30.5.11

Ribeira: unha delegación de Bari (Italia) chega á cidade dentro do programa Comenius de mediación educativa

Alcaldes, directores de ensino, mestres e ONGs forman a comitiva

Ribeira, 30 de maio de 2011.- Unha delegación italiana de quince persoas (formada por alcaldes e outras autoridades, directores de escola, profesores e representantes de ONGs, todas elas procedentes da rexión de Bari) recalarán mañá no municipio de Ribeira para cumprir unha intensa axenda de traballo, no marco do programa europeo bilateral Comenius Regio “A resolución pacífica de conflitos a través da mediación educativa”, que chega ao seu tramo final despois de dous anos de funcionamento. 

Para falar da visita compareceron hoxe na Casa do Concello a primeira tenente de alcalde en funcións, Dolores Elorduy; a concelleira de Educación, Juana Ermitas Crugeiras; o coordinador pedagóxico do programa, Olegario Sampedro; e a presidenta da Asociación Renacer, María González.

Cabe recordar que esta iniciativa foi promovida inicialmente polo Concello co obxectivo de fixar unha serie de mecanismos dirixidos á resolución pacífica de conflitos no ámbito educativo. Para a súa posta en marcha recibírase asesoramento da Universidade de Cádiz e acadouse a implicación de todos os centros de ensino de Secundaria do municipio (IES Número 1, Coroso e Leliadoura, os colexios Galaxia, Milagrosa, Bayón e Sagrado Corazón), ademais da Asociación Antidroga Renacer e do propio Concello. 

Máis tarde logrouse que esta exitosa experiencia fose incluída nun programa Comenius Regio, en colaboración coa rexión de Bari (na que están implicados os concellos de Vieste, Vico do Gargano, Bari e Peschici).

A de mañá será a segunda expedición italiana que visita Ribeira no marco do programa, despois da acontecida en marzo de 2010. O mércores será recibida en acto oficial polo alcalde, no Salón de Plenos da Casa Consistorial. Ademais, terán ocasión de coñecer a realidade económica e industrial do municipio, con visitas programadas a distintos enclaves como a lonxa, a empresa conserveira Frinsa ou ao parque periurbano de San Roque, no que terán oportunidade de coñecer o funcionamento do obradoiro de emprego Airoas. Tamén terán ocasión de visitar o colexio Bayón, o IES Leliadoura e o IES Número 1, ademais da UAD.

Programa de conferencias

Un dos apartados máis salientables da visita será o programa de conferencias que, nas tardes do mércores e o xoves, a partir das 17 horas, van impartir distintos membros da comitiva na Aula Multimedia (no paseo do Malecón).

Así, o mércores pola tarde desenvolveranse as seguintes charlas: “A loita contra a mafia: as asociacións antiraket”, a cargo de Vittoria Vescera, da Asociación Antiraket de Vieste; “Como funciona o centro de mediación escolar de Liceo Clásico Virgilio de Vico do Gargano”, a cargo do doutor Villani do Liceo de Vieste; “Grupo de continuidade e contraste de conflitos para unha acción resolutiva nas dificultades na escola”, a cargo das relatoras Carmela Partenostro e Nunzia Di Terlizzi do Concello de Bari; e “Saber escoitar as razóns dos outros para facer da mediación un estilo de vida”, por Giuseppe D’Avoglio, director do Liceo Clásico Virgilio de Vico do Gargano.

O xoves terán lugar os relatorios “A Asociación Astrea: o anti-stolking. Acoso”, pola profesora Mariangela Solitro, do Liceo de Vieste; “Regulamento do centro e xestión dos conflitos na clase”, pola profesora María Clementina Siena, do Liceo Clásico Virgilio de Vico do Gargano; “Programa escolar de seguridade na estrada”, polo profesor Pino Corso do Liceo de Vieste e “Alternancia Escola-Traballo”, da profesora Maria di Vieste, do Liceo de Vieste. O responsable da UAD do Concello, Jesús Cartelle, será o encargado de dar remate ao programa cunha conferencia de clausura.

Media_httpfarm5static_qefzi

A expedición italiana aínda terá tempo de realizar outras visitas de carácter turístico, como as programadas por Ribeira, A Curota, Corrubedo e O Vilar (venres 3 de xuño pola mañá), Castro de Baroña (vernes pola tarde), a illa de Sálvora (sábado pola tarde) e Santiago de Compostela (domingo).

O luns 6 de xuño regresarán ao país transalpino.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: "Vai de Roda" obtivo dous premios no certame de baile de Xacarandaina na Coruña

Media_httpfarm6static_yofgz

As pequenas de "Vai de Roda" tamén obtiveron premios, non hai moito, na Estrada

Rianxo, 30 de maio de 2011. O grupo de baile "Vai de Roda" non para de colleitar premios. Onte, reunido o Xurado do XXXII Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña, composto por Chelo Cheda Pérez, Miguel Sotelo Vidal e María José Martínez Pérez acordaron:

CATEGORÍA A: Ata os 8 anos inclusive

1º Premio: O Muíño da Retorta do CC A Ponte Vella de Teo

2º Premio: Sete Ferreñas da A de MBT "Vai de Roda"  de Rianxo

3º Premio: Rebuldeiros da AC Xacarandaina

 

CATEGORÍA B: De 9 a 12 anos inclusive

1º Premio: Nove Ferreñas  da A de MBT "Vai de Roda" de Rianxo

2º Premio: E da Escola de Folclore de Betanzos

3º Premio:Tras do EO da CC  A Ponte Vella

 

CATEGORÍA C: De 13 a 16 anos inclusive

1º Premio: Garagao da AC Xacarandaina de A Coruña

2º Premio: Grupo "B" da AC "Os Xeitosos" de Trazo

3º Premio: Pedravíxía da AC Adro de Baio

 

CATEGORÍA D: Maiores de 17 anos

 1º Premio: "Repinicoque" da AX Xiradela de Arteixo

2º Premio: Escola Municipal Tequexetéldere de A Estrada

3º Premio: Centro Cultural A Ponte Vella de Teo

Vía http://www.xacarandaina.com

Blog de Vai de Roda: http://www.blogoteca.com/vaideroda

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Concello homenaxea a catro centenarias publicando a súa biografía

Imaxe que ilustra a vida de Josefa Caamaño. As historias das catro centenarias son dignas de novela nalgúns casos, e mesmo de telenovela noutros

Dodro, 30 de maio de 2011. A concellaría de Igualdade e Benestar, en colaboración coa Deputación da Coruña, rende unha homenaxe ás persoas que chegaron a cen anos neste 2011. As catro son mulleres, unha delas recentemente finada, e foron testemuñas da evolución da sociedade e do cambio que supuxo este último século, sobre todo na vida das mulleres. Todas elas -menos a finada- viven aínda na mesma parroquia que as viu nacer hai máis de 100 anos. Co fin de visibilizar este cambio e de renderlles homenaxe, o Concello de Dodro publicou as súas historias de vida, pequenas biografías, nun libriño que acaba de saír do prelo e que tamén se pode consultar na Rede (adxunto).

Rosa (Laíño, 1909), Carmen (Bexo, 1910), Soledad ( Imo, 1910) e Josefa (Lestrobe, 1910) representan a historia recente do último século en Dodro, no que pasaron de non poder ir á escola a ter netas universitarias que traballan no estranxeiro, de non ter luz nin agua nas súas casas a ter televisión con cincuenta canais, de pasar fame a teren a neveira chea, de coidar a toda a familia a ser coidadas...Viviron a república, as guerras, a postguerra, a democracia, e tiveron oportunidade de gozar de moitos momentos da vida. Representan a toda unha xeración que viviu con moitas dificultades, e máis sendo mulleres, pero co seu traballo e esforzo transmitíronnos o que hoxe temos. "Son as únicas persoas de Dodro que chegaron ao 2011 con máis de 100 anos e por estes motivos queremos personalizar nelas o noso respecto e recoñecemento. Estas biografías son a nosa pequena homenaxe", explican dende o equipo de goberno en funcións de Dodro.

bioCENTENARIAS.pdf Download this file

Imaxe_centenaria_dodro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: aberto ata o 8 de xuño o prazo de inscrición no obradoiro de emprendedores

Rianxo, 30 de maio de 2011. A partir do vindeiro mes de xuño o Concello de Rianxo realizará un obradoiro de emprendemento e creación de empresas subvencionado pola Deputación da Coruña. A finalidade do mesmo é a promoción do autoemprego e do emprendemento así como a búsqueda de novos xacementos de emprego.

O lugar de celebración será o Centro Sociocultural-Auditorio en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.

Para máis información e inscrición acudir a Servizos Sociais (crta. de Tanxil, 12) ou ben chamando ao 981860061/667185588. Correo-e: servizos.sociais@concelloderianxo.es

Data límite de inscrición ata o 8 de xuño.

ficha.pdf Download this file

Rianxo_obradoiro_emprendedores

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: aberto o prazo para inscribirse na excursión ás Médulas e León para maiores, ata o 3 de xuño

Media_httpfarm6static_fjdpl

As Médulas foron minas de ouro e outros minerais do Imperio Romano

Ribeira, 30 de maio de 2011. O Departamento de Servizos Sociais informa de que xa está aberto o período de inscrición para participar na viaxe con destino ás Médulas e León, organizada no marco do programa de Saídas Culturais dirixidas ao colectivo da terceira idade do municipio. 

Esta viaxe terá lugar os días 8 e 9 de xuño e incluirá a visita a diferentes lugares tan identificativos da cidade de León, como a Catedral, o casco antigo ou a Basílica de San Isidoro. A  localidade de Astorga será tamén obxecto de percorrido, con visita guiada ao Palacio Episcopal, a Catedral e o seu museo. 

Os maiores interesados teñen ata o día 3 de xuño, este venres vindeiro, para anotarse. O prezo por participar é de 129 euros. Inclúe desprazamento en autocar, comidas, guía e seguro de viaxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o editor independente de Ribeira Antonio Piñeiro gañou o certame "Avilés de Taramancos" de relato de aventuras

Media_httpfarm4static_pffiw

Antonio Piñeiro, no procesado de libros da súa editorial, de onde sae a Colección Bourel. Xa leva gañados numerosos certames literarios, como o Valle-Inclán de relato e recentemente o Ángel Urrutia, en Lekunberri (Navarra) de poesía.

Noia, 30 de maio de 2011. O fallo da décima edición do certame literario de relato de aventuras "Antón Avilés de Taramancos" deu a coñecer ao gañador, o ribeirense Antonio Piñeiro, que presentou a obra "A dama fulxente". Ao concurso presentáronse 14 obras. No xurado estiveron Vanesa Oliveira, Mercedes Queixas e María Pérez. O premio está dotado con tres mil euros, escultura do noiés Alfonso Costa e publicación nunha editorial local.

Antes, en Certo:

Entrevista: Antonio Piñeiro edita libros que son en si mesmos obras de arte, na Colección Bourel. Máis

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Muiñada de Amendo celébrase este sábado 4 de xuño, e conta cunha andaina fotográfica

Ribeira: clausurada a XIV edición de Mostra de Teatro Infantil

Luciano Fernández, de Cultura, agasallado ao despedirse da vida política municipal

Ribeira, 30 de maio de 2011. A actuación do Grupo Municipal Infantil de Teatro de Riveira que dirixe Segundo Chiki Durán puxo o punto final o pasado venres á 14ª edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira, que durou toda a semana pasada.

O elenco artístico puxo en escena a obra “Casting improvisado”, na que os pequenos tiveron oportunidade de dar renda solta a súa creatividade e imaxinación, ao interpretar e coreografiar cancións tan coñecidas como “Imagine”, de John Lennon; “I want to break free”, de Queen; “Vacaciones en Roma”, de La Oreja de Van Gogh ou “Bad Romance” de Lady Gaga.

Tras unha hora de función ante un Auditorio repleto de espectadores, tivo lugar o acto de clausura oficial, no que recibiron esculturas conmemorativas os dez grupos de teatro que participaron na presente edición.

Ademais, tamén foi agasallado cunha figura o concelleiro de Cultura e Festexos de Ribeira, Luciano Fernández Martínez, que se despide da vida política municipal; ao igual que o alcalde José Luis Torres Colomer, quen non puido acudir por ter que cumprir outros compromisos profesionais e recolleu o agasallo no seu nome a primeira tenente de alcalde, Dolores Elorduy Callón.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello promove un servizo gratuíto de recollida de aceite usado

Recollida aceite.doc Download this file

Pide colaboración cidadá, en especial das comunidades de veciños

Media_httpfarm3static_jclht

Ribeira, 30 de maio de 2011. O Concello está a desenvolver no municipio unha experiencia piloto, consistente na instalación de contedores de aceite vexetal usado naqueles edificios nos que os seus veciños estean interesados, sen que isto lles carrexe aos mesmos custo económico ningún. 

Con este fin, o Concello quere facer un chamamento a todas as comunidades de propietarios que estean interesadas en contar con estes envases nas súas zonas comúns. Tan só se teñen que poñerse en contacto co Departamento Municipal de Medio Ambiente, que se encargará de efectuar as xestións oportunas para a instalación nos inmobles dos citados contedores.  

Estes recipientes terán unhas dimensións de 28 cm. de ancho por 60 cm. de alto e unha capacidade de 50-55 kg. A empresa Protección Medioambiental, S.L., será a que se encargue da recollida e posterior reciclaxe do aceite usado, en virtude do convenio de colaboración asinado a tal efecto co Concello.  

A frecuencia do servizo virá determinada polo enchido dos contedores, garantindo a súa recollida sempre que sexan requiridos polas comunidades de veciños adheridos. 

Cabe salientar que a recollida de aceite vexetal usado contribúe a reducir o impacto ambiental que provoca o seu vertido na rede de sumidoiros, permitindo alargar a vida útil dos colectores e tubaxes que forman parte da mesma.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este martes 31 de maio, Día Mundial Sen Tabaco, con carpa informativa na Alameda

Media_httpfarm6static_xeicq

Noia, 30 de maio de 2010. Este martes, 31 de maio, celébrase na vila o Día Mundial sen Tabaco. Haberá, de dez da mañá a dúas da tarde, unha carpa na Alameda onde se dará consello para deixar de fumar e se realizarán coximetrías (medicións de CO) e valoración da idade pulmonar a cargo de persoal sanitario. Tamén se aproveitará para presentar e divulgar a web con consellos para deixar de fumar: www.dejardefumarconayuda.es. No veciño concello de Outes haberá ademais unha mesa informativa, ubicada no Centro de Saúde.

Media_httpfarm6static_nffdn

Con motivo da celebración do Día Mundial Sin Tabaco, este ano a OMS fai fincapé no "Convenio Marco da OMS para o control do tabaco". O Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (CMCT da OMS) é o principal instrumento de control do tabaco a nivel mundial. Nel menciónanse as obrigas que deben contraer os países da Unión Europea, a saber:

1.- Protexer as políticas de saúde pública de intereses comerciais e outros intereses creados da industria tabaqueira.
2.-  Adoptar medidas relacionadas cos prezos e impostos para reducir a
demanda de tabaco.
3.- Protexer ás persoas contra a exposición ao fume de tabaco.
4.- Regulamentar o contido dos produtos de tabaco.
5.- Regulamentar a divulgación de información sobre os produtos de tabaco.
6.- Regular o empaquetado e etiquetaxe de produtos de tabaco.
7.- Advertir á poboación dos perigos do tabaco.
8.- Prohibir a publicidade, a promoción e o patrocinio do tabaco.
9.- Ofrecer axuda para abandonar a adicción ao tabaco.
10.- Loitar contra o comercio ilícito de produtos de tabaco.
11.- Prohibir a venda a menores e por menores.
12.- Apoiar actividades alternativas economicamente viables ao cultivo de tabaco.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical