22.11.11

Rianxo: arranxada a cuberta da lonxa e rematada a reforma do espigón do peirao antigo

Adolfo_muos_portos_galicia


Rianxo, 22 de novembro de 2011.- Portos de Galicia vén de rematar a obra de reparación urxente da cuberta da lonxa de Rianxo, así como a reforma do espigón do peirao antigo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, nunha visita á zona para comprobar os traballos executados polo seu departamento. O organismo portuario investiu máis de 40.000 euros en ambas actuacións.

A reparación da cuberta da lonxa iniciouse o 24 de outubro, como resposta inmediata aos danos producidos polo temporal de choiva e vento desa fin de semana. Os traballos executáronse por vía de urxencia para repoñer a seguridade no edificio e minimizar os riscos para os usuarios do porto.

Portos de Galicia retirou os restos das placas de material metálico que voaron da estrutura da cuberta da lonxa e repuxo as pezas, dunhas dimensións aproximadas de 2,5 metros por 80 centímetros. Tamén se reparou un báculo de iluminación con tres luminarias, que fora levantado naquel trebón. Ambas actuacións requeriron un investimento de 20.000 euros.

Finalmente, Portos de Galicia reparou tamén o espigón do peirao antigo do porto de Rianxo, deteriorado polo paso do tempo e os sucesivos temporais. Esta infraestrutura abriga o peirao antigo, especialmente a zona de mexilloeiros do temporal do oeste e do oeste-norte, os peores neste porto. Reparáronse tamén os pasos de escaleiras, nunha actuación global que supuxo un investimento de 21.984 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcalde reuniuse co novo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana

  • Transmitiulle as principais necesidades dos centros educativos do municipio

Ribeira, 22 de novembro de 2011.- O recentemente nomeado novo xefe territorial de Educación de A Coruña, Indalecio Cabana, acompañado do xefe do Servizo da Unidade Técnica da Consellería, Adolfo Villaverde, acudiu esta mañá a Ribeira para coñecer o estado e posibles carencias dos centros escolares do municipio. No transcurso da súa estancia no concello ambos tiveron ocasión de departir no Consistorio sobre este asunto co alcalde Manuel Ruiz e coa concelleira delegada de Educación, María del Carmen Vizcaya. 

Unha limpadora máis no Número 1

Ruiz Rivas puxo en coñecemento dos representantes autonómicos algunhas das necesidades existentes nalgúns centros, como a conveniencia de contar cunha limpadora máis no IES Número 1, ante o incremento de alumnado rexistrado neste curso e tamén polas características das instalacións. 

Elevador do colexio de Palmeira

Así mesmo, o rexedor riveirense referiulles a necesidade de que se mellore o ascensor do CEIP de Palmeira e solicitoulle unha maior dotación de medios para o novo Centro Integrado de Formación Profesional. 

Os representantes da Consellería comprometéronse a estudar estas peticións. 

Consello Escolar

Esta visita ten lugar no transcurso dunha semana na que o Goberno Municipal está dando os últimos trámites para someter ao próximo pleno que se celebrará o 28 de novembro a aprobación do Consello Escolar Municipal.

Antes, en Certo:


Consello escolar: así foi a reunión coas Anpas


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe insta nunha moción a que se acondicionen as pistas do Castelo e outras melloras deportivas

Texto íntegro da moción:

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando o mantemento e conservación das pistas de deportivas en todo o municipio. 
 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS 
 

O deporte  está presente nas máis diversas facetas da vida cotián. Asegurar o desenrolo deportivo dos cidadáns implica necesariamente fomentar a práctica deportiva a través dunha maior oferta e de novos equipamentos deportivos. 

O Concello, como entidade sobre a que descansa gran parte de todo o deporte que se realiza na localidade, e que é da súa competencia, ten a obriga e a necesidade de que unha vez construídas as instalacións deportivas encargarse do seu mantemento e conservación. Resaltar a importancia de manter en perfectas condicións todo o patrimonio deportivo para, de esta forma, protexer a inversión pública realizada e prolongar a vida útil de estas o longo dos anos, garantindo unha utilización segura e confortable. O seu alto grado de utilización, estar permanentemente sometidas as inclemencias do tempo, e tamén, aínda que lamentable, o mal uso que con frecuencia se ven sometidas, non exento de vandalismo, fan que requiran un tratamento e unha dedicación constantes, preferentemente preventiva, pero tamén correctivo de reparación e reposición. 

É unha constante o abandono que sofren tódalas pistas deportivas do municipio, consecuencia de iso é que moitos mozos deste concello van a practicar deporte ó veciño concello de Boiro.  

-As pistas do Castelo teñen dúas canastras cos aros soltos, oxidados, a punto de caer, igual que o resto da estructura e apartadas nunha esquina. Dúas porterías de balonmán ou fútbol que carecen de redes e sen estar ancoradas o chan. A rede perimetral está esnaquizada por todos lados. 

-A pista deportiva de Santa Cruz ten unha portería e canastra soldada, que pon en risco a integridade física dos xogadores de baloncesto. Non existe un peche que impida que os balóns vaian fora do recinto. 

-A pista do Camiño Ancho ten unha canastra sen aro, dúas porterías sen redes e sen fixación e a rede perimetral dun lado a punto de caer. 

-No polideportivo de Venecia, os pais dos deportistas, veñen reclamando desde fai anos fundas acolchadas para protexer a base das canastras, xa que se reduciría o número de lesións. 

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes  
 

ACORDOS: 

1º.- Que se acondicionen e facilite a practica deportiva nas pistas do Castelo, Santa Cruz, Camiño Ancho e polideportivo de Venecia con canastras regulamentarias e ancoradas ó chan e porterías cas debidas medidas de seguridade ademais de reparar ou repoñer as redes perimetrais das mesmas. 

2º- Dotar de fundas acolchadas as bases das canastras no polideportivo de Venecia. 

3º.- Difundir e promover actividades en tódalas pistas deportivas do Concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o compositor local Antón Alcalde recunca no Concurso Galego de Composición ao levar dous premios

  • En total gaña 5.000 euros, con "Camiños da Fin da Terra", na categoría de banda de concerto, e "Noite de Defuntos", tamén primeiro premio da terceira categoría do certame

Rianxo, 22 de novembro de 2011. Onte, luns 21 de novembro, o xurado do IV Concurso Galego de Composición, composto por Juan Durán Alonso, Carlos Seráns Olveira e Juan Manuel Eiras Tojo, e no que actuou coma secretario o director da Escola de Música de Rianxo, Rafael Collazo, decidiu no Auditorio de Galicia que as obras Na Galiza, Camiños da Fin da Terra e Noite de Defuntos foran as pezas gañadoras desta edición.

Na primeira categoría, sección sinfónica, o primeiro premio dotado con 4.000 € recaeu na obra Na Galiza, de Paulino Pereira Martínez. O xurado destacou del o “seu achegamento ó folclore galego cun tratamento sinfónico” destacando tamén “o importante traballo compositivo” que se aprecia na obra, segundo palabras de Juan Durán. O finalista desta categoría foi Víctor Enguídanos Royo coa súa obra O misterio do Castelo de Pambre que recibirá un premio dotado con 800€.

Na segunda categoría, banda de concerto, o primeiro premio de 2.500€ caeu nas mans de Antón Alcalde Rodríguez e a súa obra Camiños da Fin da Terra. O finalista desta categoría foi Santiago Quinto Serna con Espírito Galego que recibirá un premio de 500€.

Antón Alcalde Rodríguez repetiu posto na terceira categoría, obtendo o primeiro premio, dotado tamén con 2.500€, coa súa obra Noite de Defuntos. Juan Durán, un dos membros do xurado, destacou de Antón Alcalde a súa creatividade, afirmando que “xa non é unha nova promesa senón un referente”. A obra finalista desta categoría foi A Batalla de Elviña, de Manuel Alejandro López Martínez, que recibirá un premio de 500 €.

O xurado destacou a boa calidade de todas as obras presentadas ó IV Concurso Galego de Composición para Banda de Música, salientando que “están a un nivel bo de calidade para poder competir a nivel estatal noutros certames de composición”.

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: actos dende o mércores 23 ao venres 25 para celebrar o Día Mundial contra a Violencia de Xénero

  • O venres van ler na praza do Concello un manifesto institucional 
  • O mércores inaugúrase unha exposición e o xoves haberá charlas, entre elas unha sobre a prostitución na bisbarra da Barbanza


Ribeira, 22 de novembro de 2011.- Con motivo da conmemoración este vindeiro venres, 25 de novembro, do Día Mundial contra a Violencia de Xénero, o Concello programou unha serie de actos cos que se pretende sensibilizar á cidadanía do municipio acerca desta eiva social. A concelleira de Igualdade e Xuventude, Aroa Fernández, e a directora do Centro de Información á Muller, María Dolores Crujeiras, foron as encargadas de explicar a programación deseñada. 

Exposición o mércores 23

O calendario de eventos dará comezo mañá día 23 cunha exposición do Fondo Galego de Cooperación titulada “A Paz, Cuestión de Fondo”. Esta mostra transcende o apartado específico dos malos tratos para abordar outros temas vinculados coa erradicación da violencia. Estará aberta no Auditorio ata o vindeiro 20 de decembro. 

Charlas o xoves 24

O xoves 24 de novembro desenvolverase no Auditorio Municipal unha xornada denominada “A violencia de xénero: dúas perspectivas” que constará de tres charlas e a proxección dunha curtametraxe. A primeira das conferencias estará titulada “Posicionamento de Médicos ante a prostitución” e correrá a cargo de Gemma Blanco Martínez, técnica da ONG Médicos do Mundo. A continuación, Eugenia Sampedro Pérez, da mesma organización, pronunciará a ponencia “Informe de resultados sobre Prostitución na comarca do Barbanza” mentres que a terceira conferencia levará por título “A violencia de xénero dende unha perspectiva xurídica” e será impartida por Angel María Judel Prieto, maxistrado da Audiencia Provincial. Ás 12.30 horas terá lugar a proxección de “Cicatrices”, galardoada no apartado de mellor curtametraxe de ficción nos premios Mestre Matero 2006. 

Mesa de traballo

Ademais, na tarde dese xoves 24 de novembro terá lugar a constitución da primeira mesa de traballo entre institucións para a coordinación en materia de violencia de xénero, que está enfocada a profesionais que traballan nas distintas institucións con estes casos. 

Manifesto o venres 25

Xa o venres 25 de novembro, ás 12 do mediodía, terá lugar na praza do Concello a lectura dun manifesto en contra da violencia de xénero con presenza dos membros da Corporación Municipal. 

Aprazamento

Dentro dos actos conmemorativos, estaba mañá a presentación do espectáculo “Contos coas mans abertas” pola compañía A Tropa de Trapo e a colaboración do Fondo Galego de Cooperación. Sen embargo, esta actuación tivo que ser aprazado a última hora por motivos de saúde e en principio terá lugar no mes de xaneiro. O espectáculo está dirixido a alumnos de Bacharelato. 
 

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte asiste de novo á feira Intur de Valladolid, do xoves 24 ao domingo 27 de novembro

  • Participa como co-expositor de TurGalicia
  • A novidade deste ano son as guías das rutas submarinas
INTUR 2010

Barbanza, 22 de novembro de 2011. A Mancomunidade Arousa Norte participará na XV Feira Internacional do Turismo de Interior, INTUR, no recinto feiral de Valladolid. Durante os próximos días, Arousa Norte asistirá como co-expositor no stand de Turgalicia. A representación política correrá do presidente da Mancomunidade, Juan José Dieste Ortigueira, actual alcalde de Boiro, acompañado pola xerenta, Montserrat Iglesias, que estarán presentes na feira do día 24 ao 25 de novembro.

A feira comezará o xoves 24 de novembro e rematará o domingo 27. Ata Valladolid desprazarase a técnica de turismo da Mancomunidade, Mónica Garrido, para dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais da comarca pero facendo especial fincapé nos produtos turísticos da Mancomunidade Arousa Norte: Bonos Rurais, Bonos Gastronómicos, Ruta do Mexillón, Turismo Accesible para persoas con discapacidade visual e as novas guías das Rutas Submarinas.

INTUR
A XIV Feira Internacional do Turismo de Interior é un evento especializado en turismo con sede na cidade de Valladolid, que tivo na edición anterior 43.800 visitantes, 1.250 expositores e 30.000 metros cadrados de área de exposición. Os días de apertura da feira son de xoves a domingo, en horario de 10:30 h a 20.00 h. No stand expositor ofrecerase información dos recursos da comarca a través dos diferentes folletos publicados por esta entidade: mapas e rueiros dos catro concellos, Guía de Recursos de Arousa Norte, Guía de Museos, Arqueoloxía en Arousa Norte e Audioguías de Arousa Norte.

Tamén se darán a coñecer os produtos turísticos da comarca, como son os Bonos de Turismo Rural, os Bonos Gastronómicos, a Ruta do Mexillón, Turismo accesible para persoas con discapacidade visual e as novas guías de Rutas submarinas de Arousa Norte. Coa presenza da Mancomunidade Arousa Norte en INTUR preténdese promover a
imaxe de destino entre futuros visitantes, especialmente en tempada baixa. Os alcaldes e as traballadoras da Mancomunidade estarán nesta feira especializada durante estes días para atraer a visitantes e ofrecer información cumprida sobre o destino.

Para máis información: http://www.feriavalladolid.com/intur/

FITUR 2012
Ademais, no pleno da Mancomunidade celebrado o día 14 de novembro, os representantes políticos de Arousa Norte acordaron solicitar a Turgalicia a participación como co-expositor en Fitur (Feira Internacional de Turismo) do próximo ano. A cita será do 18 ao 22 de xaneiro de 2012. Igual que en anos anteriores, a Mancomunidade fará unha presentación do destino Arousa Norte dentro do stand de promoción de Galicia.

Pode que tamén lle interese:
Ningunha das sendas de curto percorrido de Barbanza son recomendadas pola Federación Galega de Montañismo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical