21.3.13

Ribeira: en abril, Mes dos Libros e o Cinema. Programación

Media_httpfarm9static_ewdbm

Os técnicos de Cultura, Unai González e Chiki Durán, flanquean á concelleira Elvira Pisos

 

Ribeira, 21 de marzo de 2013.- Un ano máis, o Concello activa para o vindeiro abril a posta en marcha de dúas programacións culturais xa consolidadas que teñen como obxectivo incentivar á poboación (con especial incidencia na sociedade estudantil) sobre a adopción de hábitos tan enriquecedores como son a lectura e o cine. Trátase dos programas “Abril Mes dos Libros” e “Abril de Cinema”, cuxos detalles foron dados a coñecer esta mañá pola concelleira de Cultura de Ribeira, Elvira Pisos, acompañada polos técnicos municipais Unai González e Segundo Chiki Durán.

Así, por unha parte, dentro da programación do “Abril Mes dos Libros”, este martes 2 de abril vaise conmemorar o Día do Libro Infantil e Xuvenil recordando o 130º aniversario da publicación de Pinocho. Con tal motivo, o Auditorio Municipal dará cabida ás 11 horas á proxección audiovisual de “P3K: Pinocho 3000”, filme dirixido por Daniel Robichaud que foi galardoado cun Premio Goya á mellor película de animación no ano 2004. Asistirán ao evento alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria dos distintos centros educativos do municipio.

Día do Teatro

Tres días despois, é dicir, o venres 5 de abril, conmemorarase o Día Internacional do Teatro: unha data que se ben sólese celebrar cada 27 de marzo, decidiuse pospoñer por coincidir coas vacacións escolares de Semana Santa. Dito 5 de abril, o Grupo Municipal Xuvenil de Teatro de Ribeira porá en escena a obra “O achado do castro”, de M. Núñez Singala, baixo a dirección de Segundo Chiki Durán, que xa colleitara un notable éxito na súa estrea o pasado 16 de novembro . Haberá dúas funcións: unha ás 10.30 horas que está dirixida ao alumnado de 1º e 2º Secundaria dos centros educativos; e outra ás 21.30 horas que estará aberta ao público en xeral (poderanse retirar as entradas media antes do inicio da representación).

E por fin, o propio 23 de abril, Día Internacional do Libro, a compañía Os Sete Magníficos + 1 ofrecerá ao alumnado de 2º e 3º de Primaria un espectáculo de animación titulado “A historia de Brancaflor”. Terá lugar ás 11 horas no Auditorio Municipal.

Abril de Cinema, os venres

Doutra banda, Elvira Pisos tamén deu a coñecer o calendario de proxeccións do Abril de Cinema: un programa incluído no proxecto “Ribeira, Mar de Cinema”, que incluirá, ademais da citada “P3K: Pinocho 3000”, a proxección dos seguintes filmes:

 

  • Venres 12 de abril: La Chispa de la vida, dirixida por Álex de la Iglesia.
  • Venres 19 de abril: Miel de naranjas, dirixida por Imanol Uribe.
  • Venres 26 de abrl: De tu ventana a la mía, dirixida por Paula Ortiz.

 

Estas tres proxeccións integran o denominado “Cine Español en Ruta” e contarán con dúas sesións: unha matinal (10.30 horas) dirixida ao alumnado dos centros educativos e outra nocturna (21 horas) de acceso libre.

Ademais, o mércores 17 de abril proxectarase a película “Pollock” (biopic do coñecido artista estadounidense). Este filme antóllase como un complemento ideal á exposición “3237 días” de Fernando Yáñez que se inaugura mañá venres (20.30 horas). Ao igual que no caso do Ciclo Español en Ruta, haberá unha sesión ás 10.30 horas para os centros escolares e outra ás 21 horas de acceso libre.

Xoves Literarios, en breve

Por outra banda, cómpre informar de que dende a Concellería de Educación e o Servizo de Normalización Lingüística de Ribeira se está ultimando unha nova edición do programa “Xoves Literarios”, ao abeiro da grande aceptación lograda por esta iniciativa (consistente en charlas sobre literatura a cargo de recoñecidos autores galegos) que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano. O seu programa será dado a coñecer proximamente.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: as vindeiras actividades no Liceo Marítimo serán un obradoiro para deixar de fumar e unhas xornadas sobre enerxías renovables

  • O obradoiro sobre tabaquismo será o venres 12 de abril. É de balde pero precísase inscrición.
  • As xornadas sobre enerxías renovables, dentro do Día Solar Europeo, son o venres 3 de maio. É de balde, sen inscrición.


Nunca é tarde para deixar de fumar

Ribeira, 21 de marzo de 2013. O obradoiro de tabaquismo que vai ter lugar o vindeiro venres 12 de abril pola tarde no Liceo Marítimo de Ribeira ten entre os seus obxectivos sensibilizar á poboación xeral sobre os riscos do consumo, a exposición pasiva do tabaco (HAT) e os beneficios do seu abandono así como promover a cesación e informar dos recursos sanitarios dispoñibles para deixar de fumar.
 
 Este obradoiro está aberto a toda a veciñanza da bisbarra de maneira gratuita, previa inscrición. Os ponentes serán María Jesús García Blanco, doutora especialista en tabaquismo pola Universidade de Cantabria e actual responsable do Programa Galego de Promoción de Vida sen Tabaco. Tamén estará Miriam Otero Requeijo, psicóloga e técnica do servizo de trastornos aditivos da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Organiza a Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Xunta de Galicia, en colaboración coa entidade do Liceo Marítimo local.


Enerxías renovables para desenvolvemento sostible


O alcalde, no Día Solar do ano pasado, enriba dunha bicicleta eléctrica

Ademais, o 3 de maio, tamén venres, ás 17:00 horas, haberá unhas xornadas baixo o título "As enerxías renovables, esenciais para o desenvolvemento sostible das poboacións", dentro da sexta edición do Día Solar Europeo, xornada que se celebra en ducias de cidades de Europa entre o 1 e o 19 de maio. Virán varios expertos do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), da empresa viguesa GALISOL e da cambadesa OCV- REISOL. Son xornadas de portas abertas, sen previa necesidade de inscrición.     

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical