4.4.12

Ribeira: "Encanínate", xornadas sobre cans o 15 e 29 de abril, o 13 e 27 de maio e o 9 de xuño

  • As actividades irán dende charlas a roteiros cos cadelos, así como diversas exhibicións do que ata hai pouco se consideraba o "mellor amigo do home"

 

Ribeira, 4 de abril de 2012.- O can e todo o que rodea ao animal -disque- máis fiel ao home van ser obxecto dunhas xornadas específicas que se celebrarán durante os meses de abril, maio e xuño. Coorganizadas polo Concello e as asociacións Sálvora, As Miñoteiras e Agacett, esta novidosa iniciativa- baixo o título de "Encanínate"- pretende ofrecer unha serie de pautas á hora do comportamento e coidado dos cans e concienciar de paso á poboación sobre as virtudes e cualidades dos mesmos.

 

O programa das xornadas estará dividido en tres bloques diferenciados, segundo informou o concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez, quen estivo acompañado na presentación do evento do edil de Seguridade, Víctor Reiriz, e do presidente e o secretario da asociación Sálvora, José Antonio Sobrado e Johnathan Romay.

 

Así, os días 15 e 29 de abril e o 13 de maio a partir das 10 horas celebraranse unhas xornadas de socialización que estarán complementadas con sendas rutas caninas polo parque periurbano de San Roque. Estas rutas terán unha duración de 45 minutos e contarán coa participación de adestradores caninos profesionais que ensinarán todo o que hai que saber sobre os animais. Un vehículo con remolque acompañará ás expedicións por se houbese lesións e houbera que trasladar a algún animal ao veterinario.

 

Andaina Canina

Como corolario a este primeiro bloque de actividades, o día 27 de maio celebrarase unha Andaina Canina de 7,5 quilómetros de percorrido e un nivel de dificultade media que descorrerá polo monte San Alberto, Os Muíños e o entorno do petróglifo de Pedra das Cabras. A saída terá lugar ás 10 horas da pista deportiva de Deán e para poder participar nela hai que ter formado parte previamente de polo menos dous das rutas de socialización.

 

Un segundo bloque de actividades vén conformado por unhas charlas sobre o comportamento, coidados e responsabilidade coas mascotas. Terá lugar o 18 de maio no Conservatorio Municipal a partir das 10 horas e, entre os relatores que virán a Riveira a impartir as conferencias, figura o reputadísimo Daniel Weigend, xerente do Lobo Park de Antequera, que ten ao seu coidado 25 lobos de 5 especies distintas.

 

Agility e Mushing

Para finalizar Encanínate, o día 9 de xuño haberá unha exhibición de Agility (ou unha proba oficiase frutifican as xestións que se están a realizar) e outra de Mushing (modalidade de tiro con cans) coincidindo coa celebración en Ribeira do Día do Deporte na Rúa. Esta acción terá lugar na esplanada dos Xulgados.

 

As xornadas son gratuítas e os interesados en dispor de maior información e descargarse o regulamento poden visitar a páxina web do Concello (www.riveira.com) ou as redes sociais da Asociación Sálvora de facebook e tuenti (riveiratrekaventura). As inscricións hai que facelas na Oficina Municipal de Deportes situada no polideportivo de A Fieiteira (tamén por enderezo electrónico a riveira@deportes.com).

 

Razas perigosas

Todos os cans participantes (espérase que sexan non moito máis de trinta) deberán estar vacinados, ter microchip e estar suxeitos coa súa correspondente correa. No caso dos cans de razas perigosas, deberán ter bozo tipo redeciña, a licenza municipal en regla e estar acompañados dos seus donos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Espazo Xove ofrece un curso básico sobre Información Xuvenil

Media_httpfarm6static_reuix

A Casa da Xuventude de Noia foi reinaugurada o 24 de marzo de 2011


Noia, 4 de abril de 2012. O Espazo Xove de Noia informa da apertura do prazo para a inscrición no Curso Básico de Información Xuvenil ata o 16 de abril . O curso terá unha duración de 40 horas e realizarase a distancia contando cun exame final nunha sesión presencial no Espazo Xove de Noia o día  31 de maio ás 19.00 horas.

 

Os destinatarios do curso son aqueles mozos e mozas de 18 a 30 anos, estudantes e titulados en TASOC, estudantes universitarios do ámbito xurídico-social, humanístico e psicoloxía interesados na temática da información xuvenil e a selección realizarase por rigoroso orde de inscrición.

As solicitudes realizaranse a través da paxina www.xuventude.net ou chamando ao Espazo Xove de Noia en horario de tarde ó teléfono 981823802, segundo informou Almudena Suárez, directora da Casa da Xuventude de Noia.

Tamén en Noia:


Liceo de Noia: actividades para finais de marzo e primeiros de abril


Cultura: programación prevista ata maio

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o instituto "Félix Muriel" está a facer unha primavera de promoción do galego

  • Contacontos e obradoiros de rap, break-dance e graffiti entre o alumnado para celebrar a nova estación
  • Ao remate das vacacións de Semana Santa haberá charlas con Barreiro Rivas e profesoras que falarán de fraudes fiscais famosos ou motores de hidróxeno 

 

Rianxo, 4 de abril de 2012. Comezou a primavera á vez que se pechaba o segundo trimestre e o Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do IES "Félix Muriel" quixo celebralo con algunhas actividades que organizou en colaboración con outros departamentos do centro.

 

O mércores 27 de marzo o alumnado de 4º ESO e mais o alumnado da materia de portugués dos diferentes cursos asistiron a unha sesión de contacontos do portugués Carlos Marques organizado en colaboración co departamento de Lingua Galega, ao que pertence o profesorado da materia de Lingua Portuguesa do centro. Aproveitando a xira que o actor fixo por Galicia (en diferentes Escolas oficiais de idiomas e mais no IES de Valga) pedíuselle que se achegase ao centro para servirlle de práctica ao alumnado de portugués e mais mostrarlle ao resto dos discentes como é posible comprender con relativa facilidade a lingua irmá e veciña.

 

Aid en acción, para un spot da TVG


O xoves 28 o alumnado de 3º ESO dividiuse segundo os seus gustos entre tres obradoiros e unha charla. O primeiro dos obradoiros que programou o EDLG foi o de rap coa moza viguesa Aid que rapea en galego e que lles ensinou a facer rimas ao alumnado. Os outros dous, que se desenvolveron de forma simultánea, foron os de graffiti e break-dance. Todos eles organizáronse en colaboración cos tres departamentos implicados: música, plástica e educación física.  As case dúas horas que duraron os obradoiros foron moi produtivas xa que, despois dunha breve explicación teórica, os mozos e mozas que participaban nos diferentes obradoiros puideron facer as súas prácticas: rimas, bailes e pintadas nos muros do centro.

 

O alumnado que non estaba interesado en ningún dos obradoiros acudiu a unha charla do xornalista que traballa na TVG Luis Menéndez, que lles falou das series Terras de Acolá (baseada nos países da lusofonía) e Terras de Merlín (centrada nos países celtas). Ademais de presentarlles uns vídeos co resumo das series, explicoulles detalles de como se gravaron e curiosidades dos diferentes países. Os rapaces e rapazas tamén tiveron oportunidade de facer preguntas sobre diferentes cuestións de interese e á volta das vacacións han poder ver a exposición sobre Terras de Acolá que queda no centro durante tres semanas.

 

Á volta de Semana Santa,o politólogo Barreiro Rivas

 

Despois da Semana Santa continúa a primavera de promoción do galego  con diferentes actividades que van desde un ciclo de charlas que se desenvolverán durante os meses de abril e maio ata a gravación de diferentes vídeos. Dentro do ciclo de charlas  “O galego vale para todos os ámbitos” acudirán ao centro: o politólogo Barreiro Rivas coa charla “A democracia como cultura: o reto político das novas xeracións”, a profesora de dereito Begoña Villaverde para falar de fraudes fiscais famosos; a profesora da Universidade da Coruña, Socorro Castro, quen presentará os motores de hidróxeno ou un representante da empresa Imaxín que explicará como funciona unha empresa empregando o galego con normalidade no seu día a día.

Ademais das competencias pasivas que desenvolverán coas charlas, tamén desenvolverán outras competencias activas a través da participación no proxecto do EDLG, Rianxo 2112, galardoado cun dos cinco premios de innovación da Consellería de Educación. Desde principios de curso xa están a gravar vídeos e a elaborar presentacións sobre diferentes aspectos do concello: patrimonio, actividades empresariais, aspectos culturais, etc.


Tamén en Rianxo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal:o xantar dos vellos será o 4 de maio

Rolda_de_prensa_xantar_3_idade

  • Xa se poden ir anotando

A Pobra, 4 de abril de 2012. Como cada ano, o día 4 de maio de 2012 terá lugar a “ XIII Xuntanza dos nosos maiores “, como de xeito politicamente correcto se coñece á comida dos vellos. Preto dunhas 1000 persoas, moitos habituais entre elas, achegaranse ao polideportivo municipal de Venecia, onde se celebrará o Xantar de Confraternidade, que será servido polo restaurante Chicolino e pagado polos impostos de todos os pobrenses.

A homenaxe especial deste ano vai dedicada á asociación Ámbar (Asociación de minusválidos da Barbanza) polo seu trinta aniversario. Os actos comezarán as 12:30 h cunha misa na igrexa parroquial de Santa Maria A Antiga do Caramiñal cantada polo coro Lauda Sión -vellas e vellos ateo/as, se houbera ou houbese, coidamos que se poden saltar este paso, aínda que non queda claro na nota de prensa-. Ás 14:30h comenzará o xantar de Confraternidade no pavillón Venecia. Ao remate haberá baile amenizado pola orquestra Odisea.

As persoas que desexan anotarse deberán pasar polas oficinas do concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, onde se lle dará máis información. Agradece o concello, como vén sendo habitual, a todas as empresas que colaboran para que esta xuntanza sexa unha realidade ano tras ano.

Autoridades

Agardan pola Conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato e o  director do Consorcio Galego, Roberto Rodríguez.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Acampada Obradoiro


Acampada Obradoiro
Originally uploaded by xornalcerto

Acampada Obradoiro: foto premonitoria? #conderoba #nonnosrepresentan

Ribeira: aberto o mercado provisional

  •  En agosto comezará a construción dun vangardista mercado que custará 3,5 millóns de euros e asemellarase a un barco de cristal
  • Xa hai opinións sobre a inoportunidade de adicar fondos europeos a estas obras fastuosas en plena crise namentres se fan recortes no cerne do estado do benestar

Ribeira, 3 de abril de 2012.- Despois de 40 anos, o mercado municipal de Ribeira xa é historia. O alcalde Manuel Ruiz e a directora xeral de Comercio protagonizaron este martes 3 de abril a primeira hora da mañá un acto simbólico co que se pretendeu ilustrar o inicio de derrubo deste inmoble, retirando coa asistencia dun operario de Oviga o letreiro do mercado que dende antano preside a fachada dianteira da edificación.

 

A continuación chegou o turno de inaugurar oficialmente o mercado provisional situado a escasos metros, na confluencia da rúa Canarias coa rúa Galicia. Esta vez, Ruiz Rivas e Castro Domínguez estiveron acompañados da praceira máis antiga á hora destapar o cartel anunciador co que se dá a benvida aos potenciais consumidores. Sen maior demora abríronse as portas da instalación temporal, onde xa estaban preparados nos seus respectivos postos e engalanados cos seus novos uniformes regulamentarios os vendedores e vendedoras que, unha vez bendita a carpa polo párroco Cesáreo Canabal, atenderon xa aos primeiros clientes.

 

Nava Castro, Manuel Ruiz, o alcalde de Cambados Luis Aragunde, membros da Corporación Municipal, Magdalena Bringas en calidade de presidenta da principal asociación de consumidores e usuarios do municipio (Amas de Casa), medios de comunicación, técnicos municipais e moitos veciños percorreron nestes primeiros momentos o interior da carpa de 450 metros cadrados na que unha vintena de operadores atenderán ao público, como mínimo, durante o próximo ano e medio.

 

Pero os actos de hoxe non remataban aí, senón que as autoridades desprazáronse ata o salón de sesións da Casa Consistorial para presentar o proxecto do novo mercado. Cun orzamento de 3,5 millóns de euros, está previsto licitar a actuación de inmediato, de tal xeito que no mes de agosto se poda comezar a construción física do inmoble, cuxa data de finalización é decembro de 2013. Manuel Ruiz destacou o interese recibido das empresas máis importantes de España en postularse para acometer esta obra, o que da idea da envergadura e ambición dun proxecto “que vai marcar un antes e un despois na estética do que ten que ser a nosa fachada marítima”.

 

Sobre os detalles do mesmo, cómpre resaltar que a estrutura do inmoble simula “un barco de cristal”, en palabras do seu arquitecto Celso López Martín. A instalación estará distribuída en planta soto (para labores de carga e descarga, cámaras frigoríficas, vestiarios, etc...), planta baixa (área de pescados e mariscos), planta primeira (para outros produtos perecedoiros como carnes, froitas, verduras, etc...), segunda (produtos non perecedoiros) e terceira (restaurante). Enriba de todo haberá unha terraza que prestará servizo ao local de hostalería. A edificación estará preparada para conectar chegado o caso cun aparcamento subterráneo: un proxecto este último que está en estudo de viabilidade.

 

Peixes serigrafiados

Unha das características que máis chamará a atención do futuro e vangardista mercado será a súa fachada de cristal inclinada, que en función da hora do día irá cambiando os tonos e sensacións e estará serigrafiada precisamente con tramas do que é o seu produto estrela: o peixe.

 

Manuel Ruiz afirmou que para chegar ata aquí houbo detrás o traballo de moita xente e resaltou en primeiro lugar o labor da anterior Corporación Municipal, que ideou o proxecto Riveira Atlántica que permitiu conseguir os fondos europeos Feder. Tamén salientou o traballo desenvolvido por persoal municipal, o dos arquitectos Ángel Cid (redactor do proxecto de derrubo) e Celso López Martín (redactor dos proxectos da carpa e do novo mercado), así como da empresa Oviga, encargada tanto da demolición do mercado como do traballo contrarreloxo de acondicionar a carpa que alberga o mercado provisional.


Mal momento para obras faraónicas


Xa chegaron a esta redacción as primeiras opinións sobre o novo mercado, relativas sobre todo ao enorme orzamento que supón nestes momentos de crise económica. Namentres hai uns anos ninguén daba un chío contra este tipo de obras, e todos os alcaldes galegos competían a ver "quen a tiña máis grande" (a obra pública), agora non están as cousas para fachendear coa que está caendo neste país. Mariano Rajoy, que por fin chegou á presidencia deste país hai escasos cen días, xa advertiu aos seus alcaldes -Ruiz Rivas é un deles- de que "non é tempo para autopistas ou estadios", mais os fondos europeos, como é este caso, seguen apalabrados para estas obras, pode que, senón innecesarias, si prescindibles polo de agora. "Se poden aguantar as nucleares 10 anos máis co perigosas que son, o mercado tamén podía aguantalos", explicaron varios ribeirenses críticos co xeito de planear as obras nesta cidade. O mesmo comentan da futura lonxa: "van facela xusto cando nos están a sacar cotas por todos lados: pensan vender alí o da acuicultura?", din algúns mariñeiros, que cren que habería que reorientar este tipo de gastos neste tempo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical