4.6.11

Ribeira: a Xunta celebra o mércores 8 de xuño o Día dos Océanos coa visita do barco gardacostas "Irmáns García Nodal"


O buque que vai estar en Ribeira o vindeiro mércores 8 (foto: Wikipedia)

Ribeira, 4 de xuño de 2011. A Consellería do Mar desenvolverá diferentes actividades en todo o litoral galego o próximo día 8 con motivo do Día Mundial dos Océanos, co obxectivo de xerar unha maior conciencia sobre a importancia de manter a biodiversidade dos ecosistemas mariños. En Ribeira está prevista unha xornada de portas abertas ao buque Irmáns García Nodal, a partir das 10:30. Un total de 150 alumnos do CEIP Palmeira realizarán quendas para coñecer o interior deste barco do Servizo de Gardacostas.

Tamén haberá actividades en Santiago de Compostela. Así, a partir das 12:00 horas levarase a campaña Ponlle as pilas ao teu bocata á praza do Toural, co fin de fomentar o consumo de conservas entre os alumnos de educación primaria e transmitirlles a importancia das conservas de peixe e molusco na dieta. Ademais tamén se realizará un taller para ensinar aos nenos a preparar eles mesmos os bocadillos. Nas instalacións do CIFP Compostela en Lamas de Abade, ás 13:00 horas, terá lugar a entrega de premios concurso de cociña O sabor da aventura está no mar. O obxectivo deste concurso celebrado a finais de marzo, centrouse en transmitirlles aos escolares a importancia dos produtos do mar de Galicia e os seus valores nutritivos. O xurado do concurso estará composto por 6 nenos de entre 10 e 12 anos.

En Celeiro, a partir das 10:30 haberá unha xornada de portas abertas da base do helicóptero Pesca II. Os visitantes poderán coñecer as instalacións da aeronave e contemplar o interior do helicóptero. En Ferrol, tamén a partir das 10:30, haberá unha xornada de portas abertas dun barco de Gardacostas, o Sebastián de Ocampo. Varios grupos de alumnos de diferentes centros da cidade xa confirmaron a súa asistencia.

As actividades continuarán en Vilanova e Vilaxoán a partir das 10:30. No peirao de Vilaxoán estará atracado o Punta Roncadoira, outro dos barcos do Servizo de Gardacostas, que será visitado por alumnos do CEIP de Vilaxoán. En Vilanova, pola mañá, os grupos asistentes ás actividades realizarán un percorrido por mar abordo da embarcación Chasula e visitarán unha conserveira. Xa pola tarde, os participantes coñecerán a lonxa, asistirán á poxa do marisco e acudirán á casa-museo de Valle-Inclán, para ver a obra do autor relacionada co mar. Este conxunto de actividades que se celebrarán en Vilanova, corresponden ao primeiro premio do concurso de banda deseñada enmarcado na campaña O sabor da aventura está no mar.

Por último, en Vigo, tamén a partir das 10:30, poderá visitarse o buque de Gardacostas Valentín Paz Andrade. Un total de 150 escolares do CEIP García Barbón achegaranse ata o peirao de Trasatlánticos para percorrer o seu interior.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical