31.1.13

Turismo: os catro alcaldes de Arousa Norte viaxaron a Madrid a facerse a foto en Fitur

Fitur_barbanza

  • Estiveron apoiados pola delegada territorial do Goberno galego na Coruña

Barbanza, 31 de xaneiro de 2013.- Nin crise, nin austeridade: os alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte (tres do PP e un do Bng) consideraron que tiñan que estar presencialmente en Fitur (Madrid) hoxe para dicir que esta bisbarra existe, inda que a presenza dela, como de todas as demais, é un pequeno curruncho no stand de Galicia. Ademais, os grandes titulares, como adoita acontecer nestas citas, fóronse para outras bisbarras, neste caso a da Costa da Morte, coa máis que cuestionable aposta polo mundo do ciclismo (Vuelta a España) nestes intres onde está tan baixo sospeita como o dos partidos políticos debido á dopaxe e corrupción.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, destacou o potencial turístico da comarca de Arousa Norte, pois “pertence a un xeodestino -Ría de Arousa-, que conta cunha enorme riqueza paisaxística natural, un importante patrimonio arquitectónico, xacementos arqueolóxicos de primeiro nivel e, tamén, unha gastronomía que está indisolublemente unida ao mar”.

A representante do Goberno galego na provincia reiteroulle aos alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira "todo o apoio da Xunta de Galicia para seguir impulsando o crecemento turístico da zona e convertelo en referencia de calidade". Neste senso, avogou por incrementar a colaboración entre as administracións para poñer en valor os recursos do xeodestino, que conta coa peculiaridade de abarcar dúas provincias, pois tamén se estende ata Pontevedra.

Do Campo participou esta tarde no acto de presentación da campaña Regala Arousa Norte. Produtos e paquetes turísticos, organizada pola Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte no stand disposto pola Xunta en Fitur, que acolle todas as propostas galegas baixo o paraugas da oferta común de Turgalicia. Nese senso, a delegada territorial valorou a iniciativa, que servirá para “aumentar o turismo de calidade en colaboración con empresas punteiras da zona relacionadas cos sectores de aloxamento, restauración e ocio.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng local tamén manifesta a súa disconformidade "e asombro" co peche ou traslado do Grumir

Temporal_grumir

  • O Bng apoia e sumarase á concentración deste domingo, 3 de febreiro, ás 13:00 horas fronte ao Concello para protestar por esta medida arbitraria da Xunta


Noia, 31 de xaneiro de 2013. O responsable local do Bng de Noia, Xosé Agapito Romeiro, manifestou hoxe en nota de prensa o seu "asombro e disconformidade coa decisión que acaba de tomar a Xunta de Galicia, respecto do traslado do GRUMIR de Noia para o concello de Muros".

"Sen ánimo de facer política localista, esta decisión da Xunta semella que non ten pés nen cabeza, tendo en conta a realidade e o contexto en que se dá. O concello de Noia conta cun alto potencial de medios neste tema, sen parangón nos concellos e comarcas limítrofes. Tampouco podemos obviar a situación estratéxica de que goza Noia desde o ponto de vista xeográfico. Isto, sumado ao senfín de servizos prestados a cotio polo GRUMIR nos concellos colindantes, fai que este servizo de emerxencia sexa fundamental para Noia e comarca; por suposto ubicado onde está actualmente", argumenta o portavoz do Bloque Nacionalista Galego de Noia.

O BNG apela á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e aos responsábeis do Partido Popular "para que, facendo un exercicio de racionalidade e cordura, recapaciten e non despracen o GRUMIR de Noia para o concello de Muros. Finalmente, o BNG de Noia anuncia que se sumará a todos aqueles actos e mobilizacións reivindicativas para que este servizo esencial permaneza no noso concello. Deste xeito apoiará a concentración que está convocada para este vindeiro domingo, 3 de febreiro, ás 13:00 horas, fronte ao concello de Noia".

Onte, en Certo:


Pode que tamén lle interese:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: programa de Entroido, do martes 5 ao mércores 13 de febreiro

A concelleira de Cultura do Concello de Riveira, Elvira Pisos, deu a coñecer esta mañá a programación de Entroido de Ribeira. Secundárona os técnicos municipais Unai González e Segundo Chiki Durán. No acto estivo tamén o presidente da Asociación de Hostalería, Víctor Casais, quen dou a coñecer dúas actividades promovidas por esta nova entidade: por unha parte un concurso de disfraces (cuxas bases se achegan en documento adxunto e están publicadas na páxina web municipal: www.riveira.es) e por outra un concurso de decoración de locais no que poderán participar todos os establecementos interesados (inscricións no Auditorio Municipal, data límite: 7 de febreiro).Tamén servirán aos seus clientes tapas típicas de Entroido.

 

PROGRAMACIÓN XERAL

 

Do 5 ao 8 de Febreiro

 

OBRADOIRO DE COCIÑA E REPOSTERÍA DO ENTROIDO

 

Lugar: Aulas de Servizos Sociais

Datas e horario: Do 5 ao 8 de febreiro de 19:00 a 21:00 h

Destinatarios: Persoas de 16 anos en diante / Mín. 13 – Máx. 25 prazas

Información e inscricións: Do 31 de xaneiro ao 5 de febreiro de 10 a 14 h no Auditorio Municipal de Riveira – Tlf. 981 835650 e culturaefestexos@riveira.com

Publicarase a listaxe de admitidos o 5 de febreiro ás 15 h no Auditorio e web de Riveira. Inscrición de balde

 

VENRES, 8 de Febreiro

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA  DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

“OS ARMADANZAS” a partir das 11 da noite

 

SÁBADO, 9 de Febreiro

 

ENTROIDOLANDIA

 

Praza do Concello, de 11:30 a 13:30 e de Ás 16:30 a 19:00 h na Praza do Concello, parque de inchables de saltar, escalar, rampear, pelotear, xogar, bailar, rechinar os pequenos piratas, pallasos, choqueiros, príncipes, patos, galiñas, princesas, soldados, romanos, mariñeiros, astronautas, sereas… e demais personaxes fantásticos e animados!!! Para nenos e nenas. Entrada libre e de balde (en caso de choiva trasladarase ao Pavillón “Santa Uxía” de Coroso, Riveira.

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

 “OS ARMADANZAS” a partir das 11 da noite!

 

DOMINGO, 10 de Febreiro

 

CHOQUEIRADA INFANTIL

 

Aviso a todas as máscaras e caretas, choqueiros, príncipes e princesas, demos, elfos, merlíns, piratas, cavernícolas, ratos, gatos, lunnis, gormittis, pallasos, monsters high, bob esponjas e demais seres de fantasía que queiran pasar unha tarde de entroidada.

 

Ás 16:30 h. na Carpa do Entroido (Paseo do Malecón) unha reviravolta de bulicio, algarabía, barafunda e profano divertimento, dará comezo á GRANDE FESTA INFANTIL para os máis cativos, amenizada por animadores de xogos, mascotas, desfile de disfraces con entrega de diplomas, obradoiros variados e moito máis...

 

Entrada libre e de balde. Todos os nenos e nenas deberán ir disfrazados.

 

LUNS, 11 de Febreiro

 

FESTA DA NOITE DE ENTROIDO

 

Música, luces, animación, e baile na Carpa do Entroido, a partir das 12 da noite no Paseo do Malecón. Entrada libre e de balde.

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA  DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

“OS TROMPOS DAS  NICRAS” a partir das 12 da noite.

 

MARTES 12 de Febreiro

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA DE RIVEIRA CO GRUPO DE GAITAS:

 

 “A GANDAINA DE PALMEIRA” a partir das 11:30 h!

 

FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS

 

Ás 17:00 h. sairán do Auditorio Municipal as murgas e comparsas do Entroido cara á Praza do Concello, acompañadas no desfile polas charangas “OS ARMADANZAS” de Boiro, “OS TROMPOS DAS NICRAS” de Barbanza e os gaiteiros de “A GANDAINA” de Palmeira, así como un sinfín de personaxes que advertirán ao cidadán dos perigos de andaren a soas polas rúas.

 

As “Murgas Adultas” competirán no festival por un Primeiro Premio de 1.000 €, un Segundo Premio de 500 €, un Terceiro Premio de 350 € e un Premio Local de 350 €, para o que haberá un Xurado Entroido-Profesional composto por seis membros, especialistas en Artes Escénicas, Moda e Vestiario, Música, Maquillaxe e Caracterización, Letra e Rima e a Presidencia que recaerá  nun representante da Área de Cultura e Festexos de Ribeira.


Festival e actuación:  Praza do Concello. Bases en www.riveira.es

Nota: En caso de choiva o festival será trasladado á Carpa do Entroido de Riveira.

 

MÉRCORES 13 de Febreiro

 

ENTERRO DO FELIPE

 

Saída do acompañamento ás 19.30 h, dende o Auditorio Municipal pasando polas rúas da cidade ata chegar á Praza dos Mariñeiros. Ao ritmo da comparsa “O SANTIAGUIÑO” de Padrón. Unha vez enterrado afogaremos todos xuntos as penas na Rúa de Portugal, -e se chove a mares e escacha na rúa será na Carpa do Entroido-, con preñados, orellas e rosquiñas,  todo isto regado co mellor viño de Barrantes e demais bebidas para os padais máis exquisitos.

Bases definitivas concurso disfraces Entroido 2013 Riveira hostaleria.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres, 1 de febreiro, charla e coloquio sobre a "estafa das preferentes"

Invita_psoe

  • Organiza o Psoe de Noia, na segunda actividade do foro "Diálogos"
  • Ás oito da tarde, na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos"


Noia, 31 de xaneiro de 2013. O Portavoz Parlamentario do PSdeG-PSOE, Abel Losada acudirá mañá a Noia para explicar a situación na que se atopan os produtos financieiros (preferentes e subordinadas) que foron suscritos por moitas familias. Será ás oito da tarde, na casa da cultura, como segunda actividade do Foro "Diàlogos" creado polos socialistas noieses para abrir un espacio de diálogo permanente coa cidadanía.


A executiva do PSdeG-PSOE de Noia fundou este espazo informativo e de debate denominado Foro "Diàlogos" como "un espazo útil para os cidadáns, onde se aborden temas de actualidade que poidan ser de interese".

O Foro "Diàlogos" comezou a a súa andaina no pasado mes de xaneiro coa celebración dunha MESA-REDONDA sobre  a nova lei de taxas xudiciais. Neste mes de febreiro (sempre os primeiros venres de cada mes) acudirá a este Foro o economista e deputado autonómico Abel Losada Álvarez, para falar da "estafa das preferentes".

Losada Álvarez é membro do Departamento de Economía da Universidade de Vigo e exerce de Portavoz Parlamentario dos Socialistas Galegos no pazo do Hórreo.
 
No acto os cidadàns poderàn coñecer de primeira man como a situación na que se atopan os productos financieiros coñecidos como preferentes e obrigas subordinadas así como os avances lexislativos e xudiciais sobre este "engano masivo".O PSdeG-PSOE de Noia invita a tódolos cidadáns e aos afectados a acudir a este acto e participar no coloquio que se abrirá ao remate da intervención do ponente.
 
 




 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical