28.8.12

Cultura: o dodrense Anxo Angueira, entre os escritores que participan na homenaxe a Bernardino Graña este sábado na Coruña

Bernardino_graa

  • Estará na actividade "Pasar a marola", dando unha volta polo mar da Coruña e na gran xuntanza final de intelectuais galegos na Universidade da Coruña
  • A homenaxe leva por título "Medre o mar!"

Angueira, á dereita, nun bolo literario

Dodro, 28 de agosto de 2012. Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega.


O programa (que pode ser descargado aquí: Medre o mar!) está composto polas seguintes actividades:

MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta (toda a mañán), sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Tino Poza,  Nolo Suárez e Begoña Tojo.
12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
12:45 h. Outras voces, recital e música. Con Denis Graña Fernández, Natalia Concheiro, Berta DávilaFrançois Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre NeriumBegoña PazHenrique RabuñalDores Tembrás e Ramiro Torres.

PASAR A MAROLA. Na Dársena.
16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo AngueiraXabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h.
18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.

MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez CáccamoAnxo AngueiraMarica CampoMarta DacostaLois Diéguez,Miguel Anxo Fernán-VelloXosé Luís Méndez FerrínXosé Manuel Millán OteroPilar PallarésManuel RivasCesáreo Sánchez IglesiasXavier SeoaneXulio L. ValcárcelDiana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, autor que nos pasou esta información.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a nova aula multimedia xa está rematada

  • Agardan comezar xa en setembro cos cursos. Hai doce ordenadores e é unha sala ampla, con máis de 200 metros cadrados

Ribeira, 28 de agosto de 2012.- As obras de acondicionamento do soto da gardaría municipal co fin de instalar a nova aula multimedia de Ribeira xa remataron. 

 

A aula conta con once ordenadores para o alumnado, un para o profesor e unha impresora de uso común. Todos os computadores son de última xeración e están equipados con webcam e sistema de son. Ademais, para poder realizar correctamente o labor docente instalouse unha pantalla e un proxector multimedia.

 

O obxectivo da nova aula é a alfabetización dixital a través de cursos de informática destinados a todos os veciños de Ribeira. Espérase que se podan comezar a impartir as clases no mes de setembro.

 

O local

O local conta con 267 metros cadrados de superficie e está dividido en entrada, distribuidor, aula multimedia, arquivo e telecomunicacións, despacho, almacén, corredor, sala de caldeira e de limpeza e dous aseos. 





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: continúan co programa "Envellecer ben" en setembro, con obradoiros de memoria e ximnasia

  • Haberá ximnasia para maiores e novo obradoiro de memoria, desta volta no centro social de Obre

Igrexa de Santa Mariña de Obre

Noia, 28 de agosto de 2012. No próximo mes de setembro darán comezo as actividades de Ximnasia para Maiores e un novo obradoiro de Memoria que terá lugar no Centro Social do Obre coa colaboración da Asemblea de Cruz Vermella de Noia.

As actividades, enmarcadas dentro do programa de Envellecemento Activo, están organizadas pola Concellaría de Servizos Sociais en colaboración coa Asemblea de Cruz Vermella de Noia e financiadas pola Deputación Provincial de A Coruña, e xorden como resposta á preocupación pola saúde das persoas maiores deste Concello.

Memoria: comeza nunha data memorable, 11S

O Obradoiro de Memoria terá lugar no Centro Social do Obre comezará o próximo día 11 de setembro ata o 11 de outubro e ten como principal finalidade a prevención do deterioro cognitivo que pode xurdir asociado á idade, e por outro lado a mellora da calidade de vida. Dito obradoiro será desenvolvido pola Asamblea Comarcal da Cruz Vermella de Noia e está dirixido a persoas con máis de 65 anos empadroados no Concello de Noia.

Ximnasia: dende o 17 de setembro ata febreiro de 2013

Ademáis, o programa municipal inclúe actividades de Ximnasia de Mantemento para maiores, que darán comezo o 17 de setembro e terán lugar ata o mes de febreiro de 2013, e serán levadas a cabo pola Cruz Vermella de Noia, polo que se pretende procurar a mellora das persoas maiores en todos os aspectos, físicos e mentais.

Para máis información e para inscribirse nas distintas actividades, deberase chamar ó teléfono do concello (981842100), ou achegarse ó Edificio do Concello (2ª planta-Servizos Sociais).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: "Stop Desahucios" estivo recollendo sinaturas en Ribeira

Ribeira, 28 de agosto de 2012. A plataforma "Stop Desahucios" de Barbanza segue coa súa loita para que as familias menos favorecidas queden sen vivenda e hoxe, martes, dende as 10:30 horas, tivo a varios membros recollendo sinaturas nos arredores da praza de abastos de Ribeira. A intención é presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular para que se aprobe por lei que a dación en pago baste para saldar a débeda dos hipotecados que non poden facer fronte á súa hipoteca e que, enriba de quedar sen casa, non queden empufados. Tamén intentan negociar coas entidades bancarias, ás que sen escrúpulos axuda o goberno actual e xa o anterior con rescates e subvencións, para que suavicen as condicións das familias que non poidan afrontar as débedas ao quedar algún integrante no paro. 

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: prorrogan ata o 27 de setembro a mostra de fotos de alta perruquería no centro social de Cabo de Cruz

Boiro_pelu

Boiro, 28 de agosto de 2012. Neste mes de agosto, na sala do Centro Social de Boiro, púidose visitar a exposición fotográfica de alta perruquería de Amparo Fernández. Debido á excepcional acollida de público, en xeral, e a petición dos veciños e usuarios do Centro Social de Cabo de Cruz, en particular,  de que se ampliase o prazo da exposición, o departamento de Cultura decidiu trasladar a mencionada exposición ao Centro Social de Cabo de Cruz onde poderá visitarse do 1 ao 27 de setembro.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a quinta viaxe cultural para maiores foi á Costa da Morte

Costa_da_morte

  •  Foron trinta persoas
  • A vindeira será o 21 de setembro, un venres
Media_httpfarm3static_afkcj

Castelo de Vimianzo

 

Ribeira, 28 de agosto de 2012.- Un total de 30 persoas maiores de 55 anos e veciños de Ribeira participaron esta fin de semana nunha viaxe cultural á Costa da Morte. A iniciativa enmárcase dentro do programa de Dinamización e Promoción Social dos Nosos Maiores e foi organizada polo Concello a través do Departamento de Servizos Sociais.

 

A viaxe consistiu na visita das principais poboacións que conforman a Costa da Morte: Muros, Ézaro, Corcubión, Finisterre, Cee, Camariñas e Vimianzo.


Mirador do Ézaro

 

O autobús saíu ás 8 horas de Ribeira e regresou ás 22 horas. Ao mediodía os excursionistas achegáronse ata Cee para facer unha parada e comer empanada caseira e unha grellada de pescado.

 

A pesar de que o mal tempo lles acompañou ao longo da mañá, os participantes aseguraron que a viaxe foi moi bonita.

 

Próxima excursión: Portugal


Monumento ao touro de lidia en Ponte da Lima

A próxima excursión está prevista para o 21 de setembro. Recorrerase o norte de Portugal e visitarase as localidades de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Santa Lucía e Ponte da Lima.

 

Ata o momento, realizáronse viaxes dentro do programa a Ferrol, Illa de Sálvora, Cambados e a Ría de Arousa. 





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical