Dodro, 29 de maio de 2012. Os maiores de Dodro rematan de chegar dunha viaxe de 5 días a Santander (do 23 ao 27 de maio) organizada pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade que dirixe Marisol Boga. Entre outros lugares visitaron en Asturias a fábrica de sidra “O Gaiteiro”, Villaviciosa, Covadonga, Cangas de Onis y Cudillero.
Xa en Cantabria realizáronse visitas á cidade de Santander, Isla, San Vicente de la Barquera, Santillana del Mar, Comillas, Torrelavega e Suances. Tamén realizaron unha visita guiada ao Parque de Cabárceno do que trouxeron un vídeo personalizado de recordo, e unha visita guiada ás Covas de Altamira onde visitaron a réplica das covas.
Tamén disfrutaron de dúas noites de cea-baile e unha de xogos. Os participantes quedaron moi satisfeitos coa viaxe e xa solicitaron á concelleira máis e novos destinos. A concellería valora estas saídas e retoma así as viaxes lúdicas de varios días para os maiores que se deixaran de realizar nos últimos anos.
FALAREDES
O pasado xoves, 24 de maio, preto de 20 escolares do Concello de Dodro, de idades entre os 6 e os 12 anos subíronse a caravana do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Linguística, convertida en cine itinerante, para ver diversas curtametraxes de animación feitas en Galicia e en galego.
A actividade foi presentada pola Concelleira de Cultura do Concello de Dodro, Cristina Codesido Fernández, e ten por obxecto a promoción do uso da lingua galega entre a infancia e desde o tempo de lecer, empregando como recurso as novas tecnoloxías e máis en concreto, o cine.Entre as 5 e as 8 da tarde, as nenas e nenos participantes achegáronse á caravana situada na explanada do pavillón polideportivo do Concello, visionaron diferentes filmes, realizaron actividades de comprensión sobre os mesmos e posteriormente elaboraron un conto orixinal que converteron en curtametraxe grazas á técnica do video-matón. O final da tarde as familias das/os participantes disfrutaron da película que resultou destas gravacións e que xa se pode consultar en internet, no canal de Youtube Galego de Cine.A caravana de FalaRedes está a percorrer outras vilas galegas pertencentes a Rede de Dinamización Lingüística, cando finalice esta viaxe farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego que foron gravados en vídeo e naceron grazas a esta actividade; as persoas gañadoras recibirán o libro-DVD O soldadiño de Chumbo. DEPENDENTES A DOMICILIO
Tamén o 24 de maio fíxose entrega dos diplomas do curso formativo “Mantemento e rehabilitación psicosocial das persoas dependentes no domicilio”, o segundo dos cursos que, subvencionados pola Deputación Provincial de A Coruña, organizou o Concello de Dodro na súa aposta pola formación contínua das persoas coidadoras.
O primeiro, que se levara a cabo en datas anteriores e consecutivas, versara sobre a “Administración de alimentos e tratamentos no domicilio”, acadando en total ambos cursos as 80 horas de formación. Entre aplausos, as 30 persoas asistentes recibiron de mans do alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, o diploma que acredita a súa participación.
Organizadores, ponentes e participantes coincidiron na necesidade de seguir promocionando actividades formativas, nun horario adaptado á conciliación da vida laboral e doméstica do alumnado, para “medrar en calidade nos coidados das persoas dependentes ao noso cargo, non so dándolles as atencións físicas que necesitan, senón aprendendo maneiras de que teñan de novo as habilidades perdidas, para que elas e nós nos sintamos mellor”.
A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro, que dirixe Marisol Boga, ten entre os seus obxectivos fundamentais o desenvolvemento dun programa de atención ás persoas maiores dependentes e ás persoas coidadoras, con actividades como estes cursos pero tamén outras de atención domiciliaria e respiro familiar que están tendo moi boa acollida.
Antes, en Certo:
Queixas: sobre o curso de informática
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia