20.12.11

Sanidade: SOS Sanidade Pública convoca concentración fronte ao Parlamento galego este mércores 21

Media_httpfarm3static_uerhj

Pilar Farjas é a conselleira de Sanidade do goberno actual da Xunta

Barbanza, 20 de Nadal de 2011. Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública queren facer chegar ao Parlamento de Galicia o  rexeitamento aos recortes e privatizacións dos servizos sanitarios que está levando a cabo o goberno da Xunta de Galicia, algunha de cuxas medidas pretender pór en marcha a través dos Orzamentos da CCAA do ano 2012.

Por este motivo a Plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha concentración
mañá, dia 21 de decembro, ás 5 da tarde diante do Parlamento de Galicia, aos
representantes das Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública e as
organizacións que a integran coincidindo co debate da Lei de Acompañamento
dos orzamentos sanitarios para o próximo ano, diante do Parlamento de
Galicia (para a que se solicitou autorización legal).

Na concentración a Plataforma fará entrega aos parlamentarios dunha bolsa de
supervivencia que deberan levar aqueles enfermos que sexan hospitalizados
nos centros públicos, se sae adiante a estratexia do presidente Núñez Feijóo
de facer pagar os servizos de comida, limpeza, hixiene, etc.

Chamamento aos veciños

Aínda que á mesma están convocados representes das Plataformas para a
Defensa da Sanidade Pública e das organizacións que integran SOS Sanidade
Pública, fan estensivo o chamamento a todos os cidadáns que queiran a
que se engadan á mesma, dado que os recortes e privatizacións afectarán
gravemente a todos os galegos/as e aos residentes nesta autonomía con lingua propia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: Programación Nadal Cultural 2011

  • FESTIVAL DE NADAL: Pandereteiras Aleivosía de Fogo Fatuo e Coral do Liceo Marítimo Rianxeiro

  • DÍA: xoves 22 de decembro
  • HORA: 20.00 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo
  • CONCERTO DE NADAL a cargo da Banda da Escola de Música de Rianxo
    • DÍA: venres 23 de decembro 
    • HORA: 21.00 h
    • LUGAR: Auditorio de Rianxo
    • ENSAIO ABERTO da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares
      • DÍA: xoves 29 de decembo
      • HORA: 21:00 h
      • LUGAR: Auditorio de Rianxo
      • Fallo do xurado e acto de entrega de premios do XXXVII CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES. PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO DO ANO 2011, organizado pola Fundación Pedrón de Ouro coa colaboración do Concello de Rianxo.
        • DÍA: venres 30 de decembro
        • HORA: 20:00 h
        • LUGAR: Auditorio de Rianxo
        • PRESENTACIÓN DO LIBRO "ANACAONA, EL FIN DE UNA RAZA" DE RAMÓN CARREDANO.
          • DÍA: mércores 4 de xaneiro
          • HORA: 20:30 h
          • LUGAR: Auditorio de Rianxo
          Media_httpfarm2static_buhsv

          • VISITA DO APALPADOR E DOS PAXES REAIS E CABALGATA DAS SSMM OS REISES MAGOS DE ORIENTE

          Aproveitamos para informare que os vindeiros días 3 e 4 de xaneiro chegará a visita do Apalpador -tamén lle chaman Pandigueiro noutras bisbarras- e dos Paxes Reais, que estarán por todo o Concello para que os nenos e nenas poidan entregárllelas súas peticións. A tarde do martes 3 visitarán as parroquias de Taragoña, Araño e Asados, e a tarde do mércores 4 as parroquias de Isorna, Leiro e Rianxo. Poderán así ir templando nervios e preparándose para recibir as Súas Maxestades Os Reises Magos de Oriente, que chegarán a Rianxo o vindeiro 5 de xaneiro para realizar a súa ofrenda ante o Belén Vivinte e saudar ós nenos e nenas rianxeiros.


          Para  máis información poden consultar a web do concello www.rianxo.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Concello restaura patrimonio tradicional en Teaio e Reboiras

Limpou e acondicionou o lavadoiro de Reboiras, adecentou os arredores do cruceiro de Teaio e, xa fóra do patrimonio, instalou unha marquesina en Pexegueiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Concello organiza "Concilia no Nadal", con obradoiros para nenas e nenos

Lousame e Noia: contan con ter rematada a conexión co corredor Brión-Noia coa estrada AC-543 nos primeiros seis meses de 2012

  • O conselleiro de Infraestruturas, que visitou as obras con cargos do PP, salienta que este vial de nova construción dará servizo ao sur de Noia e á zona de Lousame
  • As obras atópanse ao 20% de execución cos movementos de terra practicamente rematados e van custarnos aos galegos case dous millóns de euros

Lousame, 20 de Nadal de 2011.- A Xunta de Galicia traballa co obxectivo de abrir ao tráfico no primeiro semestre de 2012 o novo vial de conexión da Vía de Altas Prestacións Brión-Noia coa estrada AC-543, en Sampaio. Así o puxo de manifesto esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen supervisou, xunto ao alcalde de Lousame, do PP, e o concelleiro do PP de Noia Antonio Pérez Ínsua, as obras de construción desta infraestrutura, actuación que se iniciou en xuño deste ano, e que na actualidade se atopa ao 20% de execución, cos movementos de terras practicamente rematados. O investimento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nesta actuación ascende a 1,8 millóns de euros.

A obra visitada consiste na construción dunha vía que arranca na glorieta pertencente ao enlace de Sampaio e, dende dito punto, e ao longo de 500 metros, descende ata a AC-543, onde se deseña unha glorieta circular. Este vial de nova construción dará servizo ao sur de Noia e á zona de Lousame.

Características técnicas
O tronco desta conexión terá tres carrís de 3,5 metros cada un, dúas beiravías de 1,5 metros e dúas bermas de 0,75 metros cada unha. Pola súa banda a sección da glorieta componse de dous carrís de 4 metros cada un; dúas beiravías, unha interior e outra exterior, ambas dun metro; e dúas bermas de 0,75 m. A velocidade de proxecto é de 60 km/h e a rampla máxima do 7 %.

Para levar a cabo estas obras necesitarase facer unha escavación e desmonte de 87.504 metros cúbicos e un terraplén ou pedraplén de máis de 33.600 m3; empregaranse case 5.000 m3 de formigón e máis de 101.600 quilos de aceiro.

Por outra parte, realizarase a ordenación ecolóxica estética e paisaxística da zona, o drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización e balizamento.

Obxectivos
O Goberno galego, coa posta en marcha desta obra, pretende desconxestionar este núcleo de poboación dun tráfico abundante de vehículos, así mesmo conseguirase finalmente reducir os tempos de percorrido. Ademais, incrementará a capacidade vertebradora da VAC Brión-Noia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Centro de Información á Muller estrea a vindeira semana un servizo de teletradución en 51 idiomas

Cim_corua

  • Ofrecido sen custe -para o Concello, pero pagado polo contribuínte- pola Secretaría Xeral da Igualdade, mellorará a atención ás mulleres e ás vítimas de violencia de xénero estranxeiras
  • Entre as súas vantaxes está a doada comunicación verbal, que resulta determinante nos casos de consulta por situacións de violencia

Boiro, 20 de decembro de 2011.- Dezanove Centros de Información á Muller da provincia da Coruña van incorporar un servizo de teletradución para mellorar a atención das mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade. Trátase dos CIMs de A Coruña, Arteixo, Culleredo, Santiago, Padrón, Teo, Mancomunidade de Ordes, Negreira, Ferrol, Ares, Cee, Muxía, Laracha, Outes, Zas, Boiro, Melide, Coirós e Curtis, que contarán cun novidoso sistema de teletradución a 51 idiomas.

O servizo entrará en funcionamento a vindeira semana, ao abeiro dos convenios de colaboración entre Igualdade e os respectivos concellos asinados esta mañá na Delegación da Xunta de Galicia na Coruña, nun acto ao que asistiron a titular de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e representantes dos concellos implicados na iniciativa.

Tras acreditar a utilidade da teletradución aplicada ao Teléfono de Información á Muller durante un ano, Igualdade decidiu facela extensiva á rede de CIMs de Galicia, ás casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido, ás que se comunicou o pasado mes de setembro a posibilidade de adherirse sen custe algún.

En resposta a este ofrecemento da Administración autonómica, un total de 45 CIMs das catro provincias manifestaron ata o de agora o seu interese en adherirse ao sistema, que sigue aberto para os que no futuro desexen incorporarse.


Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero

As novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua. A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantanxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, estas mulleres terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefonicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.

Durante o seu primeiro ano de funcionamento no Teléfono de Información á Muller de Galicia os idiomas máis demandados foron o romanés, o chinés e o árabe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: reinaugurado o Cemit da localidade tras unhas obras de mellora

  • O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, asistiu ao acto xunto co alcalde do PP
  • A mellora consistiu na dotación de novo mobiliario, a renovación do equipamento informático, a instalación de equipamento audiovisual complementario e un sistema profesional de videoconferencia. Gastaron 33.000 euros do contribuínte
  • Preto de 400 persoas pasaron xa pola aula CEMIT de Boiro, que no ano 2011 acolleu 18 eventos relacionados coa alfabetización dixital e diversos cursos multimedia e audiovisuais que puideron ser seguidos a través de videoconferencia

Boiro, 20 de decembro de 2011.- O secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, inaugurou esta mañá as obras de mellora que se desenvolveron na aula CeMIT de Boiro e nas que o Goberno galego investiu arredor de 33.000 euros.

En concreto, leváronse a cabo actuacións de actualización desta aula –anterior ao ano 2005-, mediante a instalación de novo mobiliario (mesa do profesorado e cadeiras); da renovación do equipamento informático (con 12 novos PCs e pantallas); a instalación de equipamento audiovisual complementario do existente; así como a instalación dun sistema profesional de videoconferencia.

Segundo resaltou Alfonso Cabaleiro na súa intervención, esta actuación enmárcase no programa de actualización de aulas existentes na rede CeMIT que a Secretaría Xeral de Medios está a desenvolver durante o ano 2011 co fin de adecualas aos estándares empregados nas aulas de nova creación.

O secretario xeral de Medios lembrou, ademais, que a rede CeMIT constitúe un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns en igualdade de condicións, unha rede, dixo, que na actualidade está presente en 92 concellos e conta con 98 aulas.

Respecto á aula boirense, Alfonso Cabaleiro lembrou que preto de 400 persoas pasaron xa por esta aula formativa na que, ao longo de 2011, se impartiron un total de 18 eventos relacionados coa alfabetización dixital, así como diversos cursos multimedia e audiovisual que puideron ser seguidos a través de videoconferencia. En total, segundo destacou, impartíronse arredor de 290 horas formativas que acadaron unha ocupación de 107 días laborables. E iso, sen contar coa realización doutras actividades e xornadas realizadas por entidades externas ou o seu uso como aula aberta para darlle a posibilidade aos interesados de manexar o ordenador e efectuar consultas e trámites a través de internet.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: ata este venres 23 para mandar artigos trangalleiros a La Vos de Jalisia

Vos Jalisia 2010.pdf Download this file

Ribeira, 20 de Nadal de 2011. Todos os dorneiros e dorneiras con folghos para escribir un bo artigo ou alomenos divertido están convidados a participar na publicación La Vos de Jalisia, que cada ano invade Ribeira o 28 de Nadal, día dos Inocentes -agora os do 15M tamén lle chaman Día dos Votantes-. Esta edición faise en tono surrealista e está chea de bo humor, dende a retranca máis fina ata o esbardalle máis forte, pasando polos que alanghrean coa aghulla de marear.


Todos os artigos deberán enviarse ao correo de contacto da cofradía: real-e-ilustre@cofradiadadorna.com ata este venres 23 de decembro e todos os que entren na liña habitual da publicasión formarán parte, coma sempre, anonimamente, da edición deste ano 2011, segundo informou, atentamente -faltaría máis!- Arturo González Mariño, presidente en funcións da R.e I. Cofradía da Dorna

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a Ong Contacto e a asociación cultural Borobó entregan xoguetes o xoves 22

Media_httpfarm7static_uicjh

Boiro, 20 de Nadal de 2011. A asociación cultural Borobó xunto coa ONGD Contacto farán entrega dos xoguetes doados polos asistentes ao concerto solidario “Xoguetes X Música” organizado por estas entidades o pasado venres 9 de decembro. O acto terá lugar o vindeiro xoves 22 de decembro na sede de Contacto (os antigos xulgados de Boiro), ás 20:00 horas.


A asociación cultural Borobó aproveita para desexar a todo o mundo unhas Felices Festas e un Próspero Ano 2012.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello paga o xantar de Nadal a uns 150 pobres este domingo

    Será no restaurante La Cascada do Camping Ría de Arosa 2 este domingo 25

     

Ribeira, 20 de decembro de 2011- Entre 140 e 150 veciños e veciñas sen recursos deste municipio terán a oportunidade de poder compartir a tradicional comida de Nadal do 25 de decembro. Así o explicou hoxe o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio, que indicou que esta acción está dirixida a aquelas persoas en extrema soidade, que se atopan en risco de exclusión social ou nunha posición de precariedade económica. 

Á Mariño de Bricio acompañábao María Francisca Vidal, xefa de servizo do Departamento de Servizos Sociais, e Anxo Rodríguez, xerente do restaurante La Cascada do Camping Ría de Arosa 2, que é a entidade que tivo a iniciativa de realizar esta comida que recibiu a colaboración o Concello (a través de Servizos Sociais e Drogodependencias), Cáritas, Cruz Bermella, Eloraj e Frinsa. 

Vicente Mariño agradeceu a La Cascada que tivese a idea de organizar este evento dados os tempos de crise que se están dar e manifestou que dende a Concello se está a colaborar en distintos apartados, como a confección do menú ou a axuda de membros de Protección Civil. Informou de que todos aqueles que se encontren nalgunha das condicións descritas anteriormente e que queiran tomar parte na comida de Nadal poden obter os correspondentes tiquets nas dependencias de Servizos Sociais, situadas na praza 8 de marzo. Haberá servizo de autobús que partirá da estación de Santa Uxía. 

Ademais do menú  (formado por entremeses, langostinos, carne asada, doces e bebidas varias, a ambientado coas tradicionais panxoliñas) os comensais recibirán un lote de conservas por cortesía da empresa Frinsa. Por outra parte, no caso de que non se empregase toda a comida dispoñible durante o xantar, a parte excedente será repartida tamén entre os usuarios. Os nenos e nenas tamén recibirán xoguetes. 

Anxo Rodríguez explicou que a iniciativa xurdiu polas difíciles circunstancias socioeconómicas que se están a dar na comarca e no municipio e agradeceu ao Concello o ben que se recibiu a idea. 

Pola súa parte, María Francisca Vidal afirmou que dende os Servizos Sociais se está  a dar a máxima difusión posible á iniciativa para que ninguén que o necesite se quede sen a posibilidade de asistir a esta comida.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: pandereteiras "Aleivosía" de Fogo Fatuo e Coral do Liceo Marítimo Rianxeiro celebran o festival de Nadal este xoves 22

Rianxo_festival_nadal_22


  • FESTIVAL DE NADAL: Pandereteiras Aleivosía de Fogo Fatuo e Coral do Liceo Marítimo Rianxeiro

  • DÍA: xoves 22 de decembro
  • HORA: 20.00 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical