10.12.10

Ribeira: a Cadeira In-Visible lucirá no Foro 2010 Compostela e quedará instalada na facultade de Xornalismo

Ribeira, 10 de decembro de 2010. Esta mañá presentouse en Ribeira a obra "Cadeira In-Visible", producida polo Taller de Arte Insólita da asociación Ámbar, co gallo da celebración do Foro 2010 Compostela a prol da Paz.

"Cadeira In-Visible"

Facultade de Xornalismo de Santiago

Esta obra está concibida para a súa exposición durante o FORO 2010 Compostela, e quedará instalada na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Situarase na galería de acceso ao salón onde se realizan os plenarios do FORUM mundial. Forma parte das actividades promovidas polo Instituto de Paz, Dereitos Humanos e Vida Independente (IPADEVI), dende onde xurdiu o convite, para que AMBAR tome parte no FORUM.

Ironía

A obra é un exercicio de retórica simbólica, unha ironía, que consiste en expoñer fisicamente o contrario do que se di, ocupando o espazo cun discurso contraposto á pertinaz realidade da invisibilidade das persoas con diversidade funcional na cotianidade dos nosos rúas e lugares de concorrencia pública. Exprésase en-visible, é dicir, o contrario de non-visible.

Mediante esta peza realízase un xogo de simulación coa forma dun obxecto recoñecible, ao que se conceden novas propiedades, como son o seu extraordinario tamaño e o seu desusado e rechamante colorido, para situalo nun espazo de tránsito cotián onde o observador pode establecer un diálogo entre as dimensións da "cadeira" e as do seu propio corpo. Pero, observador e peza comparten unha mesma dimensión de identidade, ambos os dous poden ser recoñecidos a través da noción de precariedade, tanto dos materiais como da estrutura (do humano e da cadeira).

Esta obra, como outras, está producida no TALLER DE ARTE INSÓLITO (TAI), que dende 2005 funciona en AMBAR e realiza pezas, instalacións e intervencións de diversa especie.

As obras do TAI son ideadas, proxectadas, elaboradas, instaladas e expostas por xente de AMBAR, ás veces en compañía de grupos ou persoas colaboradoras. Son pezas que xorden da experiencia e o labor de persoas con diversidade funcional que cooperan con outras persoas sen diversidade funcional.

A vía metodolóxica que percorren todas as obras é simple: unha idea orixinal que vai pasando a través das percepcións e habilidades dunha variedade de intervintes, que participan no seu desenvolvemento e consumación. Mediante un proceso de re-interpretación e aplicación directa do libre albedrío e das sensibilidades artísticas innatas en cada un dos participantes, a obra vai asumindo as características e matices que van dar lugar á súa solución final, achegándolle a súa singularidade e carácter, en certa medida emancipada das percepcións e resolucións individuais, para ser unha auténtica obra comunal.

Nesta ocasión, explican en Ámbar, contan coa colaboración da empresa Cartogal, quen achegou materiais para a realización desta obra e da maqueta previa. Tamén agradecen a Julián e Tomás "a súa espléndida disposición". Unha vez concluído o FORUM, a obra poderá reutilizarse como icona para a demanda de accesibilidade e de inclusión na comunidade.

Traxectoria do TAI

O Taller de Arte Insólita realizou durante os pasados anos as seguintes obras:

    * A Gaiola (imaxes, vídeos, textos, libro de testemuños). En: Madrid, Valladolid, Barcelona, Santiago.
    * Sete historias (vídeo).
    * Máscaras.
    * Non somos anxos (imaxes, guión). En: Ribeira
    * Calvario (imaxes, vídeos, textos, testemuños). En: Madrid
    * Espiral (imaxes, vídeos, textos). En: Madrid
    * Interferencias vol.2 (vídeo, con participantes de toda España)
    * Pantallazo (imaxes, vídeo, textos). En: Santiago, Ferrol, Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical