26.10.09

Mar: a Xunta presentou en Barbanza os orzamentos para este eido

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou no Barbanza as liñas principais que sustentan a elaboración dos orzamentos para 2010 do departamento que dirixe


Rianxo (A Coruña), 26 de outubro de 2009.- O orzamento da Consellería do Mar incrementarase nun 7% con respecto ao presentado o ano anterior pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. O total do que disporá será de 221,7 millóns de euros que son o “resultado da coordinación administrativa” defendida hoxe pola conselleira Rosa Quintana.

“Conxugamos unha rebaixa do 20% en gastos correntes que sumados á incorporación aos orzamentos do ente público Portos de Galicia demostran o compromiso do Goberno da Xunta por potenciar un dos principais sectores económicos do tecido galego: o da pesca”, sentenciou a Conselleira. O departamento de Mar medra así un 7% nas súas inversións nun momento de crise económica xeralizada. O dato contrasta co descenso dun 11,8% dos orzamentos da anterior Consellería de Pesca en comparación co exercizo 2009 cando os presupostos xerais do bipartito medraban ese ano un 4,2%.

Os orzamentos de 2010 “xorden do traballo en conxunto co sector cumprindo cos compromisos de xeito coordinado coa lexislación e a súa administración”, asegurou a conselleira, quen incidiu en que os obxectivos primordiais pasan por “reforzar o sector nas súas debilidades e fortalezas, reordenar aqueles aspectos que axuden a definir as liñas de futuro e garantir a competitividade nos mercados”.

Mar fará, a través dos orzamentos que manexa, especial fincapé en potenciar a pesca artesanal e marisqueo e a industria e a comercialización, á par que contempla unha elevada inversión en materia de salvamento e seguridade das xentes do mar.

Na rolda de prensa de hoxe, a conselleira Rosa Quintana, presentou os investimentos que fará a Consellería en materia de pesca artesanal e marisqueo e que, “se fixeron xirar arredor do triple equilibrio: social, económico e ambiental”.


Eido social
As prioridades da Consellería en materia social pasan por potenciar a ordenación do sector contribuíndo á cooperación, funcionamento e desenvolvemento das confrarías como entes que, “como demostra o compromiso deste Goberno a través da Lei de Pesca que está en trámite parlamentario, se deben apoiar”. Así, á súa cooperación, funcionamento e desenvolvemento destínanse máis de 800.000 euros para convenios coas federacións, xestión de auditorías e xuntanzas e encontros.

A conselleira incidiu na importancia de investir no capital humano a través do apoio aos traballadores destinando máis de 1,5 millóns de euros en apoio á cotización de seguros sociais que garantan as prestacións por xubilación para mariscadoras dentro da segunda fase dun proceso iniciado nos principios desta década e que “trouxo seguridade e autoafirmación ao sector”.

Rosa Quintana tamén lembrou que se destinarán 1,2 millóns de euros para o seguro de accidentes e puxo como exemplo de xestión eficaz os 300.000 euros que se reservan para o seguro de mal tempo tendo en conta que nos orzamentos pasados “por unha mala previsión” se destinaron 1,7 millóns de euros cando tan só se executaron 111.000 euros.

A Xunta contempla ademais 10,9 millóns en medidas socioeconómicas derivadas do abandono da actividade pesqueira e que serán destinadas a prexubilacións, impulso de novas actividades ou mellora da capacitación profesional.

Á formación naútico-pesqueira serán destinados máis de 3 millóns de euros que inclúen o plan integral de formación, a promoción de ensinanzas, o apoio á formación e adecuación dos coñecementos dos profesionais do mar. Este campo complétase coa inversión na diversificación e complementación das actividades extractivas cos 6,8 millóns de euros entre apoio a proxectos de plans estratéxicos e funcionamento dos Grupos de Acción Costeira, desbloqueados pola Xunta en agosto deste ano cando se asinou o convenio para a súa posta en marcha.

A seguridade marítima é outro dos compromisos que cumpren os orzamentos cunha partida de máis de 16 millóns de euros que irán destinados a mellorar a operatividade dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, no mantemento e inversión en embarcacións e na vixilancia e seguridade no mar.

Eido económico
A Consellería do Mar, fomentará a continuidade da ordenación produtiva procurando a adecuación entre a explotación económica e o estado dos recursos contemplando unha partida de máis de 6,3 millóns de euros en proxectos colectivos de xestión pesqueira e marisqueira, dos que unha parte irá destinada a proxectos de rexeneración e ampliación de espazos marisqueiros que foron xa analizados e de probada viabilidade.

Tamén se contemplan máis de 1,1 millóns de euros para as asistencias técnicas como medidas que leven ao control e definición de procesos extractivos sostibles acordes cunha explotación económica tamén sostibles.

Ademais, destinárase un importante apoio orzamentario aos avances en diversificación e innovacións na pesca costeira artesanal tanto nos aspectos técnicos coma nos sociais, polo que se achegarán máis de 950.000 euros en axudas a empresas e máis de 239.000 euros en axudas a familias.


Eido ambiental
Os orzamentos da Consellería prestan atención, ademais, á conservación dos recursos como piar fundamental do futuro da pesca potenciando unha pesca responsable e un maior control sobre as actividades extractivas ilegais polo que investirá 2,5 millóns de euros en convenios de vixilancia.

Deste xeito, e como compromiso de aposta pola sustentabilidade destinará 1,2 millóns de euros (un 20% máis) á protección de hábitats significativos e dotados de valor piscícola, marisqueiro ou natural senlleiros como son as reservas mariñas. Ao mesmo tempo apostará por continuar avaliando cientificamente o impacto das pesquerías no medio cunha partida de máis de 430.000 euros e por seguir avanzando nas repoboacións de especies de gran valor comercial, destinando 70.000 euros a este fin.

Así mesmo, un dos principais esforzos será aplicado na mellora do medio produtivo marisqueiro, especialmente nas zonas C para o que se destinarán case 15 millóns de euros en medidas de rexeneración, dinamización e adecuación desas áreas.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Curiosidades: crean en Facebook o grupo "La Maquina expendedora de consoladores de Noia"

Non imos comentar absolutamente nada... xa hai máis de 60 seareiros que o fan máis brillantemente ca nós!

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Mar: II Xornada da Construción Naval en madeira

Detalle da quilla do Nieves

Download now or preview on posterous
091023 tripticos.pdf (1193 KB)

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Opinión: os lectores quéixansenos do que non di David Fdez W.

Nós non temos que defendelo, que é maiorciño, pero non lle tiren tantos tomates ao mensaxeiro!

O artigo en cuestión é este

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Motor: un dos vídeos máis completos da Subida ao Iroite 2009

En breve poñemos unha lista de reproducción de YouTube con máis...

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra: moción dos socialistas sobre seguridade vial no Camiño Ancho

Nota de prensa da concelleira Teresa García Guillán:

Moción que presentamos no Concello para o debate do próximo Pleno ordinario. Con anterioridade xa nos diriximos á Deputación para demandar a construcción das beirarrúas.

Os compromisos adquiridos o pasado sábado 24 de outubro de 2009 ante os veciños do Camiño Ancho por Bernardino Rama, (Deputado Provincial responsable das infraestructuras, concelleiro de Deportes en Santiago), é a elaboración dun proxecto que mellore a seguridade vial  no tramo solicitado polos residentes.

Comprometeuse a volver para amosarllo co fin de que poidan opinar, xa que eles son os que mellor coñecen o lugar e antes de facer ningún trámite administrativo. Do mesmo modo que no cruce que sae da Pedreira cara a CP-6703  vaise colocar un espello e os técnicos estudiarán a posibilidade de aumentar a sinalización co fin de mellorar a seguridade das persoas neste tramo.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical