Ribeira, 10 de decembro de 2010. A Comisión de Goberno do Concello adxudicou provisionalmente na tarde de onte o mobiliario e os equipos tecnolóxicos con que se dotará a nova sede da Policía Local, último -e derradeiro, agárdase- trámite antes da entrada en funcionamento destas dependencias construídas na zona dos xulgados de Santa Uxía.
A adxudicación do mobiliario (un concurso ao que se presentaron tres entidades) recaeu en Antonio Freire Brión, por un prezo de 42.595 euros (o prezo de saída era de 47.603 euros). A relación de mobiliario a subministrar está constituído por case 150 mobles de todo tipo (dende mesas de distintas medidas ata estanterías, armarios, cadeiras, percheiros ou lámpadas), que estarán destinados aos distintos espazos en que se distribúe a sede: vestíbulo, recepción, sala de interrogatorios, sala de arquivos, calabozos, almacén, despacho principal, oficina de mandos intermedios, sala de policías, sala de reunións e vestiarios. O prazo de entrega do mobiliario é dun mes a partir da sinatura do contrato.
Polo que respecta aos equipos tecnolóxicos, estes están formados por todos os elementos técnicos necesarios para facer funcionar unha estación repetidora, unha estación base DMR, unha estación móbil DMR e unha estación portátil DMR, ademais de equipos de xestión e localización. O concurso foi adxudicado á empresa Veicar por un prezo de 35.356 euros. Presentáronse catro empresas e o prezo de saída era de 51.422 euros. O prazo de entrega é de 30 días dende a firma do contrato.
Este era o último requisito antes do traslado dos efectivos da policía local ribeirense dende a Casa do Concello ata a nova sede, que conta cunha superficie de 1.074,24 metros cadrados.
Antes publicamos:
A nova sede da policía local entrará en funcionamento no primeiro trimestre de 2010
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario