2.12.10

Rianxo: unha alumna do IES "Félix Muriel" gañou un premio en Vigo por un relato de ciencia ficción

Download now or preview on posterous
Relato_Gradiant.pdf (13 KB)


Imaxe da entrega de premios no blog de Gradiant

Rianxo, 2 de decembro de 2010. A alumna Sarela Betanzos Freire, de 2º de ESO do instituto Félix Muriel de Rianxo, acadou o primeiro premio da categoría C do II Certame de Relatos Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, sito en Vigo). A mesma alumna relata no blog do instituto a súa experiencia:

"O venres 19 de novembro fomos a miña clase (2ºB), Andrés, Lali e máis eu á entrega de premios que se celebrou nas instalacións de Gradiant , en Vigo. Alí ensináronnos algúns dos seus proxectos no ordenador, como un programa que detecta persoas e actitudes sospeitosas nun determinado lugar, ou outro que detecta os rasgos faciais dunha persoa…

Despois asistimos á entrega de premios. Primeiro falou o director de área de Gradiant, Javier González Castaño, logo a presidenta da actividade portuaria de Vigo, Corina Porro, e finalmente entregaron os premios das tres categorías. Primeiro entregáronme a min unha XBOX 360 con Kineckt e logo entregaron aos demais gañadores os seus respectivos premios.

Ao rematar a entrega, algúns rapaces estiveron xogando na Wii ao GuitarHero e despois déronnos unha charla sobre como cifrar mensaxes e a historia da criptografía.

Logo volvemos ao instituto. Pasámolo moi ben, e gustoume moito que me puideran acompañar os rapaces da miña clase á entrega".


O relato gañador:


Hoxe mesmo publicamos:


Premio en Santiago: un alumno do ies "Virxe do Mar", 2º de poesía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: un alumno do instituto "Virxe do Mar" acadou o segundo premio na categoría de poesía do XV premio literario "Ánxel Casal" de Santiago

Noia, 2 de decembro de 2010. Onte deuse a coñecer o fallo do XV premio literario Ánxel Casal, convocado polo Concello de Santiago. O noiés José Ismael Ramos Castelo, de 16 anos e alumno do IES Virxe do Mar gañou o segundo premio na categoría de poesía polo seu traballo Capricho. Poesía existencial demasiado azucrada. Por este segundo premio levará 700 euros (o primeiro leva 1.000).

A concelleira de Educación de Compostela, Mercedes Rosón, deu a coñecer o nome dos gañadores do XV Premio Literario Ánxel Casal. Afonso Francisco Traficante Fernández, Brais Lamela Gómez e Lara Porto Mato foron os gañadores, respectivamente, nas modalidades de poesía, conto e teatro. En total, presentáronse 56 traballos. Afonso Francisco Traficante Fernández, alumno do IES Nº 1 de Ordes (A Coruña), con tan só 14 anos, foi o gañador do premio de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás Campos, integrante do xurado, considerou "extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual". Recordou Marcos Sánchez Calveiro, tamén escritor e membro do xurado, que se trataba do poemario máis amplo a concurso e que se presentou como "obra conceptual pechada".

Foi tanta a calidade dos traballos presentados na categoría de poesía –indicou a concelleira- que o xurado considerou oportuno facer tamén unha mención a Jesús Castro Yáñez, de 18 anos, do IES Pedregal de Irimia (Lugo), que concursou coa obra Paxarotempos.

Tamén estivo na rolda de prensa o director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, quen tamén se declarou "abraiado" pola calidade dos traballos presentados ao Concurso. A esta editorial encargarase de publicar un libro no que se recollerán os traballos premiados. A entrega dos galardóns aos premiados celebrarase o 16 de decembro, ás 12:00 horas, nun acto no Salón Vermello de Raxoi. Este acto, dixo Sánchez Calveiro, "recordarase dentro duns anos como o primeiro premio que recolleron estes escritores", porque prognosticou que "algún vai ser un escritor importante das nosas letras".

Traxetoria do Ánxel Casal

O premio literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2010 foi o IES de Sar o que formou parte do xurado en calidade de coorganizador do certame, dirixido a alumnos a partir dos 14 anos e con 5.100 euros destinados en premios.

O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Belén deste ano inaugúrase o mércores 8 de decembro, con novos elementos decorativos

Estará ubicado na praza Otero Goyanes, enfronte da igrexa de Santa Uxía, ata o Día de Reis -6 de xaneiro-

Imaxe do belén do Nadal pasado

Ribeira, 2 de decembro de 2010. A concellería de Cultura e Festexos, que dirixe Luciano Fernández Martínez, vai inaugurar o vindeiro mércores 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción, ás oito da tarde, o Belén tradicional que como en anos anteriores se instala na Centenaria.

      Este nacemento foi sometido a un proceso de recuperación e restauración de elementos decorativos como as figuras, edificacións e outras partes deterioradas que foi realizada polas empresas Espiñeira Centro de Jardinería e Carmi Carpintería, que foi aproveitada para introducir novas construcións coma casas ou pontes. Asemade serán as empresas encargadas da realización e montaxe do resto da decoración con elementos vexetais e naturais.

O castelo de Herodes

      Outra novidade é a estrutura exterior, construída acorde co emprazamento do mesmo a través de estruturas de aluminio lacadas en tons madeira, así como o tamaño e disposición rectangular.

      A súa ubicación será na Praza de Otero Goyanes, entre a Igrexa Parroquial de Santa Uxía e o Pazo de Otero Goyanes, na parte baixa da mesma para resaltar a súa vistosidade e accesibilidade.

      Segundo o concelleiro de Cultura ribeirense, "o Belén Municipal goza de grande aceptación entre a cidadanía e por iso esta Concellería, coa pretensión de enxalzar e garantir a tradición do Nadal, aposta un ano máis por esta actividade de grande repercusión e aceptación interxeneracional".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello estreará novas marquesiñas para agardar o bus que servirán como soporte de información turística

Aseguran que é unha iniciativa pioneira en España

Ribeira, 2 de decembro de 2010. A práctica totalidade das marquesiñas instaladas no termo municipal van ser obxecto de restauración e, con tal motivo, van ser utilizadas polo Concello como soportes promocionais dos recursos turísticos e culturais que atesoura este territorio barbancés, ademais de ofrecer outra información de servizo ao cidadán, como os teléfonos de interese. Co fin de presentar este proxecto, déronse cita ante un prototipo situado diante do merendoiro de Espiñeirido (na parroquia de Olveira), o alcalde José Luis Torres e os concelleiros Luciano Fernández e Elvira Pereira, os cales comprobaron o resultado do traballo desenvolvido. 

O alcalde explicou que moitas destas construcións están deterioradas polo vento e outras incidencias meteorolóxicas, pero que son os actos vandálicos os causantes do mal estado da maioría delas. Esta é unha das razóns polas que se decidiu acometer esta acción, que afectará a unhas 60 marquesiñas (é dicir, todas as que son tipo hórreo e outras cunha estrutura parecida, como as da Deputación), na esperanza de que os cidadáns sexan máis respectuosos con estes elementos por mor do atractivo e utilidade das mesmas, ao albergar fotografías de grande impacto visual e unha listaxe cos teléfonos de interese para os cidadáns. 

Ademais José Luis Torres manifestou a idoneidade desta iniciativa para promocionar os recursos turísticos do concello ante as persoas que nos visiten. A este respecto, explicou que en cada parroquia albergarase como mínimo unha marquesiña decorada con imaxes desa parroquia en cuestión, mentres que outras marquesiñas conterán fotografías dos sitios máis característicos do municipio. 

O orzamento da actuación ascende a preto de 30.000 euros, acometidos íntegramente con fondos propios do Concello. 

Iniciativa pioneira en España, segundo o Concello

Pola súa parte, Luciano Fernández subliñou que esta iniciativa, desenvolvida dende a súa Concellería de Cultura e Festexos, é pioneira en España á hora de empregar estas estruturas para promocionar os atractivos do municipio.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical