Noia, 4 de xuño de 2011. Os crebacabezas a nivel electoral en Noia dende que se souberon os resultados do 22 de maio non paran. O PP quere gobernar en minoría ou co Bng se se deixa; o NOIA di que xamais pactaría co PP, do que se escindeu; o PSOE avoga por un tripartito co NOIA e o Bng... As posibilidades son esas e incluso máis. Mais o rebumbio auténtico está nunha formación, a nacionalista, que está dividida. A nota de prensa seguinte, que reproducimos sen mutilar nin unha coma, é dun grupo de militantes que se sinte estafado coa pretendida democracia interna do Bng.
Noia, 4 de xuño de 2011
1.- Queremos enmarcar esta rolda de prensa dentro do dereito á discrepancia pública que nos asiste como militantes do BNG. Sempre defendemos que, dentro do BNG, en calquera das súas estruturas (local, comarcal, nacional), había un campo de liberdade para a discusión, o debate e a expresión da diferenza. Esta é a casa do nacionalismo, a nosa casa: sempre o foi e hao seguir sendo. 2.- A Asemblea Local do BNG de Noia, hai xa meses, tivo que abordar a confección da lista coa que se presentaría ás eleccións municipais do pasado 22 de maio. Toda a militancia estivo de acordo nas liñas centrais do noso programa, vertebrado fundamentalmente pola idea da recuperación do mar de Noia. Porén, mentres uns defendíamos que o noso electorado tiña dereito a coñecer de antemán cal ía ser a actuación do BNG en caso de non se produciren maiorías na sesión de investidura, outr@s, co Responsábel Local á cabeza, preferiron que a toma de decisión sobre os posíbeis pactos se postergase para despois das eleccións. Ese foi o detonante para que unha parte moi numerosa do tramo inicial de lista electoral que o BNG presentara en 2007 se apartara da elaboración da candidatura do 2011. Pero, e isto cómpre remarcalo, aseguróusenos en todo momento por parte do Consello Local (e singularmente polo Responsábel Local, Bieito González Domínguez) que non se furtaría o debate, que a Asemblea Local, soberana como era, ía decidir a política de pactos… cando tocase. E iso malia a nosa insistencia en que ese tipo de pactos é moito máis racional que se dean sen presións e con tempo por diante, sendo conscientes ademais de que a cidadanía sempre agradece as mensaxes claras. 3.- O resto é ben coñecido por tod@s. Á noite do 22 de maio o escrutinio definitivo coloca, para ben ou para mal, a cadaquén no seu lugar: o PP obtén 7 concelleir@s, 6 o PSOE, 2 o BNG e 2 a candidatura pretendidamente independente, auspiciada polo propio PSOE e escindida do PP. O BNG sofre unha caída brutal, próxima ao 50% de votos con respecto ao ano 2007. Aínda así, no seo da nosa organización local, parece como se nunca se aprendera a conxugar o verbo “dimitir”. Iso si, aparecen as présas, como por outra parte nós xa anunciabamos, para a toma de decisións. A vila convértese nun fervedoiro de rumores: É certo que ides pactar co PP? Absterédesvos? Formaredes tripartito co PSOE e o NOIA? Aparcaredes definitivamente a proxecto do porto para Noia? Seguiredes defendendo o proxecto de coieira? Ides votar por vós mesm@s? Etc, etc, etc. 4.- Ante esta avalancha, o conxunto da militancia soubo manterse sereno, pois contabamos coa garantía de que se nos ían consultar os pasos a dar no futuro. Co fin de posicionarnos e votar sobre a “conformación de maiorías de goberno no Concello” convocouse a Asemblea Local o luns 30 de maio. Por tanto, asistimos a unha reunión que se producía dous días despois de que o Consello Nacional do BNG, o pasado 28 de maio, aclarase cales ían ser as liñas básicas da política do pactos no conxunto do país. Nesa Asemblea Local o Consello Local presentou unha papeleta na que se contemplaban cinco opcións posíbeis. Despois dun prolongado debate, no que a maior parte de intervencións se decantaba pola abstención nesa sesión de investidura, debido ao avanzado da hora, e malia que algúns insistíamos na necesidade de que se votase nese día, aprazouse a votación para o xoves 2 de xuño. O resto xa o sabedes: o Consello Local impediu que se completase un proceso democrático que, por outra parte, xa se iniciara: algúns compañeiros que se ían ausentar o día 2 de xuño chegaron a emitir o seu voto no propio local da organización. Está claro que a nosa opción nesa votación era que o BNG na sesión de investidura debía decantarse pola abstención. O BNG non podía tropezar tres veces na mesma pedra e formar goberno con quen por dúas veces nos expulsou do goberno municipal, máxime se temos en conta que, nesta ocasión ademais, habería un terceiro convidado procedente do propio núcleo do PP. Sabemos, e así se expresou no acalorado debate que precedeu á frustrada votación na Asemblea Local, que outr@s compañeir@s defendía lexitimamente a necesidade de pactar e gobernar con PSOE e NOIA. Sabemos tamén que o BNG non debe ser unha organización que aglutine distintos reinos de Taifas onde cadaquén poida tomar as decisións que lles pete. É dicir, somos conscientes de que militamos nunha organización que debe establecer (como fixo) unhas liñas xerais na política de pactos, si, pero abrindo espazo ás excepcións puntuais naquelas localidades onde o PSOE incumprise en anteriores mandatos flagrantemente os compromisos adquiridos co BNG. Pero, sobre todo, por riba de calquera outro argumento, defendemos o dereito que temos, como cidadáns e cidadás libres, a decidir. Dereito a decidir no ámbito da nosa localidade. Tal e como nestes días de revolta se reclama desde rúas e prazas por parte da sociedade civil, queremos democracia real. Nin tutelada, nin vertical, nin orgánica. Democracia real da que sempre presumiu o BNG. Democracia real. Nada máis…, pero nada menos. CONCLUSIÓNS
Polo tanto, @s aquí presentes formulamos as seguintes reclamacións: 1) Que se continúe co proceso de votación que quedou establecido na Asemblea Local do 30 de maio e que se viu interrompido na Asemblea do 2 de xuño.
2) O Consello Local e mais o Responsábel Local, absolutamente deslexitimados en todo este proceso, deben presentar a súa dimisión para que se proceda ao nomeamento dunha xestora que reconduza a actual situación.
3) @s concelleir@s elect@s deben someterse, na sesión de investidura do próximo 11 de xuño no Concello de Noia, ao mandato (sexa este cal for) que estableza na votación suspendida a propia Asemblea Local.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia