Imaxe que ilustra a vida de Josefa Caamaño. As historias das catro centenarias son dignas de novela nalgúns casos, e mesmo de telenovela noutrosDodro, 30 de maio de 2011. A concellaría de Igualdade e Benestar, en colaboración coa Deputación da Coruña, rende unha homenaxe ás persoas que chegaron a cen anos neste 2011. As catro son mulleres, unha delas recentemente finada, e foron testemuñas da evolución da sociedade e do cambio que supuxo este último século, sobre todo na vida das mulleres. Todas elas -menos a finada- viven aínda na mesma parroquia que as viu nacer hai máis de 100 anos. Co fin de visibilizar este cambio e de renderlles homenaxe, o Concello de Dodro publicou as súas historias de vida, pequenas biografías, nun libriño que acaba de saír do prelo e que tamén se pode consultar na Rede (adxunto). Rosa (Laíño, 1909), Carmen (Bexo, 1910), Soledad ( Imo, 1910) e Josefa (Lestrobe, 1910) representan a historia recente do último século en Dodro, no que pasaron de non poder ir á escola a ter netas universitarias que traballan no estranxeiro, de non ter luz nin agua nas súas casas a ter televisión con cincuenta canais, de pasar fame a teren a neveira chea, de coidar a toda a familia a ser coidadas...Viviron a república, as guerras, a postguerra, a democracia, e tiveron oportunidade de gozar de moitos momentos da vida. Representan a toda unha xeración que viviu con moitas dificultades, e máis sendo mulleres, pero co seu traballo e esforzo transmitíronnos o que hoxe temos. "Son as únicas persoas de Dodro que chegaron ao 2011 con máis de 100 anos e por estes motivos queremos personalizar nelas o noso respecto e recoñecemento. Estas biografías son a nosa pequena homenaxe", explican dende o equipo de goberno en funcións de Dodro.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario