26 de xaneiro de 2012. Adega cualifica como "brutais" as obras para o "baleirado controlado" que están sendo perpetradas pola Xunta na lagoa da Frouxeira, humidal de Importancia Internacional, LIC, ZEPA e ZEPVN, e que para esta organización ecoloxista galega "constitúen un auténtico atentado ecolóxico".
"Como é posíbel que unha administración, supostamente responsábel deste espazo, poida desentenderse durante 2 anos da súa xestión, incumprindo as súas obrigas de conservación sinaladas nun acordo unánime polo Parlamento, cando foi pola súa neglixencia que a lagoa sufíu as consecuencias? Como pode entenderse que para solucionar un problema creado pola súa incompetencia, agora a Xunta volte meter as escavadoras neste espazo protexido? Perante estes feitos, ADEGA apela ás instancias internacionais titoras do espazo, a oficina Ramsar e a Comisión Europea, para que miren pola conservación deste humidal, patrimonio natural galego, europeo e mundial, que nestes intres está sendo agredido pola Xunta", explica Adega en nota de prensa.
Perante a gravidade da situación criada no sitio Ramsar da “Lagoa e Areal de Valdoviño”, ADEGA vén de solicitar á Oficina Internacional da Convención RAMSAR:
-Que esixa aos organismos responsábeis da planificación e xestión deste humidal protexido, "Lagoa e areal de Valdovño", sitio Ramsar nº 599, o cumprimento das súas obrigas no referente á conservación e uso racional deste espazo, promocionando e executando políticas de conservación efectiva. Solicitamos tamén, que se lles esixa ás administracións responsábeis que paralicen o sangrado e baleirado reiterado da lagoa feito sen xustificación técnica e legal algunha, e que as medidas de xestión que se tomen tendan á reposición do estado de conservación favorábel, depurando as responsabilidades pola xestión irresponsábel deste humidal protexido. [En idénticos termos trasladamos tamén esta denuncia á Comisión Europea].
-Que por parte deste organismo considérense nulos a todos os efeitos as modificacións dos límites do humidal Ramsar da "Lagoa e Areal de Valdoviño" establecidas no ano 2006 polo Ministerio de Medio Ambiente (Resolución de 17 de xaneiro de 2006, da Dirección Xeral para a Biodiversidade, BOE nº 47, do 24 de febreiro de 2006), ao carecer este cambio de xustificación científico-técnica, e respostar unicamente aos intereses espurios de facilitar a urbanización de terreos que nunca deberían ser urbanizados. En consecuencia, solicitamos que se manteñan os límites do humidal establecidos na súa declaración inicial por Ramsar.
-Que por parte de Ramsar Internacional avalíese a necesidade de incluir o sitio Ramsar "Lagoa e Areal de Valdoviño" no Rexistro de Montreux. Ao noso entender, neste humedal producíronse alteracións sustanciais nas características ecolóxicas dende o intre da súa declaración até a actualidade, como fica patente nas denuncias que obran en poder da Secretaría de Ramsar. Estas alteracións están directamente relacionadas co descontrol urbanístico que sofre este humidal e os terreos limítrofes, así como coa neglixente xestión que realizou a Xunta de Galiza e que supuxo a alteración do rexime hidro-ecolóxico da lagoa.
-Que por parte deste organismo se esixa á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Medio Ambiente a posta en marcha dun plano de conservación e xestión deste humidal que garantice a súa conservación e racionalice o uso e as actividades humanas que poidan ter cabida nesta área.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia