30.7.11

Noia: unanimidade no pleno para ceder unha parcela ao IGVS, na que deben construír vivendas de promoción pública

Claustro_concello_noia

  • Está no barrio de San Lázaro e ocupa 660 metros cadrados
  • Poderanse facer baixo e catro alturas, con planta baixo cuberta
  • Deben estar feitas ou comezadas as obras antes de cinco anos. E deben seguir como vivendas de protección pública durante 30 anos

Noia, 30 de xullo de 2011. O Pleno ordinario do Concello de Noia, aprobou onte venres, día 29 de xullo, a cesión gratuíta dunha parcela de titularidade municipal ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, a fin de que este organismo autónomo constrúa na mesma vivendas de promoción pública.

         A parcela en cuestión ubícase no barrio de San Lázaro, dentro do ámbito da unidade de actuación número 3 e conta coas seguintes características:

    * superficie da parcela: 660 m2
    * ocupación: 561 m2
    * edificabilidade: 3.597 m2
    * valoración: 776.952,00 euros
    * tipo de solo: urbano intensivo
    * alturas: planta baixa+4 alturas+planta baixo cuberta

A cesión en cuestión está sometida, entre outras, ás seguintes condicións:

   1. Que os fins para os cales se cede se cumpran no prazo máximo de cinco anos.
   2. Que o seu destino se manteña durante os trinta anos seguintes.
   3. Se transcorridos un ou outro prazo non se cumpriran as anteriores condicións o ben de referencia revertería automaticamente de pleno dereito ao patrimonio deste municipio coas súas pertenenzas a accesións.
   4. Considerando o disposto no artigo 23 do Decreto 253/2007, do 13 de febreiro, de réxime xurídico do solo das edificacións promovidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo a entrega ao Concello de Noia polo IGVS, mediante cesións gratuíta, do 10% das parcelas resultantes ou da superficie útil construída.

Vivendas de promoción pública son aquelas que constrúe de xeito directo a Administración, e logo dun proceso reglado, as adxudica aos seus solicitantes.

Segundo indicou, no transcurso do Pleno, o concelleiro-delegado de Urbanismo, Bieito González, este luns solicitará unha entrevista co presidente do Instituto Galego de Vivenda e Solo a fin de darlle traslado do mentado acordo e encetar o proceso de negociación necesario para que o mesmo se poida materializar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: están a descubrir en Taramancos un vello castro, que podería ter elementos romanos

Media_httpfarm7static_flgfd

Noia, 29 de xullo de 2011. Os primeiros traballos da escavación arqueolóxica que se está a levar a cabo en Taramancos, na zona onde vai ir parte da estrada que levará á nova ponte sobre a Ría de Noia, xa revelan datos ben interesantes.
Media_httpfarm7static_peoxb

O castro está situado a uns 300 metros da Ría de Noia, na zona de Taramancos

Media_httpfarm7static_gesia

Na imaxe superior, os anacos alaranxados correspóndense con restos de tegula romana (tella). Segundo os arqueólogos que alí traballan, podería indicar que un dos estratos temporais atopados en Taramancos é da época romana, aínda que é probable que se superpoñan distintas épocas.
Media_httpfarm7static_izjcr

De confirmarse esta orixe romana -algo aventurado polo de agora, pois están nos inicios dos traballos e teñen para dúas semanas máis polo menos- tería moita importancia histórica para un municipio como Noia, na que apenas se atopan vestixios de orixe romana no casco chamado histórico. Case non se recollen nos escritores romanos Plinio, Pomponio Mela ou Antonino referencia algunha a Noia: os únicos recollidos nas últimas investigacións realizadas ao respecto refírense a uns pequenos restos de cerámica de orixe romana durante a rehabilitación dun edificio en Montero Ríos (a antiga drogueria de Molina), e algún resto menor na rehabilitación do edificio de Caixagalicia na Porta da Vila.

Media_httpfarm7static_cejva

O eclesiástico, arqueólogo e historiador noiés Eladio Oviedo Arce referiuse no seu día a  importantes restos de orixe romana na Barquiña, pero non semella moi acreditado, e incluso algo esaxerado na súa descrición (Oviedo Arce foi un dos primeiros en liarse a manta á cabeza para declarar a Colón galego, como se pode ler no Boletín da Real Academia Galega).

Media_httpfarm7static_nhwaj

O que tamén resulta moi importante son os depósitos de cunchas aparecidos, especialmente  cargados de ostras, berberechos e algo de ameixa, igualiño que noutros castros da contorna, como o de Neixón en Boiro ou o de Baroña en Porto do Son. Hai algunhas estruturas que están a chamar moito a atención aos arqueólogos, e non sería de estranar que nos desen unha grata sorpresa este verán.
Media_httpfarm7static_skeix

Media_httpfarm7static_rgadg

Media_httpfarm7static_edqzx

De todos xeitos, os arqueólogos están a comunicar os seus descubrementos á Dirección Xeral de Patrimonio e, se fora un país normal, procuraríase escavar o castro en toda a súa extensión, aínda que houbese que paralizar a obra da ponte sobre a Ría. Se puidemos estar dous milenios sen ela, por uns aniños máis non nos ía pasar nada. Hai unha arqueóloga que está a recabar lendas de Noia e en Taramancos escoitoulle a un par de vellas unha cantadela na que se fala dunha cidade asulagada na que se agocharía ouro para o que a conseguise desencantar. E ese desencantador tamén acadaría o posto de rei. Coincidencias? Lean a serie  "Tras o ouro dos mouros" de Capítulo 0, do xornalista e afeccionado avanzado á arqueoloxía Manuel Gago, e logo boten contas. Pode que unha das partes máis interesantes da nosa historia, da historia de Galicia, estea aínda por contar.  

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical