26.11.12

Outes: polémica e oposición veciñal ao peche dunha farmacia en Ceilán

  • Levan máis de tres mil sinaturas contra este peche, pois é un establecemento do que se benefician non só os de Outes, senón tamén veciñanza de Negreira e Noia
Media_httpfarm6static_vchjl

PonteNafonso é o lugar contiguo a Ceilán e son os seus veciños os que promoven esta vindicación da farmacia. Agora uníronse moitos máis.

Outes, 26 de novembro de 2012. Unha asociación veciñal do municipio coruñés de Outes reuniu máis de 3.000 sinaturas para tentar frear a orde de peche que pesa sobre unha farmacia situada no lugar de Ceilán, cerca do hospital abandonado poucos anos despois de inaugurarse. Dada a súa proximidade ao límite municipal cos concellos de Noia e Negreira, son moitos os habitantes alleos a Outes que se adheriron á petición por sentirse afectados como usuarios, temerosos de perder este servizo e solidarios ante o que consideran unha inxustiza.

Secuencia histórica do caso

Pascual Rosón López abriu as portas do seu negocio hai agora oito anos, despois de serlle concedida a licenza polo Colexio Farmacéutico Provincial (e confirmada polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España), ao cumprir os requisitos de ratio poboacional e distancia das outras farmacias, situadas no núcleo urbano de Serra de Outes, a 4 quilómetros. Pero xa nese momento empezaron os problemas: dous farmacéuticos da vila non estaban conformes e presentaban un recurso xudicial. O Colexio Farmacéutico obrigaba a Pascual Rosón a abrir a farmacia, ou perdería a súa licenza. A súa intención era instalarse en Ponte Nafonso, pero un novo recurso dos dous farmacéuticos outenses obrígao a facelo en Ceilán. 

En 2005, coincidindo co nacemento dos seus fillos xemelgos, Pascual e os seus opoñentes acoden aos tribunais. A sentenza ditamina que non cumpre un dos requisitos: hai menos de 2.000 habitantes. O propio xuíz entende que a dispersión rural é propia de Galicia, pero obriga ao peche por non acadar a ratio poboacional. A apelación ao Tribunal Supremo non foi admitida. Aínda así o Tribunal Superior de Galicia admite a inexecución da sentenza, por atoparse xa o local no mapa farmacéutico galego, e propoñen que a Xunta de Galicia saque a concurso público a explotación da farmacia. Os outros dous boticarios volven solicitar a execución da sentenza; o mesmo Tribunal Superior de Galicia falla a favor deles, pero invitaba á Consellería de Sanidade a promover a inexecución da sentenza en defensa do interese público da oficina da farmacia.

Hai menos dun ano presentouse unha segunda solicitude de inexecución de sentenza, esta vez ofrecéndolles 30.000 euros a cada un dos outros dous contendentes (isto é, unha execución substitutiva por diñeiro), pero estes néganse. De nada vale que Pascual lles diga que verán incrementadas as gardas mais non os clientes. A xuíza recibe un comunicado da Xunta de Galicia: en Outes sobran farmacias. Ante a negativa ao acordo económico ordénase o peche. A data límite sería o 27 de decembro.

Mobilización veciñal

Cando isto se fai público a Asociación de Veciños de Ponte Nafonso, lugar contiguo a Ceilán, mobilízase e comeza a pedir sinaturas. Reúnense co alcalde para que medie no asunto. Pero a denuncia non se retira. A Asociación de Veciños de Cuns únese á de Ponte Nafonso en busca de solución, e reciben a adhesión das do Freixo e San Ourente.

Pascual Rosón López agradece o apoio recibido dos que foron os seus clientes durante estes oito anos, así como dos demais farmacéuticos da zona. Desexa que polo menos os veciños consigan que a botica saia a concurso público e non perdan así o seu servizo. E lamenta que esvaeza o soño que tivo desde neno. Se nada o remedia, terá que enfrontarse máis indefenso ás súas débedas hipotecarias e, igual que a súa empregada, buscar un novo traballo para poder criar os seus dous fillos pequenos.

Peche o 23 de novembro logo de ameaza de multa

Na tarde do día 22 de novembro os veciños (que non entenden as razóns desta suposta ilegalidade) reuníronse para organizar futuras mobilizacións, pero ese mesmo día un burofax ordena o peche inmediato baixo ameaza de multa. O 23 a farmacia de Ceilán pecha as súas portas. Xusto o día no que se entregan na Consellería de Sanidade, quizais xa tarde, as 3.000 sinaturas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical