2.12.10

Ribeira: o Concello estreará novas marquesiñas para agardar o bus que servirán como soporte de información turística

Aseguran que é unha iniciativa pioneira en España

Ribeira, 2 de decembro de 2010. A práctica totalidade das marquesiñas instaladas no termo municipal van ser obxecto de restauración e, con tal motivo, van ser utilizadas polo Concello como soportes promocionais dos recursos turísticos e culturais que atesoura este territorio barbancés, ademais de ofrecer outra información de servizo ao cidadán, como os teléfonos de interese. Co fin de presentar este proxecto, déronse cita ante un prototipo situado diante do merendoiro de Espiñeirido (na parroquia de Olveira), o alcalde José Luis Torres e os concelleiros Luciano Fernández e Elvira Pereira, os cales comprobaron o resultado do traballo desenvolvido. 

O alcalde explicou que moitas destas construcións están deterioradas polo vento e outras incidencias meteorolóxicas, pero que son os actos vandálicos os causantes do mal estado da maioría delas. Esta é unha das razóns polas que se decidiu acometer esta acción, que afectará a unhas 60 marquesiñas (é dicir, todas as que son tipo hórreo e outras cunha estrutura parecida, como as da Deputación), na esperanza de que os cidadáns sexan máis respectuosos con estes elementos por mor do atractivo e utilidade das mesmas, ao albergar fotografías de grande impacto visual e unha listaxe cos teléfonos de interese para os cidadáns. 

Ademais José Luis Torres manifestou a idoneidade desta iniciativa para promocionar os recursos turísticos do concello ante as persoas que nos visiten. A este respecto, explicou que en cada parroquia albergarase como mínimo unha marquesiña decorada con imaxes desa parroquia en cuestión, mentres que outras marquesiñas conterán fotografías dos sitios máis característicos do municipio. 

O orzamento da actuación ascende a preto de 30.000 euros, acometidos íntegramente con fondos propios do Concello. 

Iniciativa pioneira en España, segundo o Concello

Pola súa parte, Luciano Fernández subliñou que esta iniciativa, desenvolvida dende a súa Concellería de Cultura e Festexos, é pioneira en España á hora de empregar estas estruturas para promocionar os atractivos do municipio.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical