21.10.10

Noia: comezan as expropiacións para construir o novo vial que conecta o corredor Brión-Noia coa estrada AC-543


Noia, 21 de outubro de 2010.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se da inicio ao proceso expropiatorio dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do novo vial de conexión do Corredor Brión-Noia coa estrada que une a cidade de Santiago de Compostela con Noia (AC-543) na altura do núcleo de Sampaio. Neste trámite, o Goberno galego fará unha inversión de máis de 140.000 euros. O vial beneficiará a unha poboación de máis de 25.000 habitantes dos concellos de Noia e Porto do Son, e para levalo a cabo será necesario afectar a 177 fincas.

Este vial suporá a culminación das obras da Vía de Alta Capacidade (VAC) Brión-Noia, xa que o proxecto propón a construción dunha vía que arranca na glorieta Este, pertencente ao enlace de Sampaio e, dende dito punto e ao longo de 500 metros, descende ata a AC-543, onde se deseña unha glorieta circular.

Características técnicas

O tronco desta conexión terá tres carrís de 3,5 metros cada un, dúas beiravías de 1,5 m. e dúas bermas de 0,75 metros cada unha. Pola súa banda a sección da glorieta componse de dous carrís de 4 metros cada un; dúas beiravías, unha interior e outra exterior, ambas dun metro; e dúas bermas de 0,75 m. A velocidade de proxecto é de 60 km/h e a rampla máxima do 7 %.

Para levar a cabo estas obras, que teñen un presuposto de máis de 1,8 millóns de euros e que comezarán no primeiro semestre de 2011 e se rematarán no 2012, necesitarase facer unha escavación e desmonte de 87.504 metros cúbicos e un terraplén ou pedraplén de máis de 33.600 m3; empregaranse case 5.000 m3 de formigón e máis de 101.600 quilos de aceiro. Así mesmo, realizarase a ordenación ecolóxica estética e paisaxística da zona; o drenaxe lonxitudinal e transversal; e a sinalización e balizamento.

A urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados na execución desta infraestrutura, xustifícase pola súa incidencia na seguridade vial, co fin de evitar riscos innecesarios para os veciños de Sampaio ao articular e conectar o Corredor brión Noia coa estrada AC-543. Con esta obra, lograrase desconxestionar este núcleo de poboación dun tráfico pesado e abundante de vehículos e tamén se conseguirá reducir os tempos de percorrido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Quico Cadaval dirixe a nova comedia de terror de Producións Teatrais Excéntricas


PRODUCCIóN TETRAIS EXCéNTRICAS PRESENTA UNHA COMEDIA DE TERROR SOBRE OS DEFUNTOS

Non todos os cranios están furados


21 / 10 / 2010
Santiago. Redacción

-->
AUDIO
Quico Cadaval avanza a sinopse de Un Cranio furado, "unha comedia policial de aldea"

É unha historia irlandesa, dun autor irlandés (Martin McDonagh), ambientada nese país pero que poderia ser, perfectamente, unha historia galega. Un enterrador ten que trasladar os restos da súa esposa aos sete anos da súa morte, ante a mirada expectante dos veciños. Precisamente porque eles pensan que o enterrador estivo implicado no seu falecemento. No medio, un policía local con ansias de progresar inicia unha particular investigación. Avelino González traduce (que non adapta) ao galego esta historia que conta coa colaboración de Dorotea Bárcena e de Santi Romay xunto co equipo de Producións Teatrais Excéntricas (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira), coa dirección de Quico Cadaval. A obra, é o resultado da coprodución de PTExcéntricas co Festival de Outono de Carballo.

Montaxe:Un cranio furado
Compañía: Producións Teatráis Excéntricas, S.L.

Autoría: Martin McDonagh
Dirección: Quico Cadaval
Tradución: Avelino González
Escenografía: Kukas Producións Artísticas, S.L.
Iluminación: Baltasar Patiño
Son: Piti Sanz
Música: Piti Sanz
Elenco: Dorotea Bárcena, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Santi Romay

Xénero: Teatro de actor
Duración do espectáculo: 90'
Público preferente: Adulto

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: Xuventudes Socialistas critica o escaso orzamento para o plan de finanzamento universitario


Árbore da Ciencia, no retorado da USC en Santiago

A Pobra do Caramiñal, 21 de outubro de 2010. As Xuventudes Socialistas da Pobra emitiron unha nota de prensa na que critican o baixo orzamento do Plan de Finanzamento Universitario proposto pola Xunta de Galicia.

Nota íntegra:

"Unha vez máis, o Partido Popular  demostra ter unha visión exclusivamente mercantilista da educación. Primeiro realiza un ERE encuberto  coa reagrupación do alumnado e a diminución de prazas e agora ataca ao sistema universitario.

   No plan anterior o SUG (Sistema Universitario de Galicia) recibiu 2209 millóns entre o 2005 e o 2010 por parte de Xunta  agora, o SUG pasará a recibir 2000 entre os 2010 e 2015. De tal xeito a universidade unha vez máis verá a súa capacidade de traballo mermada por non contar co orzamento suficiente.  Entendemos o SUG como unha inversión de futuro, investir no SUG é investir nos futuros profesionais do país, polo tanto non entendemos que se reduza o presuposto habendo  proxectos inútiles e visitas inútiles como a Cidade da Cultura.

   Na actualidade a universidade atópase inmersa no plan Boloña, plan que para poder  funcionar con garantías require que o nivel de investimento na universidade  se equipare ao das grandes potencias. Con este obxetivo o goberno galego anterior acordou chegar a adicar  1,0 do PIB a financiar a universidade (actualmente 0.7%). O PP agora renuncia a chegar a esta cifra.

   XSG da Pobra manifesta o seu total desacordo con este Plan de Finanzamento.  Cremos que o PP agóchase detrás crise para realizar unha práctica habitual: a de recortar  os servizos públicos. Á vista destas medidas  podemos concluír que ao PP non lle interesa o máis mínimo a Educación, nin que todos os galegos e galegas  teñamos a posibilidade de acceder  a unha educación superior de calidade". 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianco: o Bng demanda das administracións que nutran economicamente o achado na Praza de Dieste



Rianxo, 21 de outubro de 2010. A recente descuberta de restos arqueolóxicos nas obras de construción dunha vivenda na Praza de Dieste en Rianxo esixen, segundo os nacionalistas de Rianxo, "unha decidida implicación das administracións para rendibilizar, xa non só en termos turísticos ou culturais esta descuberta, senón en termos de investigación arqueolóxica e académica que permita que se obteñan todos os datos posíbeis sobre o xacemento e a súa contextualización histórica".

Para o Bng, a importancia do achado "esixe tamén ademais de boas palabras, dos parabéns pola responsabilidade dos construtores e da promotora da obra, a achega económica para facer fronte aos estudos que esta obra leva emparellada, ademais de impulsar a axeitada conservación e pasos para a exhibición futura destes restos". "Neste senso parece máis atinada a alternativa de centrar no Centro Arqueolóxico de Neixón esta descuberta e evitar que se vaia da comarca para ocupar un espazo menor ou un almacén noutros museos arqueolóxicos. Alternativas locais enfróntanos á realidade de espazos sen persoal pechados boa parte do horario, sen medios para unha exhibición axeitada dos restos, etc...Alternativa esbotada polo propio Alcalde de Rianxo hoxe", explican dende o Bng.

Rianxo conta con restos arqueolóxicos de relevancia, como o Castelo da Lúa

 "Calquera alternativa que se escolla esixe cartos para esprimir até onde sexa posíbel os datos que xurdan deste xacigo e financiar a investigación e tratamento da descuberta para que non caian nas mans da promotora das obras estas cargas. Por iso é preciso que se impliquen as administracións, Concello de Rianxo en primeira instancia, e mesmo da Mancomunidade Arousa Norte que invista neste potencial recurso turístico futuro", proseguen os do Bng, que aseguran "que se se confirmase o seu traslado a Neixón sería preciso se dote orzamentariamente esta triple actuación de traslado, mantemento museístico axeitado e, sobre todo, da importantísma investigación a realizar que dea como resultado un estudo final destes restos en relación co espazo que ocupa, a relación coa súa contorna (que puidera falarnos dunha pequena basílica) e que nos dea aos veciños un capítulo máis da fértil historia do noso Concello".

O Bng conclúe que é "fundamental mollarse non só na prensa senón poñendo á disposición dos arqueólogos os fondos iniciais mínimos necesarios para realizar esta investigación, que ademais non vai implicar paralizar as obras da vivenda que puideran continuar a simultanearse como acontece neste momento".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: charla sobre "33 anos de Socialismo Democrático" no salón de actos do ISM este venres

Parte do Psoe pobrense na actualidade

A Pobra, 21 de outubro de 2010.- Mañá venres día 22 as 20,30 horas, terá lugar no salón de actos do Instituto Social da Mariña  unha charla sobre “33 anos de socialismo democrático na Pobra”. Intervirá Xesús Laíño, quen fará un percorrido histórico do socialismo pobrense e a continuación Antonio Fuentes, que foi fundador da Agrupación Pobrense o día 7 de agosto de 1977 e primeiro Secretario Xeral.


A continuación intervirá Salvador Fernández Moreda, que é actualmente presidente da Deputación de A Coruña (entre outros numerosos cargos) e que foi fundador do PSdeG. Asistirá tamén o Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, outro dos fundadores do PSdeG, que se despraza á vila este venres ademais para a inauguración do Campo da Angustia (praza do Laureado Benigno Dávila). Presentará o acto Teresa García Guillán, secretaria xeral da agrupación socialista, concelleira e portavoz municipal do Psoe pobrense na actualidade.


Relacionadas:


Política: o Psoe local, pioneiro en formación práctica


Benigno Dávila: reinaugúrase a praza para este heroe de guerra

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte asina un convenio o vindeiro luns 25 coa USC para realizar campus vivenciais idiomáticos

Dúas experiencias piloto traerán arredor de 16 turistas dun grupo de árabes, xaponeses e norteamericanos

Arousa Norte busca atraer turistas doutros países con estes campus

Boiro, 21 de outubro de 2010. A Mancomunidade Arousa Norte asinará o vindeiro luns 25 de outubro coa entidade "Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela" un convenio de colaboración para realizar campus vivenciais idiomáticos en Barbanza (Arousa Norte, que inclúe Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal).

Segundo explican dende a Mancomunidade, "continúa o obxectivo de creación de produtos turísticos innovadores que atraian a visita de grupos de turistas á comarca. Por iso presentamos o "Campus Vivencial Idiomático", destinado a estudantes de español que pretenden mellorar as súas habilidades comunicativas nun idioma estranxeiro ademais de coñecer os hábitos e costumes da cultura autóctona".


Este campus segue a metodoloxía do “outdoor training” (entrenamento no exterior), reproducindo situacións reais, por medio de simulacións e actividades ao aire libre, buscando así a aprendizaxe a través da experiencia directa. Este produto turístico integra elementos de formación coa práctica de actividades de animación e ocio activo, formando deste xeito un paquete multiservizo que dinamiza os sectores de aloxamento, restauración e ocio, aseguran.

O horario destes campus será, os xoves, de 10:30 a 23:00, e os venres, de 10:30 a 14:30. O xoves e venres 28 e 29 de outubro chegarán os árabes, e para o xoves 4 e venres 5 de novembro agárdase aos norteamericanos e xaponeses.

Os estranxeiros realizarán unha visita teatralizada ao museo de Valle-Inclán

Entre as actividades que realizarán haberá un obradoiro gastronómico, percorrer a ruta do mexillón, facer unha visita teatralizada e unha xinkana literaria con contacontos. Participan nestes campus como acolledores, a vivenda vacacional Os Ballotes 1, a Terraza de Chicolino, o Museo Valle-Inclán e Xarelo Actividades.

A Mancomunidade "está decidida a potenciar esta iniciativa e asinaremos o próximo luns 25 de outubro  un convenio con Cursos Internacionais da USC para financiar as actividades de dúas experiencias piloto. Participarán arredor de 16 turistas dun grupo de árabes, xaponeses e norteamericanos.

Mediante este convenio, Cursos Internacionais comprométese a facer promoción e divulgación deste produto turístico entre os seus alumnos, ademais de financiar o custe dos próximos campus vivenciais idiomáticos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical