8.10.12

Ribeira: o pintor Antonio Pérez doa ao Concello "Xeiteiros na rambla do Colón"

  • O artista pintárao en vivo durante a Feira Artemar

 

Ribeira, 8 de outubro de 2012- O artista Antonio Pérez fixo entrega no día de hoxe ao alcalde Manuel Ruiz da pintura que este creador riveirense tivo ocasión de elaborar en vivo ao longo dos tres días en que transcorreu a primeira edición da feira Artemar Ribeira, celebrada entre o 17 e o 19 de agosto.

 

Co título de “Xeiteiros na rambla do Colón”, esta creación de temática e inspiración mariñeiras describe como eran os traballos que se desenvolvían no porto ribeirense na década dos sesenta. Antonio Pérez manifestou durante o acto de entrega que con este cadro quixo aportar o seu pequeno grao de area á  cultura de Ribeira e amosou a súa predisposición a colaborar novamente en futuras edicións da feira, á cal cualificou de “éxito” tanto a nivel de público como de ventas.

 

En canto ao contido da obra, o artista explicou que nos anos sesenta, cando el comezou a ir ao mar con 12 anos de idade, empregábanse outras vestimentas e outras maneiras de manipular os aparellos que quixo recrear neste traballo.

O alcalde, que estaba acompañado da edil de Cultura Elvira Pisos, agradeceu a doazón ao Concello realizada por un dos “artistas emblemáticos de Ribeira” e louvou a calidade dunha obra que devolve ao pasado desta cidade.

Ruiz Rivas explicou tamén que con Artemar Ribeira quíxose demostrar que o mar non só é o principal sustento económico do concello, senón tamén unha cultura e unha forma de vivir.

O cadro lucirá nun lugar relevante da Casa Consistorial.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical