30.8.10

Ribeira: máis de 220 inscritos na oitava Andaina Popular "Concello de Riveira", que estrea un trazado máis atractivo

A proba ten lugar este sábado 4 de setembro. 10 dos 50 quilómetros efectuaranse coa única axuda dun plano

Ribeira, 30 de agosto de 2010. – A oitava edición da Andaina Popular "Concello de Riveira", programada para este sábado día 4 de setembro, modifica case por completo o percorrido habitual de anos precedentes co fin de buscar novos alicientes que aumenten o seu atractivo entre os participantes. 

A cita foi presentada hoxe por Moncho Sampedro, da Sección de Sendeirismo da Asociación As Miñoteiras, e por Miguel Ángel Vidal, concelleiro de Deportes do Concello de Riveira: as dúas institucións organizadoras do evento, no que colaboran tamén Protección Civil, a Concellería de Turismo e a Asociación Arrecó. Segundo informou Moncho Sampedro, actualmente hai 220 inscritos, 60 máis que o número total de participantes na última edición da andaina.

A actividade traerá interesantes novidades, como que en 10 dos 50 quilómetros do percorrido (para os cales estimouse unha duración de 12 horas) non haberá ningún tipo de marca e os camiñantes deberán orientarse cun plano. Trátase dos quilómetros comprendidos entre o 28 e 38, correspondentes a Corrubedo.


Dolmen de Axeitos

Algúns dos lugares polos que pasará o roteiro son: Mirador da Curota, Castelo de Burleu, Oleiros, Dolmen de Axeitos, Monte Tahume, Monte Facho, Faro de Corrubedo, Porto de Corrubedo, Praia da Ladeira, Olveira, Bretal e Capela de San Alberte.

A saída terá lugar no Polideportivo Santa Uxía, xunto á praia de Coroso, ás 9.00 horas, sendo preciso persoarse no punto de saída 30 minutos antes do inicio da proba. O roteiro estará sinalado cunha distancia máxima de 200 m entre sinais (excepto en 10 quilómetros como foi referido) e ao longo do percorrido haberá persoal da organización para axudar e informar.

No obxectivo de sensibilizar á sociedade arredor da eliminación das botellas de plástico, será obrigatorio portar un bidón ou cantimplora que se irá recheando nos avituallamentos e que serán subministradas pola Concellería de Xuventude e Turismo de Riveira. Tamén será imprescindible portar un teléfono móbil no que poder localizar aos camiñantes que non pasen polos controles, ou co que podan avisar á organización en caso de que lle xurdan problemas graves.

Se a inscrición se produce antes do 31 de agosto de 2010, a cota é de 14 euros (excepto federados na Federación Galega de Montañismo, cuxa cota será de 12 euros). A ingresar no nº de conta de Caixa Galicia 2091 0339 78 3000030804. As inscricións que se realicen a partir do 1 de setembro terán un custo único (tanto federados como non federados), de 20 euros.

Inscricións na páxina web do Concello

O participantes poden facer directamente a inscrición na páxina web do Concello de Riveira (www.riveira.es). Para calquera dúbida pódese solicitar información nos teléfonos seguintes: 981 835 650 (Javier Sampedro) en horario de 9-14 horas, ou no 609 958 951 (Moncho Sampedro), en horario de 19 a 22 horas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: os socialistas solicitan sentido único no Conchido para solucionar o tráfico nesa área

Política: os socialistas reclaman a Feijóo que varra seis millóns de euros das Fundacións Comarcais para educación e sanidade

O PSdeG empraza ao presidente da Xunta a que deixe de ser "un home anuncio", cumpra a súa promesa de reducir a administración paralela ou "chiringuitos" e invista os seis millóns de euros que costan as Fundacións Comarcais en educación e sanidade, onde se están a facer recortes

As Fundacións Comarcais seguen funcionando, pese a que hai meses que se anunciou a súa disolución

Noia, 30 de agosto de 10. O viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia e portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage, reclamou hoxe a Feijóo que no prazo de dous meses elimine as fundacións comarcais para aforrar máis de 6 millóns de euros. Dixo que Feijóo e o conselleiro Rueda incumpren sistematicamente os seus anuncios de reducir a administración paralela, converténdose nun “home anuncio que renuncia a gobernar”.

O responsable socialista presentou hoxe unha Proposición non de Lei na que insta ao presidente da Xunta a cumprir cos seus compromisos e “racionalizar a administración pública e facela máis eficiente”. Lamenta que Feijóo fai “moitos anuncios e poucas decisións”, logo de que “non teña tomado decisións de alcance que supuxeran a desaparición dos organismos e sociedades creados polo PP entre 1990 e 2005”, en contra do que dixo en 2009 e 2010.

Lamentou que en lugar de apostar polo aforro en administración paralela, o presidente da Xunta reduce 1.000 mestres de educación pública ou o orzamento para sanidade pública. Criticou que Feijóo “fai unha renuncia evidente a exercer o autogoberno e administrar os 11.000 millóns de orzamento da Xunta” xa que “ten constituída na Xunta de Galicia un comité electoral que só ten por obxectivo tentar desgastar ao goberno de España”.

Dixo neste sentido que un ano e medio despois da súa toma de posesión, e logo de ter anunciado a desaparición da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e as 34 fundacións comarcais que dependen dela, este ente segue “plenamente vixente”. Dixo que os seus 8 directivos recibindo tarefas da Xunta e sen intención ningunha de proceder á súa disolución, tal e como demostrou coa presentación de documentación sobre contratos deste verán.

Explicou que, para cumprir coa súa promesa, Feijóo só tiña que desenvolver a Lei 12/2008 que modifica a Lei de Desenvolvemento Comarcal e que xa contemplaba a desvinculación da Xunta de Galicia das fundacións comarcais.

A Proposición non de Lei presentada hoxe polos socialistas galegos contempla a disolución da totalidade das fundacións para o desenvolvemento comarcal en dous meses, así como “a disolución do resto de organismos e entidades” de acordo co compromiso acordado polo Consello da Xunta de 24 de abril de 2010. Tamén reclama a integración no Igape do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia –BIC Galicia-, disolvendo o mesmo.

Propón tamén unificar as sociedade Sodiga Galicia, S.C.R., S.A., e Xes Galicia S.G.E.C.R., S.A., incluíndo na mesma ao Inversións Estratéxicas de Galicia, S.A. –Inesga-, e fusionar os catro xestures nunha única Xestur – Galicia.

Cambio de Goberno

O viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia instou ao presidente da Xunta a modificar o seu goberno “porque é o peor goberno da historia da autonomía de Galicia” e pídelle que o faga “antes de que sexa o poder xudicial o que lle indique os cambios que ten que facer”.

Lage recordou que “hai decisións xudiciais que poden condicionar a composición do goberno por iso sería mellor que Feijóo tomara decisións de xeito inmediato porque hai unha ausencia clamorosa de determinados conselleiros na tarefa diaria de goberno”.

Dixo que a Xunta atoparase en setembro con conselleiros elaborando o orzamento para 2011 en situación de interinidade, sen saber si van continuar no seu cargo, e criticou que “o Executivo autonómico renuncia a gobernar Galicia e ten a máis da metade dos seus membros desaparecidos e o resto son descoñecidos para a cidadanía”.

Lamentou os “casos clamorosos de conselleiros invisibles” e chamou a Feijóo a “preocuparse máis do estado do seu goberno e menos de pedir eleccións anticipadas”. En opinión de Lage, o presidente da Xunta “aspira a pasar a Lexislatura falando dos demais e facendo escapismo cando se trata de dar contas da súa xestión” mentres “é evidente que o seu goberno non está á altura do país”.

Criticou tamén o “comportamento preocupante” do presidente da Xunta durante a vaga de lumes, xa que “cando o que se espera é responsabilidade e prudencia, non se pode ser tan frívolo como para cualificar de óptimo o balance da campaña de incendios cando morren dúas persoas, o que da a medida do presidente que temos”.


Download now or preview on posterous
46888-asinado.pdf (218 KB)

Download now or preview on posterous
pliegos sodeco.PDF (112 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: obras en centros escolares antes de que comece o curso 2010-2011

Noia, 30 de agosto de 2010. Nestas datas están en obras o colexio de A Barquiña (na imaxe), no que se constrúe unha pasarela cuberta de acceso ao colexio. Tamén no colexio "Felipe de Castro" estanse a executar cambios na instalación eléctrica e a colocar falsos teitos. No instituto "Virxe do Mar" hai xa uns días que rematou o pintado exterior e a instalación dun elevador.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a restauración da ponte de Traba estará rematada en outubro, anuncia a Xunta

Cun orzamento de 260.000 euros, as obras de reparación e consolidación da ponte románica comezaron en xuño e durante os meses de xullo e agosto rematouse a reparación da súa cimentación. No momento actual estanse a corrixir os desplomes dos tímpanos cunha nova montaxe no seu lugar orixinal

A ponte de Traba hai uns días

A ponte de Traba en marzo de 2009

Noia, 30 de agosto de 2010.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén de anunciar que as obras de reparación e consolidación da Ponte de Traba, en Noia, estarán rematadas na primeira quincena de outubro. Cun importe de 260.000 euros, as obras da ponte, que comezaron en xuño de 2010, tiñan como obxectivo resolver as deficiencias e danos detectados como o desplome dun dos tímpanos e greta de separación da boquiña dun arco, o mal estado doutros tímpanos e dos pretís, a oquedade na cimentación dunha pila, a deficiente pavimentación da calzada e a limpeza dos muros.

Nunha destas afeccións, na cimentación dunha das pilas detectouse unha oquedade de máis do 25% da superficie de apoio. Para a reparación desta patoloxía era necesario deixar en seco a base da pila, o cal resultaría moi dificultoso en época invernal debido ao alto nivel das augas, motivo polo que se retrasou o inicio dos traballos ata o principio do verán, época na que previsiblemente o río ten un nivel máis baixo. Dese xeito, durante os meses de xullo e agosto executouse, entre outros traballos, a ataguía necesaria para desviar as augas e poder traballar en seco na cimentación da pila, a cal está xa reparada.


Tímpanos desmontados e colocados nunha leira adxacente na actualidade

Actualmente estanse a corrixir os desplomes dos tímpanos da ponte mediante o seu desmontado e nova montaxe no seu lugar orixinal. Para evitar que estes desplomes volvan a producirse debido ao empuxe do terreo e a carga do tráfico, estase a executar entre os tímpanos da ponte un recheo confinado con xeomaias que eviten ou minimicen eses empuxes laterais. Tamén está xa executado o cosido da greta na boquiña dun dos arco, a cal se realizou con grampas de aceiro inoxidable.

Os principais traballos pendentes, unha vez rematadas estas reparacións, serían os correspondentes á pavimentación final da ponte, na que se diferenciarán a zona de tráfico peonil nos laterais, realizado en lousa, da zona de tráfico rodado con pavimento adoquinado na zona central.


Detalle dos tallamares nos que se refuxiaban os peóns cando pasaban as carruaxes

A Ponte de Traba é unha ponte románica dos séculos XIV – XV que salva o río grazas a catro arcaváns apuntados apoiados en piares. A súa fábrica é de cantería de granito, e ten un ancho de 2,85 metros. Quedan libres para uso uns 2,5 metros. Posúe dous tallamares triangulares coma refuxio para peóns, característicos das pontes de finais do medievo. Atópase na vía de comunicación entre o casco antigo e Noia e a parroquia de Barro, sobre o río Traba.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical