- A súa primeira acción solidaria consistiu en doar material escolar a un centro de alfabetización de mulleres
Ribeira, 24 de outubro de 2011.- José Antonio Sobrado Silva e Roi Fontaíña Martínez xa están en Katmandú, capital de Nepal: unha cidade onde tiveron ocasión de realizar o seu primeiro acto solidario antes de emprender a ruta de 300 quilómetros que lles levará pola cordilleira do Himalaia ata a base do monte Everest.
Os dous expedicionarios, que pertencen á Asociación Cultural e Deportiva Sálvora, chegaron a Katmandú despois dunha longuísima viaxe de 24 horas que partiu en avión dende Vigo o pasado día 1 e fixo escala en Madrid, Doha e Nova Delhi. Precisamente no último voo que os levou dende a capital de A India ata á súa homóloga nepalí tiveron ocasión de admirar por primeira vez as vistas da cordilleira do Himalaia.
“A estampa é dunha beleza sublime e Katmandú unha cidade caótica, repleta de constrastes, variedade cultural e profundas diferenzas sociais: parece que estamos noutro mundo e noutro tempo”, afirma José Antonio Sobrado.
Toni Aguilar
Onte mércores os riveirenses estiveron na escola do cooperante Toni Aguilar, un barcelonés que leva 10 anos na capital nepalí e que dirixe un centro dedicado á alfabetización de mulleres. Alí tiveron oportunidade de entregar diverso material escolar (que fora doado polo Concello de Ribeira e varias firmas locais) e recibiron efusivos agradecementos de parte de Toni Aguilar e das súas alumnas e colaboradores.
Nestes momentos, os alpinistas están agardando a que unha avioneta os leve á localidade de Lukla, de onde partirá a travesía a pé ata a base do Everest. Os aventureiros informan de que ante o mal tempo reinante, estanse a suspender os voos con destino a esta localidade de Lukla, que posúe un dos aeroportos máis perigosos do mundo, situado a 2.800 metros de altitude.
Detalles da expedición
A expedición consistirá nunha travesía de alta montaña na que os dous montañeiros, partindo da localidade de Lukla, percorrerán unha ruta “alternativa” que os levará ata a base do “Everest”, dende a que descenderán de regreso a Lukla pola vía tradicional de aproximación ao punto máis elevado do planeta.
A ruta ascenderá polo val do “Bothe Koshi” aproveitando as antigas vías que utilizaban as caravanas tibetanas de “Jaks” para atravesar o Himalaia, e que máis recentemente usaron os refuxados tibetanos para escapar da represión china. Ademais, dende a remota rexión fronteiriza co Tibet terán que atravesar dous dos pasos de montaña máis elevados da terra e o glaciar “Drongzba” para chegar ata a base do Everest. Dende alí, descenderán o val do “Dudhi Koshi” para regresar de novo a Lukla. Durante a travesía ascenderán dous picos de máis de 5500 metros.
Na travesía percorrerán en torno a 300 kilómetros que realizarán nun tempo de entre 15 e 20 días (dependendo do clima, o terreo, e a adaptación á altitude). A cota mínima ao principio do percorrido é de 2800 metros, e a máxima altitude será de 5700 metros.
Na expedición colaboran o Concello, Ateneo Valle Inclán e outras firmas e locais ribeirenses.
Quen o desexe pode seguir esta viaxe en internet a través de facebook (riveiratrekaventura), barplaza.com, e na web do concello. Ademais, no blog www.riveiratrekaventura.blogspot.com, irase colgando ó seu regreso o diario de viaxe destes dous aventureiros con diverso material fotográfico e vídeos.
Pode que tamén lles interese:
Presentación de libro: o domingo 6, no Ateneo Valle Inclán
Obradoiro: o luns 7 de novembro, sobre alimentos para diabéticos
Copa do Mundo: 7 e 8 de novembro no auditorio
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia