26.5.11

Medio Ambiente: Adega denuncia que os parques eólicos de Barbanza e Noia van acabar con zonas de especial interese arqueolóxico e ambiental

Casota_pramo

Barbanza-Noia, 26 de maio de 2011. Polo seu interese, e porque afecta ás bisbarras sobre as que informamos, reproducimos de xeito íntegro a denuncia de Adega sobre os parques eólicos que afectarán, de facerse tal e como están previstos, a xacementos arqueolóxicos e hábitats prioritarios.

"O recente concurso eólico continúa alumeando monstros. Unha batería de parques eólicos pretenden coller sitio por todo o país (nos outeiros que aínda quedan libres). Tanto ten que sexa sobre espazos propostos para ampliar a cativa Rede Natura galega (Chans do Barbanza), sobre hábitats prioritarios (no Barbanza e Outes); humidais inventariados (en Barbanza e Mondoñedo); zonas importantes para as aves (n'A Limia); paisaxes costeiras de interese catalogadas no POL (esteiro do Anllóns en Ponteceso, e Valdoviño) e mesmo sobre áreas de especial riqueza arqueolóxica (Outes e o Boiro). Todo sexa por seguir producindo megavatios a costa de converter o territorio nun inmenso parque eólico para seguir engordando os escandalosos beneficios das eléctricas.

CONSIDERACIÓNS DE ADEGA AOS PROXECTOS

“PARQUE EÓLICO 'AIRAS' (ALFOZ-MONDOÑEDO); PARQUE EÓLICO 'O BARBANZA' (BOIRO); PARQUE EÓLICO 'OS PENIDOS' (VALDOVIÑO); PARQUE EÓLICO 'OUTES' (NEGREIRA E OUTES); PARQUE EÓLICO 'SALGUEIRAS' (PONTECESO); PARQUE EÓLICO 'XINZO NORTE' (SARREAUS)

ENCOL DAS AFECCIÓNS AOS ESPAZOS DE INTERESE NATURAL:

PE-O-BarbanzaAs instalacións do parque eólico “O Barbanza” sitúanse sobre unha área proposta pola Xunta de Galiza en 2008 para formar parte da Rede Natura 2000 e designada como “LIC Serra do Barbanza”, código ES1110019, cunha extensión de 4.711,15 hectáreas. Este novo LIC resposta á necesidade de aumentar a representatividade dos hábitats húmidos de turbeira e mato da rexión bioxeográfia atlántica, tal como recomenda a CE na Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (Diario Oficial da Unión Europea. 29.12.2004: L 387/1).

Pola súa banda, o parque eólico “Xinzo Norte” sitúase a escasos metros da IBA (Important Bird Area) da Limia próxima á ZEPA da Limia, nunha área na que se detecta a presenza de especies de aves incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). Os posíbeis impactos destas instalacións na avifauna protexida, que nós consideramos críticos, non están convintemente avaliados nos EIAs (estudos de impacto/efectos ambientais) dos proxectos.

Os-Penidos-ValdovioOs parques eólicos “Os Penidos” en Valdoviño e “Salgueiras” en Ponteceso, sitúanse moi próximos ás ZEPAs “Ferrolterra-Valdoviño” e “Costa da Morte-Norte” respectivamente, e aos LICs “Costa Ártabra” e “Costa da Morte”. Nos EIAs destes parques non se avalían convintemente as posíbeis interferenzas e impactos sobre os valores estes espazos, particularmente sobre a avifauna, por canto as instalacións sitúanse a carón da fronte costeira en plena rota de invernada e campeo. A situación dos aeroxeradores constitúe unha verdadeira barreira artificial aos movementos da avifauna e dos quirópteros ao longo da costa e entre os diversos humidais litorais, cabendo esperar importantes afeccións por colisión, ruidos e outras interferenzas sobre as aves e morcegos que dende ADEGA consideramos críticas.

ENCOL DAS AFECCIÓN AOS HÁBITATS

Os parques eólicos “O Barbanza” e “Outes” sitúanse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios: breixais húmidos atlánticos, códs. 4020* e/ou 4040*; e *7110 Turbeiras altas activas e *7140 Turbeiras de transición e flotantes, para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Portanto, e como sinala o  artigo 6.4 da devandita Directiva 92/43/CE, para calquera actuación sobre estes hábitats deberiase elevar consulta á Comisión Europea e xustificar que os proxectos respostan a “…consideracións relacionadas coa salúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta a la Comisión, outras razones imperiosas de interés público de primera orde”.

Os parques eólicos “O Barbanza” e “Airas” e as súas instalacións complementares (pistas, gabias, etc.) sitúanse ademáis sobre humidais incluidos no Inventario dos Humidais de Galiza, concretamente sobre as “Brañas da Serra do Barbanza” (código 1110118) no primeiro caso e “Penedo Grande”, código 1120340, no segundo caso. Trátase en ambos os dous casos de zonas de turbeiras e brañas asociadas a penicháns graníticas.

ENCOL DAS AFECCIÓNS ÁS ESPECIES:

PE-Xinzo-NorteO parque eólico “Xinzo Norte” sitúanse na veciñanza da ZEPA da Limia e da IBA do mesmo nome. Como se reflicte na cartografía das aves protexidas incluidas nos EIAs  tanto este parque “Xinzo Norte” como o parque eólico “O Barbanza” ocupan  teselas con  presenza de aves en perigo de extinción e vulnerábeis. Para primeiro caso (Xinzo Norte), as instalacións afectan até a 3 especies de aves consideradas vulnerábeis ou en perigo de extinción segundo o CGEA, entre as que se atopa o sisón (Tetrax tetrax); e para o segundo (O Barbanza), hai 1 especie afectada, concretamente a tartaraña cincenta (Circus pigargus).

ENCOL DAS AFECCIÓNS Á PAISAXE:

PE-Salgueiras-PontecesoOs parques eólicos de “Os Penidos” en Valdoviño e “Salgueiras” en Ponteceso ocupan espazos de interese paisaxística considerados como “de interese” no POL (Plano de Ordeamento do Litoral). Segundo este documento, os espazos con esta consideración teñen a vocación de formar parte dos instrumentos de protección da paisaxe, quer o catálogo de paisaxes de Galiza establecido na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

A maiores, o parque eólico “Salgueiras” en Ponteceso (figura 5) sitúase a menos de 1 km do esteiro do Anlóns e da duna remontante do Monte Branco, un elemento de singular interese pausaxística e xeomorfolóxica que quedaría irreversiblemente afectado pola instalación de aeroxeradores de 120 m de altura nuns outeiros litorais que apenas superan os 200 m.

A calidade paisaxística da área de actuación, unha das máis representativas da paisaxe costeira galega e identificativa da Costa da Morte, veríase  irremediabelmente estragada, co conseguinte perxuízo económico ao incipiente sector turístico. Cómpre lembrar que a Lei 7/2008 da Protección da Paisaxe de Galiza traslada ao ordeamento galego as diretrices emanadas da Convención Europea da Paisaxe e establece a obriga de redactar un catálogo de paisaxes protexidas. Entendemos que mentres non se desenvolva este instrumento legal, cuxo xermolo figura no POL, sería recomendábel aplicar o principio de precaución e non autorizar actividades que, poideran condicionar negativamente e deteriorar os valores paisaxísticos destas contornas.

ENCOL DAS AFECCIÓNS AO PATRIMONIO:

PE-OUTESO parque eólico “Outes” nos concellos de Negreira e Outes amosa unha forte afección a un importante conxunto de xacementos arqueolóxicos por parte das pistas, gabias e obras complementares da instalación. Polo que atinxe ao parque eólico “O Barbanza” (figura 1), sitúase nunha área (as chans do Barbanza) cunha das maiores densidades de xacementpos arqueolóxicos do país, que abranguen dende o paleolítico (con moi poucas estación en Galiza), até a idade do ferro pasando por unha das máis importantes representacións do megalitismo peninsular (a Arca do Barbanza, a poucos centos de metros do novo parque,é o meirande monumento galego desta idade). Todas as penicháns da serra do Barbanza, pola súa riqueza e potencialidade arqueolóxica, deberían ter sido declaradas “zona arqueolóxica”, consonte ao artigo 8.4.e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galiza.

Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS que se teñan en conta as presentes consideracións e que por parte das administracións competentes rexéitese autorizar os proxectos de parques eólicos  “Airas”, “O Barbanza”, “Os Penidos”, “Outes”, “Salgueiras” e “Xinzo Norte”.


Web de Adega: http://adega.info

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: denuncian que a Consellería de Rosa Quintana é incapaz de executar o seu orzamento

O Psoe di que a Conselleira de Mar non consegue dar de baixa máis de 53 millóns de euros de 2010, mentres deixa sen seguro a máis de 30.000 traballadores do mar

Media_httpfarm6static_jjdgi

Imaxe de arquivo

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira sinala quedaron sen investir 176 millóns de euros correspondentes ao exercicio de 2010. Cualifica a xestión da Conselleira como de “incapacidade manifesta de administrar con eficacia” os recursos do departamento 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira interviu hoxe na Comisión 8º do Parlamento para reclamar explicacións sobre o orzamento da Conselleira do Mar, xa que denuncia que ten executado en torno o 40 por cento correspondente a 2010. Cualifica a xestión da Conselleira como de “incapacidade manifesta de administrar con eficacia” os recursos do departamento. 

Soneira sinala que, de acordo cos datos de execución orzamentaria, a Consellería do Mar deixou sen investir un total de 176 millóns de euros correspondentes ao exercicio de 2010. Esta situación, dixo, resulta “especialmente grave” como “mostra de incompetencia nunha situación de crise económica como a que vivimos e onde o financiamento público pode actuar de motor dinamizador”.  

Explicou que Mar só  executou o 46,2 por cento do orzamento correspondente a 2010, só superada pola Consellería de Economía e Industria, que só executou o 42,2 por cento do seu orzamento. Estes datos son aínda peores, explica, si restamos o Fondeo Europeo de Pesca e as transferencias finalistas do Estado, que o departamento de Mar tramita pero non xestiona. 

De acordo con estes datos, os niveis de execución deste departamento en 2010 resultan incluso inferiores aos de 2009, situándose por debaixo do 40 por cento do orzamento propio do departamento.  

Soneira lembrou que PP durante a pasada lexislatura chegaron a pedir a dimisión da conselleira de Pesca cando tiña uns niveis de execución substancialmente máis elevados que a actual responsable do departamento. 

Partidas que a Consellería do Mar deu de baixa durante 2010: 

Medida 3.5 de Operación piloto (1.100.000), unha vez atendidas as convocatorias para o presente exercicio prevense remanentes que non se utilizarán 

Medida 2.1 Acuicultura (31.395.000,00) Existen remanentes de crédito de exercicios anteriores que se veñen incorporando, a execución orzamentaria é baixa debido a non estar posto en marcha o Plan de Acuicultura ao que se engade o que as grandes empresas non podan acceder ás axudas, o que provoca a existencia de remanentes que se propón dar de baixa. 

Medida 3.1 Accións colectivas (5.500.548,58) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non se prevén executar polo que se solicita a súa baixa... 

Medida 3.2 Protección da flora e fauna acuática (542.163,95) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non se prevén executar polo que se solicita a súa baixa. 

Medida 3.3 equipamento portos pesqueiros (3.355.000,00), para executar estes créditos resulta preciso contar con proxectos encadrados nun plano de actuacións en portos que se está a elaborar, polo que é imposible executar a totalidade, propoñendo a baixa indicada. 

Medida 4.1 Desenvolvemento sustentable de zonas pesqueiras (8.172.071,01), unha vez cifrados os compromisos derivados da orde de convocatoria para este exercicio se prevé a existencia de remanentes que non se utilizarán e que se propón dar de baixa.

Media_httpfarm3static_lzbbi

"A actitude da Xunta ante o seguro obrigatorio é un insulto aos galegos" 

Na citada Comisión a portavoz socialista tamén reclamou explicacións pola publicación dunha Orde de axudas para subvencionar a subscrición do seguro obrigatorio das embarcacións con porto base en Galicia. Alí acusou a Conselleira do Mar de primar os intereses dunha única aseguradora sobre os do sector pesqueiro e marisqueiro, ademais de deixar sen seguro a mais de 30.000 persoas. E replicou que agora din que “aínda están con tramites burocráticos”, xa que non sacaron ningunha normativa para contratar estes seguros. Por iso cualificou a Xunta de“irresponsable”. 

E preguntou que pasa cos centos de mariñeiros que están enrolados en barcos con bandeira de conveniencia que antes si estaban protexidos co Seguro Colectivo de Accidentes anulado por este goberno, e que hoxe quedan tirados sen ningunha cobertura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Coral Polifónica Municipal presenta o disco "Voces de Ribeira" este domingo no auditorio

É o seu primeiro traballo discográfico, con 12 temas e ampla presenza de cancións de autores de Ribeira

Ribeira, 26 de maio de 2011.- A Coral Polifónica Municipal  presenta este domingo, 29 de maio, ás 20.30 horas, nun concerto no Auditorio o seu primeiro traballo discográfico, titulado “Voces de Ribeira”. Para falar da actuación e do disco compareceron hoxe no Auditorio o concelleiro de Cultura e Festexos, Luciano Fernández, e o director da coral, Enrique Paisal. 

O edil en funcións sinalou que o disco está composto de 12 temas cuxa música ou ben foi composta por Enrique Paisal ou ben conta con arranxos ao seu cargo. Ademais, informou de que moitas das cancións están escritas por autores do municipio, como “Canción del Centenario”, con letra de Emilio Erolo; “Himno de Riveira” e “Mariñeiro de Dorniña”, ambas escritas por Manuel Ramallo, ou “A Palmeira”, de José Vicente Domínguez. 

Nesta primeira tirada, editáronse un total 500 exemplares do CD, que está acompañado dun pequeno dossier no que se reflicte a historia desta coral municipal creada no ano 1991, así como a relación das persoas que actualmente a compoñen. 

Actuacións internacionais

Luciano Fernández destacou a gran traxectoria deste grupo, “levando o nome de Ribeira moi alto nas súas exitosas actuacións, mesmo fóra dos límites da comarca e de Galicia”. A este respecto, recordou que a coral municipal ten actuado en lugares tan afastados como Adeje (nas Illas Canarias) ou incluso en Baltimore, New Jersey e New York, nos Estados Unidos. 

O concelleiro sinalou que a actuación do domingo é gratuíta (poderanse retirar as entradas dende media hora antes do inicio da mesma) e convidou aos veciños a que se acheguen ata o Auditorio para disfrutar das 42 voces mixtas que integran o colectivo dirixido por Enrique Paisal. 

En canto a este último, agradeceu a colaboración do párroco de Palmeira, Ricardo Villaverde, por ceder a Igrexa para a gravación, así como do técnico musical da Radio Galega, Pablo Barreiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: voltan reclamar un surtidor de combustible profesional no peirao

O deputado do BNG Bieito Lobeira considera que dentro das obras previstas por Portos de Galicia en diversos portos galegos é posible a instalación de surtidores de gasolina profesional á metade de prezo para mariñeiros e pequenos armadores
Media_httpfarm4static_zhdcp

Rianxo, 26 de maio de 2011. No transcurso dunha pregunta parlamentaria ao Goberno sobre as previsións de instalación dun  surtidor de combustible no porto de Rianxo o deputado do BNG, Bieito Lobeira fixo extensible esta petición para  os portos galegos ao fin de subministrar gasolina profesional, a metade de prezo, a mariñeiros e pequenos armadores.

Lobeira considerou que así como para o uso agrario hai gasolina profesional no caso da pesca tamén o gasóleo é profesional e a gasolina pode selo na mesma medida "pero lamentablemente, non é así, quizais –asegurou- para evitar picaresca e utilizar esta gasolina para outros usos que non sexa o profesional".

Neste sentido, dixo que existen métodos para controlar o destino deste combustible como xa ocorre no porto de A Coruña e lembrou que no Parlamento galego foi aprobada unha Proposición non de lei para poñer  en marcha un proceso de negociación para a instalacións destes surtidores.

Lobeira afirmou que no caso de Rianxo é “unha verdadeira necesidade” este servizo, por mor do volume de embarcación pequenas que utilizan o porto e polo momento de crise económica.

Marcado químico custoso

Pola súa parte, o director de Portos de Galicia explicou que o problema crítico da gasolina bonificada é o custoso marcado químico que precisa  para evitar problemas de fraude e afirmou que o Goberno galego segue  traballando  co provedor para garantir o subministro  que con toda probabilidade será viable este ano.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este venres 27, documental sobre Alzheimer e o sábado, humor en Abanqueiro

Cartel_documental_alzheimer

Boiro, 26 de maio de 2011.Mañá, venres, 27 de maio, ás 19.30 horas, na casa de cultura “Ramón Martínez López”, terá lugar a proxección do documental “Bicicleta, cuchara, manzana”, organizado polo Departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro, en colaboración coa Asociación Galega de Enfermos de Alzheimer. O filme, dirixido por Carles Boch, resultou gañador dun Goya no ano 2011. Está dirixido a toda a poboación en xeral, e en particular a todas aquelas persoas coidadoras, ou que teñan algún familiar ou coñecido que padeza este tipo de demencia. Ao remate haberá un coloquio sobre a enfermidade, onde os asistentes terán a oportunidade de preguntar a especialistas no tema sobre cuestións de interese.

"Noites de humor" en Abanqueiro

Media_httpfarm6static_ujvze

Xa o sábado, 28 de maio, ás 21:30 horas, terá lugar no centro social "A Fieiteira" de Abanqueiro unha sesión de monólogos a cargo de Teatro do Improvisto. Representarán "Noites de humor. Capítulo III". Entrada de balde. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o venres 3 de xuño, xogo literario con espectáculo no Ateneo Valle-Inclán

Boiro: o alcalde en funcións acude o martes, 31 de maio, a recoller en Madrid as bandeiras "Q" para Carragueiros, A Retorta e Mañóns

Boiro vai estrear dous novos puntos accesibles na praia de Barraña
Media_httpfarm5static_wuqsz

Bandeira azul e distintivo "Q", na praia das Catedrais (Ribadeo, Lugo)

Boiro, 26 de maio de 2011. O Concello de Boiro manifestou, a través do Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e da Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó, a súa satisfacción pola concesión, un ano máis, de cinco bandeiras azuis para as praias do municipio, concretamente as de Barraña, Carragueiros, Mañóns, A Retorta e Saltiño-Barraña-Esquerda. Esta enseña garante non só a calidade das augas, a area e a limpeza dos areais, senón tamén outros servizos como poden ser duchas, baños ou servizos de salvamento e socorrismo.

O Concello de Boiro leva feito un importante esforzo para incrementar os servizos nas súas praias, sendo unha das actuacións máis destacables a dotación de  “puntos accesibles” para persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida nas praias de Carragueiros, A Retorta e Mañóns, e este ano estrearemos outros dous puntos na praia de Barraña; un situado en Praia Xardín (fronte ao restaurante Galeón) e outro a carón do área deportiva de Barraña.

Estes puntos contan, entre outras cousas, con aparcadoiro, duchas e aseos adaptados, unha pérgola que constitúe unha zona de sombra, así como cadeiras anfibias e muletas. O persoal de socorrismo tamén está dispoñible para axudar a estas persoas e atender as súas necesidades.

Por outra banda, o Concello de Boiro informa que Boiro conta ademais este ano con outras tres bandeiras “Q” de calidade turística nas praias de Carragueiros, A Retorta e Mañóns. O Alcalde, Xosé Deira Triñanes, asistirá este martes, día 31 de maio, ás 11.00 horas na sede do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, en Madrid, ao acto de recollida de ditas bandeiras.  

Relacionada:
Bandeiras azuis: suman 3, restan 2

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: as obras de mellora do porto comezarán tralo verán e a lonxa adiarase notablemente

Así llo confirmou Portos de Galicia ao Bng nunha resposta parlamentaria. Bieito Lobeira cuestionou este anuncio ao non estar aínda redactado o proxecto da lonxa de Ribeira, circunstancia que provocará –na súa opinión- “un importante retraso” 
Media_httpfarm3static_jablt

Ribeira, 26 de maio de 2011. No transcurso dunha pregunta parlamentaria ao Goberno relativa ás previsións de mellora do porto de Ribeira formulada polo portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira, o director de Portos de Galicia confirmou que “as obras darán comezo tralo verán”.

En relación ao anuncio da posta en marcha, no ano 2013, da nova lonxa de Ribeira, Lobeira asegurou que “o proxecto aínda non está redactado” o que producirá “un importante retraso” no seu funcionamento no ano previsto.

Media_httpfarm6static_qimds

Imaxe virtual da lonxa ribeirense, prometida en cada campaña electoral

Asemade, o deputado tamén se interesou pola mellora dos pantaláns de embarcacións menores que debido o seu deterioro provocaron varios accidentes de usuarios. Neste sentido, o director de Portos de Galicia afirmou que as obras estarán rematadas despois do verán. Para o deputado do BNG, que o porto de Ribeira estea considerado o primeiro porto de baixura  de Europa non se corresponde coa vontade do Executivo galego de “actuar e respectar os prazos previstos nas súas melloras”.

Lobeira criticou a redución orzamentaria destinada a dotar de infraestruturas básicas ao sistema produtivo do mar e dedicar máis partidas para a “mellora  do atractivo do litoral galego” como evidencian orzamentos que manexa Portos de Galiza. A este respecto engadiu que, o “BNG non é antiturismo” pero considerou que a prioridade é a mellora das condicións que permitan o potenciamento dun sector fundamental para a economía galega como son a pesca e o marisqueo.

O parlamentario nacionalista concluíu a súa intervención preguntando pola data de entrada en funcionamento do paradoiro para embarcacións menores” de pequeno porto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical