Rianxo, 21 de outubro de 2010. A recente descuberta de restos arqueolóxicos nas obras de construción dunha vivenda na Praza de Dieste en Rianxo esixen, segundo os nacionalistas de Rianxo, "unha decidida implicación das administracións para rendibilizar, xa non só en termos turísticos ou culturais esta descuberta, senón en termos de investigación arqueolóxica e académica que permita que se obteñan todos os datos posíbeis sobre o xacemento e a súa contextualización histórica". Para o Bng, a importancia do achado "esixe tamén ademais de boas palabras, dos parabéns pola responsabilidade dos construtores e da promotora da obra, a achega económica para facer fronte aos estudos que esta obra leva emparellada, ademais de impulsar a axeitada conservación e pasos para a exhibición futura destes restos". "Neste senso parece máis atinada a alternativa de centrar no Centro Arqueolóxico de Neixón esta descuberta e evitar que se vaia da comarca para ocupar un espazo menor ou un almacén noutros museos arqueolóxicos. Alternativas locais enfróntanos á realidade de espazos sen persoal pechados boa parte do horario, sen medios para unha exhibición axeitada dos restos, etc...Alternativa esbotada polo propio Alcalde de Rianxo hoxe", explican dende o Bng.
Rianxo conta con restos arqueolóxicos de relevancia, como o Castelo da Lúa "Calquera alternativa que se escolla esixe cartos para esprimir até onde sexa posíbel os datos que xurdan deste xacigo e financiar a investigación e tratamento da descuberta para que non caian nas mans da promotora das obras estas cargas. Por iso é preciso que se impliquen as administracións, Concello de Rianxo en primeira instancia, e mesmo da Mancomunidade Arousa Norte que invista neste potencial recurso turístico futuro", proseguen os do Bng, que aseguran "que se se confirmase o seu traslado a Neixón sería preciso se dote orzamentariamente esta triple actuación de traslado, mantemento museístico axeitado e, sobre todo, da importantísma investigación a realizar que dea como resultado un estudo final destes restos en relación co espazo que ocupa, a relación coa súa contorna (que puidera falarnos dunha pequena basílica) e que nos dea aos veciños un capítulo máis da fértil historia do noso Concello". O Bng conclúe que é "fundamental mollarse non só na prensa senón poñendo á disposición dos arqueólogos os fondos iniciais mínimos necesarios para realizar esta investigación, que ademais non vai implicar paralizar as obras da vivenda que puideran continuar a simultanearse como acontece neste momento".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario