23.4.12

Ribeira: case 300 escolares celebraron hoxe o Día do Libro coa Tropa de Trapo

  • 279 nenos de 6 colexios encheron por completo o Auditorio

Ribeira, 23 de abril de 2012.- Un total de 279 nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, acompañados dos seus mestres, encheron por completo o salón de actos do Auditorio Municipal para asistir á actuación contacontos de A Tropa do Trapo que, baixo o título de “A viaxe das palabras”, serviu para homenaxear a iniciativa do Concello a conmemoración do Día Internacional do Libro.

Os pequeños pertencían aos centros CEIP Aguiño, CEIP Frións, Colexio Galaxia, Colexio Bayón, Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras e A Milagrosa de Oleiros. A actuación comezou puntual cunha presentación a cargo de Unai González Suárez, traballador de Cultura, quen felicitou a todos os asistentes e explicou brevemente por que no 23 de abril se conmemora o día do libro.

Logo tivo lugar a actuación en si, que A Tropa do Trapo narrou a historia de Lucía: unha nena que descobre unha maleta vella do seu avó e un bo día decide pescudar que segredos se gardan no seu interior. O espectáculo obtivo un grande éxito e numerosos aplausos por parte do público asistente.

Cabe lembrar que o último dos actos programados dentro do Abril Mes dos Libros 2012 (iniciativa deseñada de forma conxunta polas áreas municipais de Cultura e Educación) terá lugar o día 26 de abril ás 20 horas no Conservatorio. Será a conferencia que, no marco dos Xoves Literarios, vai pronunciar Xesús Manuel Varcálcel sobre a figura de Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a vindeira charla da Aula de Saúde, sobre coidados do corazón, este xoves 26 de abril

Ribeira: conmemoran o xoves 26 de abril o Día Mundial da Danza con portas abertas na Escola de Ballet

 


 

Ribeira, 23 de abril de 2012.- Co gallo da conmemoración este domingo 29 do Día Internacional da Danza, a Escola Municipal de Ballet quere recordar e conmemorar esta efeméride a través dunha xornada de portas abertas dos nais e pais dos alumnos que, con idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos, están a estudar na modalidade de danza clásica.

 

A devandita xornada terá lugar este xoves, día 26 de abril, ás 18.30 horas, na aula de Ballet situada no Conservatorio de Música Profesional. No acto estará presente a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e a profesora da danza clásica, Cristina Riveira.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza e Noia: a Federación Rural Galega alerta das fumigacións con flufenoxuron nestas bisbarras

Dscn2268


  • Estas prácticas, ademais de prohibidas por normativas europeas, supoñen un risco mediambiental enorme para amplas zonas do País.

 

Barbanza e Noia, 23 de abril de 2012. A Xunta de Galicia acaba de anunciar a utilización na presente primavera de fumigacións aéreas con flufenoxuron para facerlle fronte ao gurgullo do eucalipto. A afectación desta actuación acaba de ser posta de relevo polo anuncio tamén realizado polo concello de Melide no que se fala de fumigacións aéreas masivas e obrigatorias. Así mesmo a Federación Rural Galega (Fruga) di que acaba de presenciar un novo episodio nesta comarca, no concello de Porto do Son, de intentar de pór en marcha unha actuación de este tipo. Ante esta situación a Federación Rural Galega, FRUGA, quere manifestar o seguinte:

 

"Entendemos e compartimos a preocupación dos propietarios forestais ante as perdas que o gurgullo do eucalipto está a ocasionar nas plantacións forestais. Pero hai alternativas de control da praga sen recurrir ás fumigacións aereas.

As fumigacións con medios aéreos levan consigo unha serie de problemas asociados, ademais do seu alto custo, como son a deriva, que provoca que o praguicida chegue a centos de metros e incluso quilómetros do lugar de aplicación, o que pode producir a chegada do agrotóxico a espazos naturais, zonas de cultivo, coa conseguinte contaminación e acumulación en producións adicadas ao consumo humano. Así mesmo estoocasionará a perda da certificación ecolóxica das explotacións das proximidades por contaminación polo agrotóxico que non está permitido na regulación da produción ecolóxica.

Lembrar, así mesmo, que as fumigacións aéreas quedarán suprimidas nestes casos pola Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para acadar un uso sustentábel dos praguicidas (publicada o 24 de novembro de 2009 no Diario Oficial da Unión europea L 309/71) que establece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poda substituírse por outros medios desde terra. Esta normativa debería ser trasposta polos países membros antes do 14 de decembro de 2011.

Respecto do praguicida utilizado, destacar a afectación para a fauna, con especial atención ao seu efecto sobre as abellas, pois o  flufenoxuron é tóxico para as abellas e o tratamento vai ser realizado na época de máxima actividade deste insecto, co que os danos poden ser de grande importancia. Debe terse en conta, así mesmo, que o flufenoxuron é unha substancia que se inclúe dentro da moratoria europea de compostos orgánicos persistentes e que moi probabelmente deixará de estar permitido o seu uso en aplicación da Directiva 91/414/CEE e o Real Decreto 255/2003 sobre agrotóxicos, polo que o principio de precaución debera impedir o seu uso de xeito xeneralizado. De feito, estaba prevista prohibir a súa utilización a partir deste ano 2012, pero ten unha moratoria dun ano máis, polo que parece que as empresas están moi interesadas en desfacerse dos stocks dun agrotóxico que vai ser prohibido, aínda que sexa a baixo prezo, pois cando remate a moratoria terían que levalo a un xestor autorizado e pagar por elo. Dende a FRUGA non queremos que o noso país e a nosa comarca sexa o último rincón de Europa onde se verta esta sustancia tan tóxica.

Así pois dende a FRUGA reclamamos á Xunta de Galicia que dea marcha atrás no seu propósito de fumigacións aéreas con flufenoxuron, e que continúe co programa de control biolóxico por medio do parasito natural e específico do gurgullo Anaphes nitens, que ademais de ser un control respectuoso co medio ambiente ten demostrada a súa utilidade no control da praga. (Mais información no documento adxunto).

Así mesmo facemos un chamamento aos propietarios forestais a que demande da Xunta o uso do control biolóxico da praga e non participen en prácticas que só benefician ás grandes compañias de agroquímicos e prexudican ao conxunto do espazo agrario".

 Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: clausurados os cursos de alfabetización dixital de seis parroquias

 

 

 

Ribeira, 23 de abril de 2012.- O Auditorio Municipal acubillou a entrega de diplomas dos Cursos de Alfabetización Dixital que, este último trimestre, estiveron a ter lugar en seis parroquias do municipio (Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Olveira e Ribeira) e aos que asistiron un total de 123 veciños.

 

O acto de clausura, o pasado xoves 19, estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruiz, e contou tamén coa participación do concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez, e dos edís pertencentes a Olveira e Carreira, Elvira Pereira e Víctor Reiriz, respectivamente. O axente TIC Abel Alonso foi o encargado da presentación.

 

Durante a súa intervención, o alcalde subliñou as innumerables ferramentas e contidos que Internet pon a disposicións dos usuarios e mesmo destacou a idoneidade deste medio para facer algún tipo de xestión coa Administración Municipal e mesmo comunicarse co Executivo.

 

Nova aula multimedia


Ademais, recordou que no próximo verán entrará en servizo en Ribeira unha nova Aula Multimedia que, situada no inmoble que dá cabida á Escola Infantil, será máis ampla que a actual e estará moito mellor dotada tecnoloxicamente. Tamén salientou a intención do Executivo que o municipio conta cunha terceira aula que se sumará ás dúas xa  existentes (en Santa Uxía e Aguiño) e que se vai emprazar na parroquia de Palmeira.




 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: comezan as obras da rúa Celeiráns de Aguiño, que supoñen un investimento de 51.000 euros

  • O Concello vén de sacar a licitación da xestión e explotación do matadoiro por 25 anos, que prestará servizo aos catro concellos de Arousa Norte
  • A Xunta local de seguridade abordará o 9 de maio a preocupante onda de roubos no municipio


Media_httpfarm9static_emcar

 

Ribeira, 23 de abril -DÍA DO LIBRO- de 2012.- O Concello informa do inicio das obras para a instalación de pluviais e renovación de saneamento na rúa de Celeiráns, na parroquia de Aguiño. Esta actuación, cun importe de 51.000 euros, está a ser executada pola empresa Construcciones Pazo de Axeitos, S.L.

A iniciativa ten como principal obxecto solucionar os problemas de encharcamento que se producen nas fincas lindeiras ao camiño en época de choivas: un fenómeno que está provocado polo feito de que a cota destas fincas está situado por debaixo da do vial.

A tal efecto, instalarase unha rede de recollida de pluviais coa finalidade de erradicar os problemas de encharcamento, e ademais renovarase o saneamento e pavimentarase o camiño axeitadamente.

Así, a nova rede de pluviais a instalar constará dunha tubaxe de PVC corrugado de 180 metros de lonxitude e de 17 arquetas, mentres que a tubaxe de saneamento, tamén de 180 metros, será de PVC liso de 315 milímetros, renovándose as acometidas ás vivendas existentes. En canto á pavimentación, empregarase aglomerado en quente, abarcando unha área de 1.210 metros cadrados. Esta actuación corre a cargo do canon de saneamento derivado da adxudicación do servizo de augas.

Matadoiro: 25 anos de concesión prorrogables de cinco en cinco

O Concello, por outra banda, tamén acaba de sacar a licitación a contratación da xestión e explotación do matadoiro situado no municipio coa finalidade de dar servizo aos concellos integrantes da Mancomunidade de Arousa Norte (A Pobra, Boiro, Rianxo e Ribeira).

Así sae reflectido na edición do 20 de abril do Boletín Oficial da Provincia (BOP), o cal indica que a forma de explotación do matadoiro será por xestión indirecta mediante a modalidade de concesión. Esta concesión outorgarase por un prazo de 25 anos, empezándose a contar a partir do primeiro día seguinte ao da formalización do contrato. O contrato poderá ser prorrogado de cinco en cinco años ata alcanzar o máximo legal por mutuo acordo entre as partes.

A retribución do concesionario estará constituída por:

a) As tarifas do servizo de matadoiro e carrexo de carnes vixentes en cada momento.

b) Os ingresos derivados doutras actividades complementarias, como o despece, o envasado de carnes ou calquera outro aproveitamento dos produtos ou servizos do matadoiro.

c) As retribucións especiais que o Concello, previo acordo da Mancomunidade, estime oportuno, nos casos de renovación ou ampliación das obras existentes.

Con estes ingresos o concesionario cubrirá a totalidade dos gastos de explotación, entre outros: persoal, gastos de conservación das instalacións, electricidade, auga, transporte, administración, materiais, gastos xerais, compras a terceiros, amortización de inversións, gastos financeiros, beneficio industrial, o canon da concesión, taxas da Comunidade Autónoma e outras.

Canon

O canon mínimo que haberá de satisfacer o adxudicatario ao Concello é de 3.000 euros anuais, ou o que propuxera o licitador de resultar superior. Este canon será revisable anualmente conforme ao IPC de acordo coa fórmula de revisión das tarifas.

O prazo de presentación de ofertas no Rexistro Xeral do Concello terá lugar nos vinte días hábiles posteriores ao da publicación do citado anuncio de licitación no BOP (no caso de que o día de finalización do prazo, resultase sábado ou festivo, quedará automaticamente prorrogado ao día hábil seguinte).


Onda de roubos: a análise o 9 de maio


Os episodios de roubos que se están producir nas últimas semanas en distintos puntos do municipio van ser analizados durante a celebración dunha Xunta Local de Seguridade que, convocada polo Concello, vai ter lugar a principios do mes de maio: concretamente, o día 9 ás 12 do mediodía.


Esta Xunta Local contará coa participación de representantes do Concello (co alcalde á cabeza), a Xunta de Galicia e a Administración Estatal (vía subdelegación do Goberno) e das distintas forzas de orde público.

Dende o Executivo agárdase que a celebración desta Xunta sirva para que, tras estudar o tema, se adoiten consensuadamente aquelas medidas que sexan máis axeitadas en orde a afianzar a seguridade cidadá e combater este tipo de sucesos delictivos.

Pode que tamén lle interese:

 


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: Antón Riveiro Coello, un dos fundadores de Barbantia, logra o Premio da Crítica por "Laura no deserto"

http://www.aelg.org/resources/centrodoc/members/photos/1169033135132anton.jpg;jsessionid=9364DF41612BCC68993089F0B153E73B
Imaxe da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Riveiro Coello

Barbanza, 23 de abril -Día do Libro- de 2012. O escritor Antón Riveiro Coello, natural de Xinzo de Limia pero barbanzano de adopción, vén de gañar o Premio da Crítica española pola mellor obra de narrativa en galego pola súa última novela, "Laura no deserto". Na categoría de poesía gañou Olga Novo, unha das poucas literatas galegas que lle adica tempo ao erotismo na nosa lingua. O poemario polo que foi premiada titúlase "Cráter".


Info da novela "Laura no deserto" na páxina de Galaxia:

Compostela, Barcelona, Europa durante a Segunda Guerra Mundial, Nova York a fins do século XX, son os escenarios dunha obra narrativa que ergue un sólido universo e entra na alma dos personaxes para nos falar cunha voz intensa sobre a identidade, a culpa, o amor ou a liberdade.

A nova novela de Riveiro Coello iníciase na primavera de 1982 en Barcelona co achado dunha carta e vai espallando a súa trama por Compostela, Nova York e a Pobra do Caramiñal. O autor de As rulas de Bakunin consegue artellar unha novela na que aventura vital, epopea social e interese narrativo se xuntan. As historias de Diana, que na Barcelona de 1982 atopa unha carta onde se descobre un pasado familiar ata daquela agochado; a dos últimos días da vida dun intelectual en Compostela, que lega ao seu fillo un enigma aínda non resolto; os intentos de Bob, un fotógrafo retirado de Brooklyn, por salvar a Bernie, un amigo que probou o suicidio, e a historia do destino ignoto dunha muller que se debate por conservar os últimos gromos da memoria.

Velaquí unha trama na que a resolución das liñas narrativas lle pide tamén ao lector ou lectora un posicionamento perante o narrado que o ha implicar ineludiblemente na novela. Escrita co característico estilo preciso e envolvente de Riveiro Coello, Laura no deserto é unha das grandes achegas narrativas da novela galega contemporánea.

Crítica de Xosé Manuel Eyré en Galicia Confidencial, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical