10.12.10

Atletismo: o IV Memorial Pepe Buceta será o domingo 19 de decembro en Boiro


Tamén coñecida como carreira popular "Mar de Boiro". Está adicada a Pepe Buceta porque foi un dos seus principais impulsores e tivo a desgraza de falecer logo da segunda edición.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alpinista patrocinado polo Concello atacará a cima do Aconcagua o 13 ou 14 de decembro

Andrés Villar coa patrulla de rescate do Aconcagua

Ribeira, 10 de decembro de 2010. Se reza, non sabemos se Andrés Villar lle terá que rogar a Santa Lucía (13 de decembro, este luns) ou a San Juan de la Cruz (martes 14). Un deses dous días intentará a subida á cima do Aconcagua. Con 6.962 metros de altura, é o monte máis alto do continente americano. O expedicionario, nado en Noia, estima que o luns ou o martes da próxima semana poderá executar a escalada ata o máis alto do monte, levando consigo a bandeira de Ribeira, dado que o reto está patrocinado por este Concello. 

Actualmente atópase no campamento base de Plaza de Mulas, a 4.300 metros de altitude, agardando a que cambie a meteoroloxía. Neste sentido, o escalador informa de que o temporal de vento reinante está causando problemas a todas as expedicións situadas na zona, moitas das cales tiveron que abandonar as súas tentativas de chegar a cima. De feito, segundo indica Villar Murillo, a patrulla de rescate tivo que efectuar varias intervencións nestes últimos días por problemas de conxelación. Actualmente a cima do monte está a uns 40 grados baixo cero e con ventos de 100 quilómetros por hora. 

Tamén comenta que a expedición que el lidera fixo un ascenso a 5.500 metros para instalar o campo 2, pero que a forza do vento non permitiu deixalo colocado. Mañá sábado volverá a intentar a súa instalación para así o domingo poder durmir neste segundo campamento e aclimatarse antes do ataque definitivo. 

Aburridos

Mentres agarda no campamento base, Andrés Villar inviste o seu tempo en intercambiar impresións con outras expedicións e coa patrulla de rescate. Comenta que tanto el como o seu equipo se atopan ben fisicamente e ben aclimatados, aínda que un pouco aburridos, xa que o vento imperante fai case imposible permanecer fóra da tenda de campaña. Neste momento, hai unhas 30 expedicións desprazadas dende todo o planeta agardando a que cambien as circunstancias meteorolóxicas: algo previsto para o inicio da semana entrante.


Antes publicamos:


Reto: o Concello patrocina a escalada de Villar ao Aconcagua

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: O Faiado 2 programa o martes 14 unha charla e unha mostra sobre o cinema


Imaxe dunha exposición de Manuel e Olaia Sendón sobre a desaparición dos cines galegos

Boiro, 10 de decembro de 2010. A asociación O FAIADO 2 organiza o vindeiro martes, 14 de decembro, unha charla multimedia titulada "Historias do Cine: Regreso ao presente", a cargo do xornalista Suso Souto Rodríguez. Logo inaugurarase unha mostra de fotos titulada "Cines do Barbanza".

Suso Souto, nunha imaxe no seu Facebook

A charla vai ser ás oito da tarde no centro social de Boiro e, a continuación, os asistentes desprazaranse ata o local de O Faiado 2 para dar paso á inauguración da mostra. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentada a programación cultural de Nadal

Ribeira: a Cadeira In-Visible lucirá no Foro 2010 Compostela e quedará instalada na facultade de Xornalismo

Ribeira, 10 de decembro de 2010. Esta mañá presentouse en Ribeira a obra "Cadeira In-Visible", producida polo Taller de Arte Insólita da asociación Ámbar, co gallo da celebración do Foro 2010 Compostela a prol da Paz.

"Cadeira In-Visible"

Facultade de Xornalismo de Santiago

Esta obra está concibida para a súa exposición durante o FORO 2010 Compostela, e quedará instalada na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Situarase na galería de acceso ao salón onde se realizan os plenarios do FORUM mundial. Forma parte das actividades promovidas polo Instituto de Paz, Dereitos Humanos e Vida Independente (IPADEVI), dende onde xurdiu o convite, para que AMBAR tome parte no FORUM.

Ironía

A obra é un exercicio de retórica simbólica, unha ironía, que consiste en expoñer fisicamente o contrario do que se di, ocupando o espazo cun discurso contraposto á pertinaz realidade da invisibilidade das persoas con diversidade funcional na cotianidade dos nosos rúas e lugares de concorrencia pública. Exprésase en-visible, é dicir, o contrario de non-visible.

Mediante esta peza realízase un xogo de simulación coa forma dun obxecto recoñecible, ao que se conceden novas propiedades, como son o seu extraordinario tamaño e o seu desusado e rechamante colorido, para situalo nun espazo de tránsito cotián onde o observador pode establecer un diálogo entre as dimensións da "cadeira" e as do seu propio corpo. Pero, observador e peza comparten unha mesma dimensión de identidade, ambos os dous poden ser recoñecidos a través da noción de precariedade, tanto dos materiais como da estrutura (do humano e da cadeira).

Esta obra, como outras, está producida no TALLER DE ARTE INSÓLITO (TAI), que dende 2005 funciona en AMBAR e realiza pezas, instalacións e intervencións de diversa especie.

As obras do TAI son ideadas, proxectadas, elaboradas, instaladas e expostas por xente de AMBAR, ás veces en compañía de grupos ou persoas colaboradoras. Son pezas que xorden da experiencia e o labor de persoas con diversidade funcional que cooperan con outras persoas sen diversidade funcional.

A vía metodolóxica que percorren todas as obras é simple: unha idea orixinal que vai pasando a través das percepcións e habilidades dunha variedade de intervintes, que participan no seu desenvolvemento e consumación. Mediante un proceso de re-interpretación e aplicación directa do libre albedrío e das sensibilidades artísticas innatas en cada un dos participantes, a obra vai asumindo as características e matices que van dar lugar á súa solución final, achegándolle a súa singularidade e carácter, en certa medida emancipada das percepcións e resolucións individuais, para ser unha auténtica obra comunal.

Nesta ocasión, explican en Ámbar, contan coa colaboración da empresa Cartogal, quen achegou materiais para a realización desta obra e da maqueta previa. Tamén agradecen a Julián e Tomás "a súa espléndida disposición". Unha vez concluído o FORUM, a obra poderá reutilizarse como icona para a demanda de accesibilidade e de inclusión na comunidade.

Traxectoria do TAI

O Taller de Arte Insólita realizou durante os pasados anos as seguintes obras:

    * A Gaiola (imaxes, vídeos, textos, libro de testemuños). En: Madrid, Valladolid, Barcelona, Santiago.
    * Sete historias (vídeo).
    * Máscaras.
    * Non somos anxos (imaxes, guión). En: Ribeira
    * Calvario (imaxes, vídeos, textos, testemuños). En: Madrid
    * Espiral (imaxes, vídeos, textos). En: Madrid
    * Interferencias vol.2 (vídeo, con participantes de toda España)
    * Pantallazo (imaxes, vídeo, textos). En: Santiago, Ferrol, Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: adxucican mobiliario e equipos tecnolóxicos da nova sede da policía local


Ribeira, 10 de decembro de 2010. A Comisión de Goberno do Concello adxudicou provisionalmente na tarde de onte o mobiliario e os equipos tecnolóxicos con que se dotará a nova sede da Policía Local, último -e derradeiro, agárdase- trámite antes da entrada en funcionamento destas dependencias construídas na zona dos xulgados de Santa Uxía. 

A adxudicación do mobiliario (un concurso ao que se presentaron tres entidades) recaeu en Antonio Freire Brión, por un prezo de 42.595 euros (o prezo de saída era de 47.603 euros). A relación de mobiliario a subministrar está constituído por case 150 mobles de todo tipo (dende mesas de distintas medidas ata estanterías, armarios, cadeiras, percheiros ou lámpadas), que estarán destinados aos distintos espazos en que se distribúe a sede: vestíbulo, recepción, sala de interrogatorios, sala de arquivos, calabozos, almacén, despacho principal, oficina de mandos intermedios, sala de policías, sala de reunións e vestiarios. O prazo de entrega do mobiliario é dun mes a partir da sinatura do contrato. 

Polo que respecta aos equipos tecnolóxicos, estes están formados por todos os elementos técnicos necesarios para facer funcionar unha estación repetidora, unha estación base DMR, unha estación móbil DMR e unha estación portátil DMR, ademais de equipos de xestión e localización. O concurso foi adxudicado á empresa Veicar por un prezo de 35.356 euros. Presentáronse catro empresas e o prezo de saída era de 51.422 euros. O prazo de entrega é de 30 días dende a firma do contrato. 

Este era o último requisito antes do traslado dos efectivos da policía local ribeirense dende a Casa do Concello ata a nova sede, que conta cunha superficie de 1.074,24 metros cadrados. 

Antes publicamos:

A nova sede da policía local entrará en funcionamento no primeiro trimestre de 2010

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: instalado un novo parque biosaudable no paseo marítimo

A Pobra: presentan o proxecto de melloras no mercado municipal, que financiará a Deputación con case 60.000 euros

Opinión: "Comezo a estar farto", por Javier Gómez González, presidente de "Flor de Toxo"


Esta mañá lin un xornal dixital da Dirección Xeral de Xuventude no que se falaba dun novo colectivo en Dumbría ao cal se lle financiara algún proxecto por parte da administración galega. Busco en internet información sobre esa entidade e o único que atopo é un artigo de La Voz de Galicia, na que dalgún xeito se di que é un colectivo xuvenil creado e apoiado polo PP.
Non sei se é certo ou non, pero ás veces un comeza a estar farto e énchese de ver que hai certas asociacións cuxas subvencións pasan dos 6000 euros aos 0 euros dependendo do partido que ostente o poder.
Empezo a estar farto de ver como hai asociacións nalgúns municipios que dispoñen de locais cedidos polo concello por ter unha ideoloxía política común á do grupo de goberno.
Empezo a estar farto de que existan asociacións que xogan en primeira división e outras que xogamos en terceira rexional. E, o que máis me fai rabear, é ver como os políticos venden a moto en roldas de prensa dicindo que están para apoiar o asociacionismo.
Estas prácticas son comúns tanto co PP, PSOE e BNG. E sucede de igual xeito en Xunta, Deputacións e concellos.
A finais do ano 2009 naceu a asociación que presido, colectivo formado por un grupo de mozos de Ribeira de entre 17 e 20 anos que pretendían ofrecer actividades culturais e xuvenís no seu municipio. É un proxecto que xurdiu da nada e sen axuda de ninguén e que, despois dun ano de percorrido, está na bancarrota debido a que non se nos deu nin un mísero euro, agás o concello, para un festival de música, no cal destinabamos o 100% da entrada a unha ong local.

Señores políticos, dígolles unha cousa: debe ser ben certo iso de que en Galicia o que non ten padriño non casa, pero goberne quen goberne, Flor de Toxo non se vende.


Francisco Javier Gómez González
Presidente da Asociación Flor de Toxo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical