16.4.13

Noia: o Bng cre que a Feria de Abril do San Marcos é "moi prexudicial e un atranco para a normalización da nosa cultura"

Desde hai séculos os noieses e as noiesas vimos celebrando o 25 de Abril como manifestación dunha Feira popular, onde se comercia con animais sobre todo de raza cabalar e moitos produtos e elementos relacionados coa actividade agro-gandeira. Esta é a Feira noiesa máis importante do ano.

A “Feira do San Marco” é tamén unha celebración festiva por excelencia; expresión xenuína da nosa cultura. É curioso, este día que en todo o momento figurou como laborábel no calendario, sempre foi asumido e celebrado polos viciños e viciñas de Noia, incluso por moita xente da comarca, como día festivo de obrigada participación.

Foi no primeiro terzo do século XIX que o poder central impulsou un proxecto de unificación política (Estado unitario), tentando borrar todas as realidades nacionais e culturais do conxunto do Estado español. É desde aquela que se promove e potencia de xeito sistemático unha cultura identificada con esa España unida e singular que se pretendía construír; esta é a CULTURA CASTELLANO-ANDALUZA que nos veñen impondo desde aqueles tempos.

Desde aquela a cultura galega ven sendo interferida e submetida a outra foránea, pretendendo inculcarnos que a nosa cultura forma parte dun pobo vello e atrasado, en canto a outra correspondería a un Estado avanzado, culto e con futuro.

O BNG, rexeita a iniciativa da concellería de cultura do concello de Noia, de inclusión no programa da Feira de San Marcos dunha recreación da Feira de Abril andaluza. Dada a falta de estímulo e dificultades polas que pasou e pasa a nosa cultura popular, considera esta actitude moi prexudicial e un atranco para a normalización plena da mesma, entendendo que os poderes públicos deberían pular pola defensa e promoción da nosa cultura nacional.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical