12.9.10

Noia: a consellería de Cultura inviste 82.000 euros na rehabilitación da capela de San Antón, en Santa Cristina de Barro

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural prevé rematar en novembro os traballos de recuperación da capela, que contempla actuacións sobre a cuberta, o acondicionamento do entorno e a restauración do peto de ánimas

Noia, 12 de setembro de 2010.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da súa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, investirá un total de 82.000 euros nas obras de recuperación da Capela de San Antón, na parroquia de Santa Cristina de Barro en Noia, que ten a consideración de Ben Inventariado. A finalización da obra está prevista para o mes de novembro tras acometer actuacións de rehabilitación centradas na cuberta, o acondicionamento do entorno e a restauración do peto de ánimas.

De forma detallada, os traballos contemplados no proxecto consisten na demolición dos restos da cuberta existente e a limpeza da vexetación que sobrancea sobre a bóveda. Precísase asemade da execución dunha nova estrutura de madeira na cuberta e, sobre ela, unha nova cuberta. Procédese tamén á limpeza exterior dos muros da capela e á limpeza e pintado dos muros interiores. Nos labores de acondicionamento inclúense a instalación eléctrica de iluminación e, no entorno da capela, a construción dun camiño enlousado de pedra na zona de acceso. Do mesmo xeito, a restauración do peto de ánimas contempla a súa limpeza, reparación e reposición de pezas desaparecidas e a recuperación, na medida do posible, das pinturas sobre o mesmo.

A capela de San Antón de Santa Cristina de Barro, sita no concello de Noia, data do século XI-XII. Desde o punto de vista artístico destaca o seu peto de ánimas, construción de pedra que data de finais do século XIX e principios do XX. Este elemento patrimonial ten a consideración de Ben de Interese Cultural pola súa condición de peto de ánimas de máis de cen anos.

Antes publicamos:

Capela de San Antón: estará arranxada en novembro?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu ao Día Grande das festas da Guadalupe

Rianxo, 12 de setembro de 2010. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro, asistiu esta mañá ao Dia Grande das Festas da Guadalupe de Rianxo.

As festas continúan ata o venres 17.


Festas da Guadalupe: Programa completo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Flor de Toxo" organiza o I Recital de Poesía Galega o sábado 18 de setembro


Ribeira, 12 de setembro de 2010. "A lingua é parte fundamental da cultura dun pobo e patrimonio de especial protección", asegura a Asociación Flor de Toxo, de Ribeira, que no seu afán de potenciar e coidar a cultura galega, organiza para o día 18 de setembro, ás 21:30 no Auditorio Municipal de Ribeira, o I recital de Poesía Galega. Nel, os versos dos máis famosos poetas galegos voltarán á vida a través das gorxas de Luís Pérez, estudante de Filoloxía Galega na USC; Antón Parada Bretal, estudante de Xornalismo e membro do grupo de rap "8 Ferrados", que participou nos anos 2009 e 2010 no Día da Galiza Mártir; Francisco Javier Gómez, actual presidente da Asociación Flor de Toxo e Antonio Piñeiro, directivo de Flor de Toxo.

"Queremos destacar que ningún dos participantes son profesionais, pero non por iso hai que deixar de ter en conta o seu mérito, porque o feito de ser un grupo de mozos que potencia a cultura fainos incluso máis dignos que moitas figuras da literatura", explican os organizadores. Ademais, convidan a toda a poboación da bisbarra a achegarse a esta actividade cultural que parte dunha entidade formada por mozos e mozas do municipio ribeirense.

Relacionada:

Entrevista a Flor de Toxo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical