Noia, 29 de xullo de 2011. Os primeiros traballos da escavación arqueolóxica que se está a levar a cabo en Taramancos, na zona onde vai ir parte da estrada que levará á nova ponte sobre a Ría de Noia, xa revelan datos ben interesantes.
O castro está situado a uns 300 metros da Ría de Noia, na zona de Taramancos
Na imaxe superior, os anacos alaranxados correspóndense con restos de tegula romana (tella). Segundo os arqueólogos que alí traballan, podería indicar que un dos estratos temporais atopados en Taramancos é da época romana, aínda que é probable que se superpoñan distintas épocas.
De confirmarse esta orixe romana -algo aventurado polo de agora, pois están nos inicios dos traballos e teñen para dúas semanas máis polo menos- tería moita importancia histórica para un municipio como Noia, na que apenas se atopan vestixios de orixe romana no casco chamado histórico. Case non se recollen nos escritores romanos Plinio, Pomponio Mela ou Antonino referencia algunha a Noia: os únicos recollidos nas últimas investigacións realizadas ao respecto refírense a uns pequenos restos de cerámica de orixe romana durante a rehabilitación dun edificio en Montero Ríos (a antiga drogueria de Molina), e algún resto menor na rehabilitación do edificio de Caixagalicia na Porta da Vila.
O eclesiástico, arqueólogo e historiador noiés Eladio Oviedo Arce referiuse no seu día a importantes restos de orixe romana na Barquiña, pero non semella moi acreditado, e incluso algo esaxerado na súa descrición (Oviedo Arce foi un dos primeiros en liarse a manta á cabeza para declarar a Colón galego, como se pode ler no Boletín da Real Academia Galega).
O que tamén resulta moi importante son os depósitos de cunchas aparecidos, especialmente cargados de ostras, berberechos e algo de ameixa, igualiño que noutros castros da contorna, como o de Neixón en Boiro ou o de Baroña en Porto do Son. Hai algunhas estruturas que están a chamar moito a atención aos arqueólogos, e non sería de estranar que nos desen unha grata sorpresa este verán.
De todos xeitos, os arqueólogos están a comunicar os seus descubrementos á Dirección Xeral de Patrimonio e, se fora un país normal, procuraríase escavar o castro en toda a súa extensión, aínda que houbese que paralizar a obra da ponte sobre a Ría. Se puidemos estar dous milenios sen ela, por uns aniños máis non nos ía pasar nada. Hai unha arqueóloga que está a recabar lendas de Noia e en Taramancos escoitoulle a un par de vellas unha cantadela na que se fala dunha cidade asulagada na que se agocharía ouro para o que a conseguise desencantar. E ese desencantador tamén acadaría o posto de rei. Coincidencias? Lean a serie "Tras o ouro dos mouros" de Capítulo 0, do xornalista e afeccionado avanzado á arqueoloxía Manuel Gago, e logo boten contas. Pode que unha das partes máis interesantes da nosa historia, da historia de Galicia, estea aínda por contar.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario