- O venres van ler na praza do Concello un manifesto institucional
- O mércores inaugúrase unha exposición e o xoves haberá charlas, entre elas unha sobre a prostitución na bisbarra da Barbanza
Ribeira, 22 de novembro de 2011.- Con motivo da conmemoración este vindeiro venres, 25 de novembro, do Día Mundial contra a Violencia de Xénero, o Concello programou unha serie de actos cos que se pretende sensibilizar á cidadanía do municipio acerca desta eiva social. A concelleira de Igualdade e Xuventude, Aroa Fernández, e a directora do Centro de Información á Muller, María Dolores Crujeiras, foron as encargadas de explicar a programación deseñada.
Exposición o mércores 23
O calendario de eventos dará comezo mañá día 23 cunha exposición do Fondo Galego de Cooperación titulada “A Paz, Cuestión de Fondo”. Esta mostra transcende o apartado específico dos malos tratos para abordar outros temas vinculados coa erradicación da violencia. Estará aberta no Auditorio ata o vindeiro 20 de decembro.
Charlas o xoves 24
O xoves 24 de novembro desenvolverase no Auditorio Municipal unha xornada denominada “A violencia de xénero: dúas perspectivas” que constará de tres charlas e a proxección dunha curtametraxe. A primeira das conferencias estará titulada “Posicionamento de Médicos ante a prostitución” e correrá a cargo de Gemma Blanco Martínez, técnica da ONG Médicos do Mundo. A continuación, Eugenia Sampedro Pérez, da mesma organización, pronunciará a ponencia “Informe de resultados sobre Prostitución na comarca do Barbanza” mentres que a terceira conferencia levará por título “A violencia de xénero dende unha perspectiva xurídica” e será impartida por Angel María Judel Prieto, maxistrado da Audiencia Provincial. Ás 12.30 horas terá lugar a proxección de “Cicatrices”, galardoada no apartado de mellor curtametraxe de ficción nos premios Mestre Matero 2006.
Mesa de traballo
Ademais, na tarde dese xoves 24 de novembro terá lugar a constitución da primeira mesa de traballo entre institucións para a coordinación en materia de violencia de xénero, que está enfocada a profesionais que traballan nas distintas institucións con estes casos.
Manifesto o venres 25
Xa o venres 25 de novembro, ás 12 do mediodía, terá lugar na praza do Concello a lectura dun manifesto en contra da violencia de xénero con presenza dos membros da Corporación Municipal.
Aprazamento
Dentro dos actos conmemorativos, estaba mañá a presentación do espectáculo “Contos coas mans abertas” pola compañía A Tropa de Trapo e a colaboración do Fondo Galego de Cooperación. Sen embargo, esta actuación tivo que ser aprazado a última hora por motivos de saúde e en principio terá lugar no mes de xaneiro. O espectáculo está dirixido a alumnos de Bacharelato.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario