4.4.12

Ribeira: aberto o mercado provisional

  •  En agosto comezará a construción dun vangardista mercado que custará 3,5 millóns de euros e asemellarase a un barco de cristal
  • Xa hai opinións sobre a inoportunidade de adicar fondos europeos a estas obras fastuosas en plena crise namentres se fan recortes no cerne do estado do benestar

Ribeira, 3 de abril de 2012.- Despois de 40 anos, o mercado municipal de Ribeira xa é historia. O alcalde Manuel Ruiz e a directora xeral de Comercio protagonizaron este martes 3 de abril a primeira hora da mañá un acto simbólico co que se pretendeu ilustrar o inicio de derrubo deste inmoble, retirando coa asistencia dun operario de Oviga o letreiro do mercado que dende antano preside a fachada dianteira da edificación.

 

A continuación chegou o turno de inaugurar oficialmente o mercado provisional situado a escasos metros, na confluencia da rúa Canarias coa rúa Galicia. Esta vez, Ruiz Rivas e Castro Domínguez estiveron acompañados da praceira máis antiga á hora destapar o cartel anunciador co que se dá a benvida aos potenciais consumidores. Sen maior demora abríronse as portas da instalación temporal, onde xa estaban preparados nos seus respectivos postos e engalanados cos seus novos uniformes regulamentarios os vendedores e vendedoras que, unha vez bendita a carpa polo párroco Cesáreo Canabal, atenderon xa aos primeiros clientes.

 

Nava Castro, Manuel Ruiz, o alcalde de Cambados Luis Aragunde, membros da Corporación Municipal, Magdalena Bringas en calidade de presidenta da principal asociación de consumidores e usuarios do municipio (Amas de Casa), medios de comunicación, técnicos municipais e moitos veciños percorreron nestes primeiros momentos o interior da carpa de 450 metros cadrados na que unha vintena de operadores atenderán ao público, como mínimo, durante o próximo ano e medio.

 

Pero os actos de hoxe non remataban aí, senón que as autoridades desprazáronse ata o salón de sesións da Casa Consistorial para presentar o proxecto do novo mercado. Cun orzamento de 3,5 millóns de euros, está previsto licitar a actuación de inmediato, de tal xeito que no mes de agosto se poda comezar a construción física do inmoble, cuxa data de finalización é decembro de 2013. Manuel Ruiz destacou o interese recibido das empresas máis importantes de España en postularse para acometer esta obra, o que da idea da envergadura e ambición dun proxecto “que vai marcar un antes e un despois na estética do que ten que ser a nosa fachada marítima”.

 

Sobre os detalles do mesmo, cómpre resaltar que a estrutura do inmoble simula “un barco de cristal”, en palabras do seu arquitecto Celso López Martín. A instalación estará distribuída en planta soto (para labores de carga e descarga, cámaras frigoríficas, vestiarios, etc...), planta baixa (área de pescados e mariscos), planta primeira (para outros produtos perecedoiros como carnes, froitas, verduras, etc...), segunda (produtos non perecedoiros) e terceira (restaurante). Enriba de todo haberá unha terraza que prestará servizo ao local de hostalería. A edificación estará preparada para conectar chegado o caso cun aparcamento subterráneo: un proxecto este último que está en estudo de viabilidade.

 

Peixes serigrafiados

Unha das características que máis chamará a atención do futuro e vangardista mercado será a súa fachada de cristal inclinada, que en función da hora do día irá cambiando os tonos e sensacións e estará serigrafiada precisamente con tramas do que é o seu produto estrela: o peixe.

 

Manuel Ruiz afirmou que para chegar ata aquí houbo detrás o traballo de moita xente e resaltou en primeiro lugar o labor da anterior Corporación Municipal, que ideou o proxecto Riveira Atlántica que permitiu conseguir os fondos europeos Feder. Tamén salientou o traballo desenvolvido por persoal municipal, o dos arquitectos Ángel Cid (redactor do proxecto de derrubo) e Celso López Martín (redactor dos proxectos da carpa e do novo mercado), así como da empresa Oviga, encargada tanto da demolición do mercado como do traballo contrarreloxo de acondicionar a carpa que alberga o mercado provisional.


Mal momento para obras faraónicas


Xa chegaron a esta redacción as primeiras opinións sobre o novo mercado, relativas sobre todo ao enorme orzamento que supón nestes momentos de crise económica. Namentres hai uns anos ninguén daba un chío contra este tipo de obras, e todos os alcaldes galegos competían a ver "quen a tiña máis grande" (a obra pública), agora non están as cousas para fachendear coa que está caendo neste país. Mariano Rajoy, que por fin chegou á presidencia deste país hai escasos cen días, xa advertiu aos seus alcaldes -Ruiz Rivas é un deles- de que "non é tempo para autopistas ou estadios", mais os fondos europeos, como é este caso, seguen apalabrados para estas obras, pode que, senón innecesarias, si prescindibles polo de agora. "Se poden aguantar as nucleares 10 anos máis co perigosas que son, o mercado tamén podía aguantalos", explicaron varios ribeirenses críticos co xeito de planear as obras nesta cidade. O mesmo comentan da futura lonxa: "van facela xusto cando nos están a sacar cotas por todos lados: pensan vender alí o da acuicultura?", din algúns mariñeiros, que cren que habería que reorientar este tipo de gastos neste tempo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical