren non deberíamos aceptar feitos como que o diñeiro a disposición das entidades financeiras sexa ilimitado, e por contra recórtense as partidas de sanidade ou de incorporación social. Non deberíamos aceptar como algo natural que as persoas perdan dereitos sociais mentres as grandes empresas gañan miles de millóns de euros. Pola contra deberiamos loitar por defender o que temos, por salvar os programas de prevención que están en marcha e por manter a asistencia aos que a precisen e para iso necesitamos manter os nosos recursos, e iso só podemos conseguilo coa forza e a unión de todos e todas", rematan.

Pode que tamén lle interese:


Campaña: "Renacer" lanza a primeira fase de prevención do alcoholismo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este sábado 14, festival solidario con Paula, a nena boirense que se está tratando en Alemania

Porto do Son: este domingo 15 de xaneiro, homenaxe anual a Ramón Sampedro na praia onde quedou tetrapléxico

A XIV Homenaxe floral e poética a Ramón Sampedro será este domingo día 15 ás 13:00 horas na praia das Furnas. Pola tarde, no centro de interpretación de Baroña, ás 16:00 horas haberá un coloquio sobre o dereito a morrer dignamente e a figura de Sampedro nesta loita que está sendo obvidada polos políticos de todas as cores debido ao permanente influxo da Igrexa Católica neste estado que se supoñía aconfesional.

Un día antes será inaugurada a casa da cultura de Xuño, onde figurará tamén unha placa na súa honra.

Media_httpa4sphotosak_qyogd

A figura do sonense Sampedro segue a ser motivo de celebración de coloquios e debates sobre a eutanasia e o dereito á escolla dunha morte digna, sen encarnizamentos terapéuticos

No Facebook, Dereito a Morrer Dignamente

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o luns 16 de xaneiro abre o prazo para anotarse no programa "Vacacións en paz"

  • “Vacacións en Paz”  é un programa de acollimento familiar temporal que se presenta nun marco de axuda desinteresada co fin de propiciar unha estancia agradable e humanamente ricas aos nenos e nenas saharauis.
  •  Trátase de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos ás suas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non só na súa formación, senón tamén, en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos galego e saharaui. 
  • O prazo para que se anoten as familias acolledoras finaliza o venres 3 de febreiro. Precísanse sete unidades familiares.

Media_httpfarm7static_akbji

O 31 de agosto do ano pasado despediuse aos saharauis acollidos nesa quenda

Noia, 13 de xaneiro de 2012. Estes nenos naceron nos campamentos de refuxiados saharauis situados desde hai máis de 36 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, perto da fronteira alxeriano-saharaui; ou sexa, son fillos dos saharauis que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español, en 1975. A vida destes nenos nados no exilio transcorre nas mesmas circunstancias como o resto da poboación saharaui, privada do máis elemental e sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional. 

O Concello de Noia, a través da Concellería de Servizos Sociais Igualdade e Benestar dirixida por Sofía Caamaño (BNG), que se vén solidarizando desde hai moito co pobo saharaui, este ano decidiu unha vez máis acollerse ao programa “Vacacións en Paz”, a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Para isto, sufragará os gastos de transporte aéreo de 7 nenos e nenas e outros aspectos inherentes á realización do programa. 

Aquelas familias do Concello de Noia interesadas en participar no programa, que queiran acoller a nenos/as saharauis durantes os meses de xullo e agosto, poden dirixirse ao STAND (Servizo de Tratamento a Nenos con Discapacidade). A persoa de contacto é Yolanda, educadora familiar. Teléfono de contacto: 981824248. O prazo de solicitude é do 16 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2012.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical