11.3.10

A Pobra: aprobada no Parlamento proposta socialista para que o pazo Torre Xunqueiras cumpra a lei como BIC

A proposta socialista, presentada por Lage Tuñas, incide en que se abra ao público os días que corresponde, como todo Ben de Interese Cultural




-
O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage defendeu hoxe na Comisión 4ª do Parlamento (Educación e Cultura) unha proposición non de lei para facilitar a apertura ó conxunto da poboación do Pazo de Torre de Xunqueiras, un Ben de Interese Cultural (BIC) recoñecido dende o ano 1981.

-Lage Tuñas propúxo un acordo aos grupos do BNG e PP “para que se pida á Xunta que faga cumplir a lei, favorecendo a dinamización turística da comarca do Barbanza ao incorporar as visitas ao Pazo ás rutas e aos programas turísticos”

-O deputado do PSdeG expuso a proposta baseandose na necesidade de combinar o respecto á propiedade privada co cumprimento da lei de patrimonio cultural de Galicia que di que “os propietarios, posuidores e demais titulares de bens declarados de interese cultural deberán de facilitar a visita pública ós mesmos nas condicións que se determinen, que en todo caso será gratuíta durante catro días ó mes, en días e horario prefixado. Esto é o que pedimos, que se cumpla a lei

-”Quero agradecer a cooperación dos grupos do BNG e PP que apoiaron a nosa iniciativa. O acordo ao que chegamos na comisión é importante porque é unánime, sendo un claro mandato ao goberno galego para que se poña as pilas e faga cumplir a lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia”, afirmou José Manuel Lage ao rematar o debate da súa Proposición Non de Lei.

-Lage Tuñas recordou que ”o único que pedimos os socialistas galegos é que se facilite a existencia dun calendario con datas e horarios prefixados para que os cidadáns coñezan de antemán cando poden visitar este ben de interese cultural.”

-Dende o PSdeG tamén defenden a necesidade de que A Xunta de Galicia “implemente un programa de difusión e coñecemento dos bens de interese cultural que temos en Galicia, facilitando a súa promoción nos circuitos de turismo cultural”.

Se se achegan ao pazo e non poden velo, non se vaian sen mirar o cruceiro de Xunqueiras, unha auténtica marabilla. Está a uns metros á esquerda, segundo miran para as Torres.


Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: o Bng pide axilidade e a Xunta resposta que en novembro estará rematada a rehabilitación da capela de Sta Cristina de Barro

A deputada do BNG Ana Pontón advirte de que o estado de conservación da capela é moi deficiente e agarda que os novos prazos anunciados hoxe polo secretario xeral da Consellería se cumpran sen máis demoras


 

Noia, 11 Marzo de 2010 (Nota íntegra do Bng).- A portavoz de Cultura do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, emprazou hoxe ao goberno da Xunta a que sexa áxil na execución do proxecto de restauración da capela de Santa Cristina de Barro (Noia), dado que xa leva moita demora, recoñecida pola propia Consellería malia ser un templo cun importante grao de deterioro.

 

Durante o debate en comisión dunha iniciativa sobre este asunto defendida pola parlamentar nacionalista, esta valorou que o secretario xeral da Consellería de Cultura anunciara que os traballos se realizarán neste exercicio, estando prevista a licitación entre os meses de Abril e Maio e a partir de ahí o prazo de execución será de seis semes.

 

Mais a deputada do BNG lembrou que se trata dun proxecto que se iniciou xa en 2008, orzamentado con 94.000 euros, que sen embargo aínda non foi acometido porque, segundo o propio director xeral, tivo que ser paralizado o pasado ano porque “consideraron que había outras obras máis importantes”.

 

Ana Pontón reiterou que o estado de conservación da capela, de orixe románica, é moi deficiente, por iso era preciso actuar con axilidade, pois entre as obras que precisa está repor o teito.

 

A parlamentar concluiu agardando que se cumpran os novos prazos anunciados hoxe e lembrou que estas obras van contribuir, ademais, non só á recuperación da riqueza arquitectónica do País senón que tamén poden aportar o seu grao de area á recuperación da economía local.


Resposta da Xunta de Galicia:



Cultura estima que as obras de rehabilitación da capela de San Antón na parroquia de Santa Cristina de Barro  estarán rematadas en novembro


Igrexa de Santa Cristina de Barro


O secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández-Campa, informou hoxe no Parlamento sobre a situación da capela do concello de Noia da que asegurou que se está a comezar a preparación do prego para a contratación das obras que “estarán adxudicadas no mes de maio próximo”.
Volver Imprimir Enviar

Noia, 11 de marzo de 2010.- O secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández-Campa, expuxo hoxe no Parlamento de Galicia a situación actual da capela de San Antón de Santa Cristina de Barro asegurando que “as obras de rehabilitación e recuperación poderán estar rematadas no mes de novembro, de acordo co prazo de execución de 6 meses contemplado no proxecto básico e cun orzamento global de 93.273 euros”.

Neste momento, segundo informou o secretario xeral no hemiciclo, “estase a comezar a preparación do prego para a contratación das obras e procederase a solicitar a dispoñibilidade da propiedade para a realización dos traballos”. Acerca do proxecto básico, entregado na Dirección Xeral en abril do 2009, Fernández-Campa comunicou que “será realizado mediante concurso aberto, estimándose que estea adxudicado no mes de maio próximo”, situando a “falla de dispoñibilidade orzamentaria e a necesidade de priorizar outras actuacións de meirande urxencia” como causas que provocaron a súa non licitación noutrora.

A dirección xeral do Patrimonio Cultural ten adquirido deste xeito un compromiso firme coa rehabilitación da Capela de San Antón de Santa Cristina de Barro, que o secretario xeral recalcou como unha “mellora xeral do contorno e a dinamización de toda a zona”. Fernández-Campa fixo patente a implicación da Consellería de Cultura e Turismo que considera esta actuación “prioritaria para este ano garantindo que a rehabilitación se acometerá en todo caso antes de que a ruína teña ocasión de avanzar”. Asemade incidiu no papel da Xunta de Galicia respecto á protección do patrimonio que estableceu en “mellorar no posible a metodoloxía de traballo levada a cabo ata o de agora para reflexar un compromiso real coa protección e posta en valor do patrimonio galego”.


Recuperación necesaria

Capela de San Antón


A capela de San Antón de Santa Cristina de Barro, sita no concello de Noia, data do século XI-XII. Na actualidade atópase en mal estado de conservación xa que gran parte dos seus muros e rematados nunha cornixa adornada con formas zoomórficas e vexetais están tapados pola vexetación así como a cuberta que se acabou desmoronando sobre a bóveda existente.

O Peto de ánimas destaca desde o punto de vista artístico, construción de pedra que data de finais do século XIX e principios do XX, pero atravesa unha situación que aconsella unha rápida intervención. O peto ten a consideración de Ben de Interese Cultural pola súa condición de peto de ánimas de máis de 100 anos, nembargante arestora faltánlle algunhas pezas de pedra así como a cruz que coroaba o conxunto e a pintura non se conserva practicamente a excepción de zonas específicas.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Dodro: colgan na Rede un libro de homenaxe a Moncho Reboiras Noia que xa estaba esgotado

Download now or preview on posterous
Libro_Reboiras.pdf (1452 KB)

Escribe seu irmán Manuel, tamén de Dodro, e cóntanse anécdotas dos seus compañeiros de loita antifranquista que teñen como escenarios lugares como Noia (páxina 175):

"E nós, Manuel e eu, participamos na reunión de Noia, unha reunión que tivo a finalidade de dar ao traballo cultural unha extensión nacional. Ben, nesa reunión eramos pouca xente pero moi unida e que se multiplicaba. Cando hai unha gran cohesión non vas buscar nada e dálo todo. Está claro, creo, que se hai entrega, faise moito máis. Nós pagamos as nosas comidas, as viaxes, todo. Cotizaba todo o mundo para o que fose. Cando foi o de Noia, chamounos Reboiras. Entón moi secreto, moi secreto, citáronnos na cafetaría Derby, en Santiago. Alí recolleunos Reboiras. A min fíxome moita graza porque non sabiamos a onde nos
levaban. Pois ben, fomos a Noia, a unha igrexa, que non sei se se chama San Martiño ou algo así; era unha igrexa que non tiña culto. Alí estaba moita xente coñecida; eu coñecía todo o mundo, menos Antonio Fernández Oca; eu púxenlle “Ojos verdes”, pois ten uns ollos moi bonitos. Aínda hoxe o chamo así. Logo ría con Reboiras", conta Saleta Goi.

O  libro remata cos poemas de Manuel María e Lois Diéguez adicados a Xosé Ramón Reboiras. Neste último ecoan os mártires de Nebra que lembrou Castelao nos seus escritos:

"A cidade, Xosé Ramón Reboiras,
estremeceuse co eco dos disparos
que alumearon
o tráxico portal
no que caíches.
Ouh, caravel ensanguentado.
Ouh Castelao, ouh Roi Xordo, os de Nebra e Sofán...
encollidos no silencio da ruína.
Ouh Ferrol, Ferrol,
remo e martelo e zafra,
sangue derramado de
Amador e Daniel,
aínda onte,
                  aínda onte,
                                     onte.
Nos campos verdes da Galiza
colleitaremos mañá
os vermellos caraveis
dun novo tempo de fachenda
e valentía".

Vía http://terraetempo.org

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Curiosidades: Dalí e as moscas, protagonistas na exposición que o Museo do Gravado cedeu a México

Salvador Dalí era un grande admirador da vida das moscas, quizais polas súas lecturas de Luciano de Samosata, o humorista-sofista sirio, que profesaba verdadeira veneración por elas, ata o punto de escribir "Eloxio das moscas".
Pode que o xenial artista catalán lle dese unha explicación mosqueira a este vídeo que están a empregar algúns xornalistas "amigos de la nave del misterio" para falar de pantasmas. Como explicaba Luciano de Samosata, algúns charlatáns aseméllanse moito ás moscas de cuartel ou moscardóns: deixan oír un zunido moi pronunciado, o seu voo é rapidísimo e desfrutan de larga vida, agochados preferentemente nos artesoados. A parte preferida de Dalí do que contaba Luciano era que estas moscas de cuartel "realizan por turnos as funcións de macho e femia, montando á outra tras ter sido montada, e reunindo, como o fillo de Mercurio e Afrodita, dobre sexo e dobre beleza". Parafraseando ao escéptico de Samosata, "poderiamos engadir moitas anécdotas neste eloxio, pero detémonos, temerosos de parecer, como di o refrán, que queremos facer dunha mosca un elefante, ou neste caso, unha pantasma".
Desta exposición, en serio, falamos en http://certo.posterous.com/arte-o-museo-do-gravado-de-ribeira-estivo-pre

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical