30.8.10

Ribeira: máis de 220 inscritos na oitava Andaina Popular "Concello de Riveira", que estrea un trazado máis atractivo

A proba ten lugar este sábado 4 de setembro. 10 dos 50 quilómetros efectuaranse coa única axuda dun plano

Ribeira, 30 de agosto de 2010. – A oitava edición da Andaina Popular "Concello de Riveira", programada para este sábado día 4 de setembro, modifica case por completo o percorrido habitual de anos precedentes co fin de buscar novos alicientes que aumenten o seu atractivo entre os participantes. 

A cita foi presentada hoxe por Moncho Sampedro, da Sección de Sendeirismo da Asociación As Miñoteiras, e por Miguel Ángel Vidal, concelleiro de Deportes do Concello de Riveira: as dúas institucións organizadoras do evento, no que colaboran tamén Protección Civil, a Concellería de Turismo e a Asociación Arrecó. Segundo informou Moncho Sampedro, actualmente hai 220 inscritos, 60 máis que o número total de participantes na última edición da andaina.

A actividade traerá interesantes novidades, como que en 10 dos 50 quilómetros do percorrido (para os cales estimouse unha duración de 12 horas) non haberá ningún tipo de marca e os camiñantes deberán orientarse cun plano. Trátase dos quilómetros comprendidos entre o 28 e 38, correspondentes a Corrubedo.


Dolmen de Axeitos

Algúns dos lugares polos que pasará o roteiro son: Mirador da Curota, Castelo de Burleu, Oleiros, Dolmen de Axeitos, Monte Tahume, Monte Facho, Faro de Corrubedo, Porto de Corrubedo, Praia da Ladeira, Olveira, Bretal e Capela de San Alberte.

A saída terá lugar no Polideportivo Santa Uxía, xunto á praia de Coroso, ás 9.00 horas, sendo preciso persoarse no punto de saída 30 minutos antes do inicio da proba. O roteiro estará sinalado cunha distancia máxima de 200 m entre sinais (excepto en 10 quilómetros como foi referido) e ao longo do percorrido haberá persoal da organización para axudar e informar.

No obxectivo de sensibilizar á sociedade arredor da eliminación das botellas de plástico, será obrigatorio portar un bidón ou cantimplora que se irá recheando nos avituallamentos e que serán subministradas pola Concellería de Xuventude e Turismo de Riveira. Tamén será imprescindible portar un teléfono móbil no que poder localizar aos camiñantes que non pasen polos controles, ou co que podan avisar á organización en caso de que lle xurdan problemas graves.

Se a inscrición se produce antes do 31 de agosto de 2010, a cota é de 14 euros (excepto federados na Federación Galega de Montañismo, cuxa cota será de 12 euros). A ingresar no nº de conta de Caixa Galicia 2091 0339 78 3000030804. As inscricións que se realicen a partir do 1 de setembro terán un custo único (tanto federados como non federados), de 20 euros.

Inscricións na páxina web do Concello

O participantes poden facer directamente a inscrición na páxina web do Concello de Riveira (www.riveira.es). Para calquera dúbida pódese solicitar información nos teléfonos seguintes: 981 835 650 (Javier Sampedro) en horario de 9-14 horas, ou no 609 958 951 (Moncho Sampedro), en horario de 19 a 22 horas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical